Afectados polo accidente consideran que a xustiza auméntalles agora indemnizacións como compensación por eximir o Estado de responsabilidade: "queren mercar o noso silencio"
Vítimas do accidente de Angrois concentráronse na tarde deste luns ante as sedes principais da Audiencia Provincial da Coruña nesa cidade e do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) en Madrid en protesta pola sentenza que vén de absolver o cargo de Adif condenado en primeira instancia polo sinistro. Na súa sentenza a Audiencia da Coruña, que mantén a condena do maquinista do tren Alvia como único responsable, considera que o director de Seguridade na Circulación de Adif "obrou de acordo cos estándares establecidos".
As concentracións deste luns cargaron contra a Xustiza e o Estado polo que consideran unha sentenza que deixa desprotexida á cidadanía ao cargar toda a culpa no elo máis feble, o maquinista, eximindo ao resto do sistema ferroviario. Na súa valoración, a Plataforma enumerou os sucesivos cargos da Fiscalía e da Avogacía do Estado que foron ascendidos logo de poñer o foco só no maquinista. Tamén aventuraron que a xuíza relatora da nova sentenza vai ter unha "carreira meteórica".
Participantes nas protestas criticaron tamén que a absolución do cargo de Adif chega acompañada dun considerable aumento de indemnizacións. "Queren mercar o noso silencio", dicía este luns un afectado.
Outro portavoz salientaba que "cando non se investiga" ben as catástrofes volven suceder. "Volveu suceder en Adamuz, e vai volver suceder", considera.