"É un non parar durante todo o día, pero é lóxico", di Angelly Ferreiro, educadora social en SOS Racismo Galicia. Faise entender malia o balbordo de fondo: o dos teléfonos soando seguido, o do timbre da porta cada pouco e o das preguntas de ducias de migrantes que acoden desde o pasado luns á sede da entidade, unha das colaboradoras acreditadas polo Estado para algúns dos trámites precisos no proceso de regularización en marcha que abre a porta ao traballo legal a unhas 10.000 persoas no país e medio millón no conxunto do Estado.
"É a pelexa polos teus dereitos básicos, por ter estabilidade, un traballo digno, que non te exploten ou que non te paren pola rúa e acabes deportado; son dereitos fundamentais"
"É, en realidade, a pelexa polos teus dereitos básicos, por ter estabilidade, un traballo digno, que non te exploten ou que non te paren pola rúa e acabes deportado... É unha loita por dereitos fundamentais", resume Ferreiro sobre un proceso de regularización extraordinaria que abriu a pasada semana o prazo para as solicitudes vía telemática e desde o luns para a presentación de forma presencial. O 30 de xuño (en pouco máis de dous meses) é a data límite para achegar todos os expedientes e estas asociacións non paran, tras denunciar varias delas un prazo de solicitude "extremadamente curto" tendo en conta a demanda existente.
Sempre de xeito gratuíto, resolven dúbidas, axudan cos trámites e a documentación, atenden centos de preguntas por teléfono e son, xunto cos servizos sociais dos concellos, as únicas entidades que poden expedir o certificado de vulnerabilidade, documento clave para poder acceder a esta regularización extraordinaria e que acredita que a solicitante se atopa nunha situación de risco social ou económico.
As entidades colaboradoras acreditadas polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións para este trámite forman parte dunha listaxe na que pediron incluírse de forma voluntaria. Na apertura do proceso, só había 13 de Galicia e nalgunhas urbes, como Lugo e Vigo, non aparecía ningunha. Dun total de arredor de 250.
As entidades sociais acreditadas polo Ministerio son, xunto cos servizos sociais, as únicas que poden emitir o informe de vulnerabilidade; só 13 de Galicia se incluíron na listaxe oficial
"Non se entende; é certo que nestes últimos días estanse a sumar algunhas máis, solicitando ao Ministerio que as habilite, pero botamos de menos as entidades máis grandes e con moito financiamento público... Ao final, nalgunhas cidades só somos dúas ou tres facéndonos cargo", explica Patricia Ares, coordinadora da ONGD Viraventos, na Coruña, con sede entre o Ventorrillo e o Agra do Orzán, epicentro dos barrios máis mestizos e con máis poboación migrante do país, onde tamén ten o seu local principal SOS Racismo Galicia,
Esta entidade xa advertira nun comunicado da "falta de implicación" no proceso de regularización "das grandes entidades do terceiro sector, que reciben inxentes cantidades de cartos públicos para traballar a prol dos dereitos das persoas migrantes e que, neste momento histórico deciden manterse á marxe e non facilitar o asesoramento, o acceso, a tramitación e o acompañamento para garantir que ninguén quede atrás"
Desde a sede de SOS Racismo Galicia, Angelly Ferreiro explica que non só reciben consultas e xente da súa zona de influencia, "senón de toda A Coruña, mesmo de Ferrol ou de Lugo". E nestes últimos días, chamadas "de toda España, desde Madrid a Valencia". Tamén en Viraventos teñen solicitudes para emitir informes de vulnerabilidade "de todo o Estado" e en Bumei, asociación de mulleres pola igualdade, tamén incluída na lista do Ministerio e con sede na Mariña, unha das últimas peticións chegou desde Tenerife.
Entidades sociais amosan a súa sorpresa pola "falta de implicación" doutras grandes asociacións do terceiro sector no proceso de regularización
"Loxicamente, non podemos atendela porque obter un certificado así non é asinar e listo, hai que facer comprobacións, trámites... Priorizamos a xente que xa está con nós, á que xa temos referenciada, e logo intentámolo coas da comarca e de localidades máis próximas", explica Antía Díaz, traballadora social nesta entidade mariñá, á que tamén chama a atención sobre o feito de que entidades sociais moito máis grandes, como Cáritas, non se incluísen na lista de colectivos acreditados para estes trámites.
No caso das persoas que xa teñen expediente aberto nos servizos sociais ou nalgunha destas entidades, a expedición do documento é máis rápida e, nalgúns casos, case automática. A súa situación de vulnerabilidade está máis que acreditada. Se non o ten, o proceso alóngase ao ter que certificar as súas circunstancias e levar a cabo a avaliación que, no outro caso, xa veñen feita de antes.
"Só podemos emitir informes de vulnerabilidade a persoas que residen na Coruña ou na súa área e chega moita xente solicitándoos, pero temos que priorizar aquelas que xa son beneficiarias dos nosos proxectos, que xa teñen expediente con nós", explica Ares, que aclara —como outras compañeiras noutras asociacións— que son moitos os avogados que se poñen en contacto coas entidades acreditadas desde diferentes puntos do Estado.
"Eu faría o mesmo"
"Entendo que, dentro da súa desesperación e tendo en conta a data límite do 30 de xuño, haxa quen colla a listaxe e se poña a chamar... Seguramente eu faría o mesmo", engade Ares, que aclara que esta circunstancia dáse en xente "que non ten entidade de referencia ou nunca foi aos servizos sociais", casos nos que xa serían atendidos ou derivados ao organismo correspondente.
A demanda dun certificado de vulnerabilidade, que non se contemplara ao principio como exixencia, é o que provoca maior aluvión de consultas, dúbidas e citas nas entidades sociais
A clave, explican expertos, está no feito de que o informe de vulnerabilidade —que só poden emitir servizos sociais ou as entidades acreditadas polo Ministerio— pasase a ser un requisito para a regularización, "algo co que non contaban todos os avogados que fan as tramitacións telemáticas, así como moitas outras asociacións". Nos primeiros borradores do decreto para o proceso non se contemplaba a exixencia do certificado coa premisa de que toda persoa en situación irregular é vulnerable. Pero no último momento, e tras a recomendación do Consello de Estado, o Goberno central decidiu exixilo nalgúns casos.
Non é preciso para quen é solicitante de protección internacional, quen traballou e España ou pretende facelo por conta allea ou para quen ten fillos menores a cargo ou maiores con discapacidade. Pero a petición é masiva por ser a súa obtención máis áxil e menos complexa que, por exemplo, acreditar un emprego previo.
"Normal que avogados e entidades collan o listado e acaben solicitando en varios sitios", reflexiona Miguel Fernández, presidente do Foro Galego da Inmigración e da Plataforma polo Emprego, entidade compostelá que é outra das acreditadas na lista da Administración. A demanda do certificado de vulnerabilidade está sendo o colo da botella que atranca un chisco un proceso que implica ringleiras, esperas e ansia lóxicas por parte de moitas persoas.
"Eu tamén agardaba que houbese máis asociacións acreditadas en Galicia, é rechamante", di Fernández tras aclarar que os servizos sociais dos concellos urbanos "xa están saturados de traballo" e de aí que as entidades sociais acaben asumindo tantos trámites.
Miguel Fernández, do Foro Galego da Inmigración, destaca que o proceso de regularización discorre "de xeito ordenado e sen demasiados problemas" en Galicia
Con todo, Fernández destaca que o proceso de regularización está a ser "bastante tranquilo, de xeito ordenado e sen demasiados problemas en Galicia" polo "bo funcionamento" da cita previa nas 15 oficinas de Correos ou da Seguridade Social habilitadas para a presentación das solicitudes.
Coincide co balance feito polo delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, que destacou a boa marcha dun proceso de regularización "moi importante para miles de persoas e familias en Galicia". "Un paso decisivo, xusto e necesario que permite recoñecer a realidade de persoas que xa viven, traballan e contribúen ao progreso colectivo, garantindo os mesmos dereitos e obrigas", engadiu quen reivindicou Galicia como unha terra aberta e solidaria, “que sabe o que é emigrar e que sempre soubo acoller”.
Tamén destaca o presidente do Foro Galego da Inmigración a "antelación" de moitas persoas migrantes que nos últimos meses foron conseguindo outras documentación necesaria para se regularizar, como o certificado de antecedentes penais ou o que acredite unha estadía de polo menos cinco meses en España. O de vulnerabilidade, que é o que está a causar máis présas e preocupación entre os e as demandantes, "é moi doado de cubrir", lembra Fernández. E mesmo de xustificar, explica: "A propia situación de irregularidade é a que impide á xente ter un emprego e, polo tanto, a que provoca a súa situación de vulnerabilidade".
As entidades sociais reciben "unha avalancha de chamadas" nos últimos días, tanto da súa área de influencia como de moitos puntos do Estado
Pero se a persoa nunca foi antes aos servizos sociais, o trámite non é automático, nin moito menos. Precísase que estes servizos sociais dean o visto e prace e confirmen a vulnerabilidade da persoa. "Debemos saber cal é a súa situación, valorala, comprobala e logo facer o informe; por iso priorizamos a xente que xa está nos nosos programas e logo aquela que reside pola zona para poder concertar unha cita e ir concello a concello cadrando axendas", explica Antía Díaz desde Burela, onde a asociación Bumei está a recibir "unha avalancha de chamadas" nos últimos días e onde catro traballadoras atenden cada día persoalmente "cinco ou seis persoas", ademais das dúbidas e cuestións vía telefónica.
Desde a Agra do Orzán, na Coruña, a sede de SOS Racismo non para. "Chega moita xente sen cita pero temos que organizarnos porque non damos abasto", explica Angelly Ferreiro. Nun día calquera desta semana, son arredor de 15 as persoas citadas para facer os trámites. "E cada cita non é unha persoa senón toda a familia, máis as chamadas telefónicas e todas as dúbidas que resolvemos a diario", explica sobre un labor que, en moitos casos, faise en coordinación con outras entidades non acreditadas.
"Moitas dúbidas"
"Poñémonos de acordo con outras asociacións da zona de Santiago para que nos manden os informes de vulnerabilidade xa cubertos e nós poidamos comprobalos e asinalos para facer todo o máis rápido posible", explica Miguel Fernández.
Na sede da entidade Viraventos son cinco persoas (todo o cadro de persoal menos unha) as que están a dedicar a xornada completa á regularización, tanto facilitando o certificado de vulnerabilidade como resolvendo dúbidas, axudando co informe de antecedentes penais ou mantendo entrevistas previas para encarreirar o proceso. "Hai que entender que a xente levaba meses agardando a que se abrisen os prazos e os primeiros días acoden ás ONG, e tamén a servizos sociais pero igual en menor medida, e fano con moitas dúbidas que ás veces tamén temos nós", explica Patricia Ares, que aclara que cada persoa "ten a súa casuística" e que segue habendo cuestións que non son claras de todo.
"Imos falando entre compañeiras, de diferentes entidades, para resolvérmonos as dúbidas que van xurdindo así que enchemos os formularios; non temos contacto directo co Ministerio nin outra maneira de facelo, e imos todas aprendendo aos poucos", insiste Ares, que non cifra as consultas que atende diariamente Viraventos pero aclara que son "moitas, moitísimas diariamente".
"Imos resolvendo as dúbidas entre compañeiras; non temos contacto directo co Ministerio nin outra forma de facelo"
Fano, ela e todas as compañeiras nestas entidades —a maioría do persoal é muller—, coa ilusión que supón axudar a un proceso de regularización de persoas estranxeiras que consideran de xustiza, malia o choio e a sobrecarga que supón moitas veces. No que vai de proceso, calcúlase que o Goberno de España xa recibiu 80.000 solicitudes, tanto por vía presencial como telemática.
"É conseguir dereitos fundamentais", insisten desde SOS Racismo, unha das ducias de entidades que en toda Galicia levan anos axudando na integración, benestar e no progreso das persoas máis necesitadas, tamén das que chegan de lonxe.