O único condenado polo accidente tras a absolución do cargo de Adif alega que o proceso xudicial vulnerou os seus dereitos constitucionais de presunción de inocencia, igualdade de trato e tutela xudicial efectiva
Francisco José Garzón, maquinista do tren Alvia que o 24 de xullo de 2013 descarrilou en Angrois deixando 79 persoas falecidas e 144 feridas, presentou o pasado luns un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional contra a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña. A que en xaneiro o considerou único culpable do sinistro, absolvendo un cargo de Adif que fora condenado en primeira instancia ao mesmo nivel.
O maquinista, que de xeito paralelo vén de solicitar un indulto da condena que recibiu de dous anos e medio de cadea -cun perdón de medio ano xa evitaría entrar en prisión-, alega diversas vulneracións de dereitos constitucionais durante o proceso xudicial.
A primeira sentenza sobre o accidente de Angrois, emitida en 2024 pola xuíza do Penal que xulgou o caso entre 2022 e 2023, condenou ao mesmo nivel ao maquinista por despistarse ao recibir unha chamada do interventor e non frear a tempo antes da curva e ao director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, por non habilitar medidas que paliasen ese previsible erro humano. Porén, en xaneiro a Audiencia da Coruña corrixiu esa sentenza e, sen mudar nada dos feitos probados, absolveu a Cortabitarte, unha decisión respaldada por dúas das tres xuízas do tribunal pero da que discrepou a terceira xuíza.
O avogado di que "existiu unha presunción de culpabilidade desde o inicio" e censura tamén que non se lle aplicaran atenuantes por dilacións indebidas, auxilio ou reparación das vítimas
Agora o avogado do maquinista argumenta ante o Tribunal Constitucional a vulneración no proceso xudicial de varios dereitos constitucionais. Por unha banda, considera que, fronte á presunción de inocencia, "existiu unha presunción de culpabilidade do recorrente desde o inicio do procedemento, en base ao resultado final do seu erro [despistarse e non frear a tempo antes da curva de Angrois] sen ter en conta, como recolle a sentenza de instancia, que o máximo garante da seguridade na explotación ferroviaria é Adif".
"Ao recorrente se lle condena como se as condicións de seguridade da instalación ferroviaria foran impolutas, cando as condicións reais nas que tivo que desenvolver o seu traballo (sen análise, sen avaliación de riscos previa, sen sistema de protección, sen sinalización en vía de redución de velocidade) non garantían a súa seguridade, nin a dos viaxeiros", engade, e argumenta que non foi desvirtuada "a presunción de inocencia" que garante a Constitución.
O recurso tamén sinala que se vulnerou o seu dereito constitucional á igualdade de trato e á tutela xudicial efectiva ao non ter en conta a sentenza diversas atenuantes como a dilación excesiva da causa durante máis dunha década, que pediu perdón e as vítimas foron reparadas economicamente, ou que lles prestou auxilio desde o primeiro momento.
O recurso argumenta para que sexa admitido a trámite polo Constituciona que "o asunto suscitado transcende do caso concreto porque formula unha cuestión xurídica relevante e xeral repercusión social" da que considera conveniente sentar xurisprudencia para outros posibles casos de "accidentes catastróficos dun medio de transporte masivo, como o ferroviario". "Hai que aclarar, se para enervar a presunción de inocencia, é aceptable ou non, esixir a un traballador que teña que suplir a carencia de medidas de seguridade na infraestrutura ferroviaria", conclúe o recurso.
O escrito tamén pide como medida cautelar que se suspenda a entrada en prisión do maquinista mentres o Constitucional tramite o recurso de amparo "ao ser irreparable o dano causado ao recorrente en caso de que se estimaran calquera das vulneracións de dereitos constitucionais denunciados, non supoñer perturbación grave para os intereses xerais, nin xerar ningún dano aos dereitos e liberdades de terceiros".
O recurso de amparo pide suspender a entrada en prisión e, ao tempo, tamén está en trámite unha petición de indulto
Uns días antes de presentar este recurso de amparo constitucional, e de xeito paralelo, o avogado do maquinista pediu tamén ao Goberno de España oficialmente o indulto para o seu defendido. Condenado a dous anos e medio de cadea, un indulto parcial de só medio ano, como xa se deu no pasado a outros maquinistas con condenas similares e como defenden maquinistas e parte das vítimas, evitaríalle entrar en prisión.
Pola súa banda, a Plataforma de Vítmas tamén prevé recorrer a sentenza ao Tribunal Constitucional, desconformes coa absolución do cargo de Adif. Para iso, presentaron un incidente de nulidade contra a sentenza da Audiencia da Coruña, que vén de ser inadmitido por ese tribunal, e que supón un paso imprescindible para agora formular un recurso ao Constitucional.