Tras a alerta dun maquinista xefe sobre o risco dun accidente como o que ocorreu os seus superiores concluíron que a sinalización era correcta, o que para outro condutor experimentado obrigounos a asumilo sen poder facer nada máis
Adif vén reprochando ao maquinista xefe que un ano e medio antes do accidente de Angrois alertou por escrito de que podía ocorrer un sinistro así, José Ramón Iglesias Mazaira, que non o advertise seguindo os procedementos adecuados. Tamén afea ao resto de maquinistas que pasaron polo xuízo e que declararon que consideraban perigosa a curva que non insistisen en denuncialo tras a resposta que Iglesias Mazaira recibiu dos seus superiores de que malia o risco a sinalización de Angrois era correcta.
Este xoves declarou no xuízo outro formador de maquinistas, Manuel González Sánchez, ao que se lle preguntou por que, se consideraba que a curva de Angrois era perigosa, non insistiu en denunciala. A súa resposta foi unha pregunta que el mesmo se contestou: “Tras a contestación a Mazaira de que se axustaba a norma, eu podía falar máis alto e entenderíase? Non”, dixo. O que fixeron el e outros compañeiros formadores foi asumir a situación que había. “Tivemos que convivir coa curva ata o día do accidente, aceptamos ‘curva de Angrois’ como animal de compaña”, sentenciou. "Eu podía ser o accidentado tamén", dixo noutro momento.
Tras a resposta dos superiores de Renfe de que a sinalización e a seguridade de Angrois era correcta, o maquinista formador doutros que declarou este xoves dixo que el e os seus compañeiros “cambiamos o chip e dixemos aos maquinistas que tiñan que frear alí aínda que [segundo a sinalización] tiñan vía libre”. “Temos que traballar coas ferramentas que nos dan”, dixo, polo que “decidimos acompañar [en cabina aos maquinistas de] todos os trens todos os días desde o inicio [da operación da liña en decembro de 2011] ata febreiro”, engadiu.
"Ata a liña Ourense-Santiago, en ningunha de Galicia se pasaba de 160 quilómetros por hora"
Porén, ese reforzo da formación aos maquinistas alertando da complexidade de Angrois foi dirixido só aos condutores que dependían dese grupo de formadores radicado en Ourense e con competencias nos trens de media distancia. Esa formación nunca chegou ao maquinista do Alvia accidentado, Francisco José Garzón, que tiña a súa sede na Coruña e dependía do servizo de longa distancia.
O maquinista declarante este xoves tamén relatou como a posta en servizo en 2011 da liña de alta velocidade Ourense-Santiago de forma illada do resto da rede de alta velocidade e con características distintas ao resto da rede galega supuxo toda unha novidade e complexidade para os maquinistas. “Ata esa liña, en ningunha de Galicia se pasaba de 160 quilómetros por hora”, dixo.
González Sánchez tamén reiterou que se nos Alvia estivese activo o sistema de control da velocidade ERTMS que se desconectara un ano antes do accidente o maquinista tería sucesivos avisos ou mecanismos automáticos que frearían o tren antes da curva de Angrois.
Desde Adif, a avogada do Estado que defende á empresa pública insistiu este xoves en que Renfe obrigaba a comunicar doutro xeito, por unha vía distinta á empregada por Iglesias Mazaira, “anomalías” como a que os formadores dicían que había en Angrois. Porén, o comparecente insistiu en que os formadores como el non podían empregar a vía de denuncia argumentada por Adif porque estaba limitada aos maquinistas. E ante a insistencia de Adif de por que non empregaron calquera outra vía de denuncia, mesmo o seu sindicato, o declarante insistiu en que xa tiñan a resposta que recibira Mazaira de que a situación era correcta.
A avogada de Adif tamén tentou facer ver que a formación que recibiron os maquinistas para circular pola liña Ourense-Santiago os capacitaba para poder atender ás peculiaridades da curva de Angrois. Porén, o formador salientou en varios momentos da súa declaración que un despiste podía facer que un maquinista deixase de ser consciente do lugar polo que circulaba sen que nese punto houbese nada que evitase ou paliase ese erro humano, que fora o previsto por Iglesias Mazaira.