No medio dunha chuvia de avisos de seguridade por parte dos maquinistas, Adif atribúe estas limitacións a "un procedemento estándar que se implementa de maneira regular" e di que "se actualizan cada hora"
A liña de alta velocidade Ourense-Santiago, habilitada para a circulación de trens ata 300 quilómetros por hora, vén de recibir por parte de Adif unha Limitación Temporal de Velocidade (LTV) a un máximo de 220 por hora en preto de 30 quilómetros, os máis próximos a Santiago. Así o revelou este xoves Europa Press na súa web informativa en aberto, onde sinala que a medida chega tras avisos de maquinistas polo estado da vía. Unha sucesión de alertas de seguridade por parte dos condutores de trens que se están a reproducir por toda a rede ferroviaria estatal tras o accidentes de Andalucía e Catalunya.
Ante a chuvia de alertas e limitacións temporais de velocidade, o Goberno de España comunicou nas últimas horas que este tipo de medida responden a "un procedemento estándar que Adif implementa de maneira regular como medida de precaución ante circunstancias conxunturais (intervencións temporais na infraestrutura, circunstancias meteorolóxicas, deteccións de defectos na vía...)".
Segundo Adif, en 2025 activou 2.144 limitacións temporais de velocidade en toda a rede, en liña con anos anteriores
"Son medidas preventivas que se adoptan e se levantan cando se verifica que non existe risco", di esa comunicación oficial, que engade que "na alta velocidade, estas LTV actualízanse cada hora". Adif mesmo pon cifras ás limitacións temporais de velocidade, sinalando que "en 2025, estas limitacións activáronse en España 2.144 veces, 50 menos que o ano anterior".
No caso da LTV agora activada na liña Ourense-Santiago, esta chegaría ata xusto antes da primeira curva de entrada en Santiago, onde ocorreu o accidente de Angrois, e onde a velocidade xa está limitada moi por baixo, a 80 quilómetros por hora, e desde o sinistro con balizas automáticas que frean calquera tren que supere esa velocidade.