O Semaf convoca unha folga e insta os seus afiliados a "adaptar a marcha do tren ás condicións reais de explotación da infraestrutura"
Logo do accidente de dous trens de alta velocidade en Adamuz, Córdoba, con ata o momento 43 persoas mortas, entre elas un maquinista, e doutro choque nas Rodalies catalás, no que tamén morreu o maquinista, o Sindicato Español de Maquinistas Ferroviarios (Semaf) anunciou este mércores que convocará unha folga xeral no sector os días 9, 10 e 11 de febreiro polo "deterioro constante do ferrocarril". Tamén pedirá aos seus afiliados "adaptar a marcha do tren ás condicións reais de explotación da infraestrutura". Faino ao tempo que se están a coñecer sucesivas alertas de maquinistas sobre todo tipo de eivas en toda a rede ferroviaria.
O caso que os responsables técnicos e políticos fan a esas advertencias volve así ao foco logo de que fose un elemento relevante no maior accidente da alta velocidade española, o de Angrois en 2013 con 79 falecementos. Como consecuencia del en 2017 implantáronse melloras no xeito en que se xestionan as advertencias de seguridade da calquera empregado.
En Angrois, ademais doutras advertencias verbais entre eles, un maquinista xefe alertara por escrito un ano e medio antes do accidente de que podía pasar algo como o que acabou ocorrendo, que un despiste levase a un condutor a non frear a tempo antes da curva sen que nesta houbese ningún sistema de seguridade que actuase de xeito automático.
"De non reducir previamente a velocidade, nada se poderá facer xa", dicía nun escrito que remitiu a varios superiores en Renfe, algún dos cales nin o leu. Unha alerta sobre a que en Renfe concluíuse de xeito interno, sen transmitirlle nada a Adif, que non había nada que facer porque supostamente a sinalización da curva era normativamente correcta. Pola contra, a sentenza do caso emitida hai ano e medio concluíu que non era así e condenou a un cargo de Adif por non habilitar medidas de seguridade xunto co maquinista do Alvia por despistarse.
En 2017 tamén se repuxeron canles de intercambio de información entre Adif e as empresas ferroviarias que foran suprimidas anos antes do accidente de Angrois polo cargo de Adif que foi condenado por ese sinistro
Tras o sinistro de Angrois a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) recomendou "reforzar os procedementos" de comunicación e estudo das posibles deficiencias de seguridade detectadas por calquera empregado dunha empresa ferroviaria para que "se reconduzan cara aos canais funcionalmente establecidos para a súa análise e consideración, asegurando así unha eficaz xestión preventiva".
Para iso a Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria redactou en decembro de 2017 unha "recomendación técnica sobre comunicacións de propostas de mellora de seguridade" que dirixiu a todas as empresas "para que as comunicacións de seguridade realizadas polos seus empregados, de calquera nivel, sexan adecuadamente tratadas".
Ademais desas recomendacións dirixidas ás empresas ferroviarias, tras o accidente de Angrois a CIAF tamén recomendou repoñer as comisións mixtas de seguridade que había entre Adif e as empresas ferroviarias, suprimidas anos antes do accidente de Angrois precisamente polo cargo de Adif condenado polo sinistro. A medida deuse por cumprida tamén en decembro de 2017 coa creación por parte da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria dunha "mesa de intercambio de experiencias con empresas e sindicatos similar ás comisións mixtas de seguridade".