"Seguiuse a normativa técnica común de toda a rede ferroviaria española", di a sentenza para exculpar o cargo de Adif e deitar toda a responsabilidade do accidente de Angrois no maquinista
A sentenza coa que a Audiencia Provincial da Coruña vén de ratificar a condena polo accidente de Angrois do maquinista do tren Alvia ao tempo que absolve o cargo de Adif condenado en primeira instancia asume que a normativa ferroviaria española permitía que nunha liña de alta velocidade como a Ourense-Santiago e nun tren de alta velocidade como o Alvia ocorrese un accidente así por un despiste dun maquinista.
A resolución xudicial di que "se seguiu a normativa técnica común de toda a rede ferroviaria española" e que para autorizar a posta en servizo da liña rematando nunha curva como a de Angrois "cumpriuse o plan de probas necesario para garantir a seguridade e correcta explotación ferroviaria do citado treito". Isto é, que o maquinista era o único responsable de frear o tren de 200 a 80 quilómetros por hora nese punto de saída da liña de alta velocidade, o que non fixo por despistalo unha chamada do interventor do tren que tiña a obriga de coller. Iso foi corrixido en toda a rede tras o accidente.
Tras o accidente de Angrois de 2013 no que morreron 79 persoas e 143 resultaron feridas PP e PSOE coincidiron en asegurar que nin a liña nin o tren eran de alta velocidade, co temor implícito de que puidera verse afectada a imaxe internacional da alta velocidade española. A Axencia Ferroviaria Europea estableceu en 2016 que tren e liña eran de alta velocidade, e así o asumiron ata agora sen desmentilo todos os xuíces que interviron no proceso xudicial, que analizaron a curva de Angrois de xeito conxunto coa liña de alta velocidade Ourense-Santiago e as súas medidas de seguridade, en contra do criterio de Adif que aseguraba que a curva xa quedaba fóra dese ámbito.
Para dúas das tres maxistradas o cargo de Adif "obrou de acordo cos estándares establecidos", estándares que foron mudados tras o accidente para que un sinistro así non volva suceder
Agora a sentenza da Audiencia, pronunciada por dúas maxistradas co voto discrepante dunha terceira, di que "a desatención prolongada" do maquinista "aparece motivada pola chamada telefónica" que recibiu e tiña a obriga de coller "e non por ningunha sinalización equívoca ou omitida, resultando que se seguiu a normativa técnica común de toda a rede ferroviaria española, pois era unha redución escalonada de velocidade propia da chegada a estacións". Ese escalonamento consistía en pasar de 200 a 80 por hora xusto na curva de Angrois.
A sentenza tamén di, ao referirse á posible responsabilidade do cargo de Adif, que a súa autorización de posta en servizo da liña Ourense-Santiago recolle "que se cumpriu o plan de probas necesario para garantir a seguridade e correcta explotación ferroviaria do citado treito, e o cumprimento das probas de integración tal e como viñan esixidas".
A sentenza conclúe que o cargo de Adif "obrou de acordo cos estándares establecidos polo procedemento previsto no Sistema de Xestión da Seguridade de Adif para a posta en servizo de novas liñas". Isto é, eses estándares de Adif permitían a posta en servizo dunha liña de alta velocidade que rematase nunha curva como a de Angrois que requiría frear de 200 a 80 por hora sen que estivese protexida por ningún sistema automático.
A sentenza chega a xustificar que cumprindo as normas como se cumpriron o accidente non era previsible. Así, fala da "ausencia de previsibilidade que derivaba do cumprimento das normas".
Os estándares do sistema ferroviario español deitaban así toda a responsabilidade nos maquinistas tamén nas liñas de alta velocidade se circulaban a bordo dun tren de alta velocidade mentres este non superase os 200 quilómetros por hora que obrigaban a activar un sistema de control automático de velocidade. Uns estándares que tras o accidente de Angrois foron reformados para que non volva ocorrer un sinistro similar.