Praza.gal fala con dez vítimas e familiares de falecidos para tentar reproducir a variedade de sentimentos e reflexións arredor do posible perdón do condutor do Alvia condenado por despistarse
O posible indulto parcial que evitaría a entrada na cadea do maquinista condenado polo accidente de Angrois de 2013 está a suscitar debate entre vítimas do sinistro. Con arredor de 500 persoas recoñecidas xudicialmente como tales (79 persoas falecidas, 144 feridas e preto de 300 familiares con dereito a indemnización), non se pode falar das vítimas como unha unidade senón que cada unha ten a súa propia valoración do sucedido. Para tentar reproducir a variedade de sentimentos e reflexións arredor do posible indulto, Praza.gal falou con dez persoas feridas ou familiares de falecidas no accidente, con opinións que van desde o apoio ata o rexeitamento pasando pola indiferenza.
O maquinista do Alvia, Francisco José Garzón Amo, foi considerado en xaneiro pola Audiencia da Coruña como único responsable do accidente por despistarse ao recibir unha chamada do interventor do tren e non frear a tempo antes da curva de Angrois. Non había medidas de seguridade que evitasen ou paliasen ese erro humano previsible, pero a Audiencia non considerou que o cargo de Adif tamén condenado en 2024 en primeira instancia fose responsable.
Sentenciado a dous anos e medio de cadea, Garzón cumprirá en poucas semanas 65 anos e en reiteradas ocasións pediu perdón ás vítimas, en público e en privado. Sen antecedentes penais, non entraría en prisión cunha condena de só dous anos, polo que un indulto parcial de só medio ano bastaría para evitarlle o cárcere. Un indulto así, de medio ano, foi o que outorgou en 2009 o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero a dous maquinistas condenados igualmente a dous anos e medio de cadea por 18 homicidios por imprudencia grave, o mesmo delito que agora, nun accidente ocorrido en 1997 en Uharte Arakil (Navarra).
Sentenciado a dous anos e medio por 79 mortes, evitaría a cadea cun perdón parcial de medio ano, o mesmo que recibiron en 2009 dous maquinistas por un accidente en Navarra en 1997 con 18 mortos
Ante a posibilidade dun indulto parcial similar ao maquinista de Angrois, o presidente da Plataforma de Vítimas, Jesús Domínguez, xa dicía en entrevista con Praza.gal días despois da sentenza da Audiencia da Coruña que a título persoal apoiaba o indulto, pero que esa sería unha valoración que debería facer unha asemblea das vítimas e non el como presidente.
Esa asemblea xa se celebrou e o que decidiu foi que a Plataforma como tal non ten unha postura senón que é unha cuestión persoal de cada persoa afectada. A Plataforma non dará ningún paso xurídico pero boa parte dos socios que asistiron á asemblea coincidiron en que a entrada na cadea tamén pode supoñer un aviso de futuro para que os maquinistas denuncien formalmente as irregularidades que detecten no seu traballo e rexeiten circular en ausencia de medidas adecuadas de seguridade.
Pero a disparidade de opinións e matices é tal que Praza.gal puido comprobar como incluso en dous matrimonios afectados a postura é distinta nos dous membros das parellas. Nun dos casos o pai dun falecido no accidente amósase a favor do indulto parcial do maquinista mentres que a nai está en contra. E o mesmo sucede noutro matrimonio que resultou ferido no accidente, co home a favor do indulto e a muller en contra.
"Non queremos seguir pelexando máis, pero que este home pague parécenos inxusto comparado coa responsabilidade do cargo de Adif", explica o pai que perdeu un fillo. Pero a nai matiza que "che queda esa sensación de que poida non haber ningún culpable" e que "a prisión pode facer que os maquinistas non deixen pasar situacións así". Similar discrepancia transmite o outro matrimonio de persoas feridas no sinistro. En canto soubo que o maquinista quedaría como único condenado, el amosouse favorable ao indulto, mentres que ela o rexeita. Pero el agora engade o temor de "que se pense que agora apoiamos o indulto porque xa conseguimos os cartos".
A visión de que alguén debe penar como culpable tras tantos anos de loita é transmitida por varias das vítimas consultadas. O pai dun falecido no Alvia admite que "o home era un máis coma nós que se puido confundir, pero tampouco pode marchar de rositas". "Igual é unha contradición o que estou dicindo", sinala, ao tempo que admite a súa "frustración". E engade que a condena do maquinista pode facer que outros maquinistas presten maior atención ao seu traballo aínda que Adif non lles facilite todas as medidas de seguridade que debera. "A miña cabeza non dá para perdoar porque non houbo xustiza", conclúe.
Son varias as vítimas que non están dispostas a pedir ou apoiar o indulto, "pero se o indultan non será un drama"
Postura completamente contraria ten o irmán dun falecido. "A sensibilidade é de cada un", comeza matizando, pero el dise "a favor do indulto, por coherencia, por dar contido a toda a nosa loita". "Incluso defendín que na Plataforma non debiamos pedir condena para o maquinista porque a nosa tese era que o accidente ía pasar antes ou despois con esa falta de seguridade", argumenta, para engadir que o maquinista "non tomou ningunha decisión, nin consciente nin inconsciente, que levase ao descarrilamento".
Outra persoa ferida que tivo un ferroviario na súa familia amósase tamén a favor do indulto. "El xa pasou a súa pena, ten o remordemento, que vaia ao cárcere non mellora nada, non solucionaría nada", di.
Varios dos consultados admiten que pasaron por moitas dúbidas ata ter unha postura a respecto do indulto. O fillo dun falecido considera que o maquinista "cometeu unha falta, pero non creo que teña que entrar en prisión". Esta vítima di que "nun momento fíxome dubidar o criterio doutra persoa, que o maquinista cometeu unha falta e que hai que lanzar un aviso aos outros maquinistas, pero realmente creo que ao lado das faltas tan graves que cometeron Adif e Renfe é inxusto, iso quitoume a dúbida que puiden ter".
Tamén con dúbidas amósase a filla dun falecido no accidente. "Cos meus irmáns sempre fomos conscientes de que este señor tivo un accidente, e no teu traballo tes unha responsabilidade, pero culpable? Non o teño claro. En todo caso, entrar no cárcere é excesivo", di. Esta muller tamén argumenta que supón que o seu pai pensaría o mesmo, e que iso é o que guía a súa opinión.
Son varias tamén as vítimas consultadas que, con independencia do que pensan, sinalan que o do indulto é un debate que xa lles queda lonxe. Hai quen non está disposto a pedir ou apoiar o indulto, "pero se o indultan non será un drama".