A Audiencia absolve por Angrois o ex-xefe de seguridade de Adif e mantén a condena do maquinista

Os condenados polo accidente de Angrois, Andrés Cortabitarte, ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, e Francisco José Garzón, maquinista do Alvia © Óscar Corral

Dúas maxistradas corrixen a sentenza do Xulgado do Penal 2 de Santiago mentres que unha terceira emitiu un voto particular pedindo manter a condena do cargo de Adif

Apenas cinco días despois do segundo accidente máis grave da alta velocidade española, a Audiencia Provincial da Coruña vén de rectificar a sentenza que hai ano e medio condenou como igualmente responsables do accidente de Angrois, con 79 persoas falecidas e 144 feridas, a quen era director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, e o maquinista do tren Alvia, Francisco José Garzón. Agora a Audiencia absolve o cargo de Adif e mantén a condena ao maquinista. A revisión da sentenza chega despois de que a Audiencia analizase os 108 recursos presentados por diversas partes, desde os propio condenados pedindo a súa absolución ata as vítimas pedindo incrementar as condenas.

A sentenza da Audiencia foi pronunciada polas maxistradas Ana Belén Sánchez González (relatora), Marta Canales Gantes e Ana Belén López Otero e conta cun voto particular de Canales Gantes, que considera que o cargo de Adif debía seguir condenado.

Un tren Alvia pasa pola curva de Angrois nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Praza Pública

O accidente de Angrois ocorrido o 24 de xullo de 2013, foi xulgado máis de nove anos despois, entre outubro de 2022 e xullo de 2023, con só dous acusados, o xefe de seguridade de Adif e o maquinista. Os mesmos que resultaron condenados na primeira sentenza emitida o 26 de xullo de 2024 pola xuíza do Xulgado do Penal 2 de Santiago, Elena Fernández Currás.

Esa primeira condena igualou a responsabilidade do cargo de Adif por non adoptar as medidas de seguridade a que o obrigaba a normativa e do maquinista por despistarse cunha chamada que recibiu do interventor do tren e non frear a tempo antes da curva de Angrois. Os dous foron condenados a dous anos e medio de cadea e catro anos e medio de inhabilitación por 79 delitos de homicidio e 143 de lesións, en ambos casos por imprudencia grave. 

A Fiscalía chegou a xuízo pedindo a mesma condena para os dous acusados pero despois reclamou a absolución do cargo de Adif e nos recursos agora resoltos que se aumentase a pena ao maquinista

Contra esa sentenza, que desmontou a verdade oficial mantida ata daquela de que a culpa era só do maquinista e dicir outra cousa supuña atacar "á alta velocidade española", presentáronse 108 recursos ante a Audiencia da Coruña. Entre eles Adif e o seu cargo condenado pediron unha nova vista, unha caste de segundo xuízo no que volver expoñer verbalmente os seus argumentos, que foi desbotada pola Audiencia. 

Pola súa banda, a Fiscalía, que chegara ao xuízo pedindo condenar os dous acusados, virou a última hora e rematou a vista oral pedindo a absolución do cargo de Adif e no seu recurso contra a sentenza non só insistiu nesa absolución senón que tamén reclamou aumentar a pena ao maquinista.

Cartel de protesta da Plataforma de vítimas de Angrois contra o fiscal, Mario Piñeiro CC-BY-SA Praza Pública

A Audiencia eleva as indemnizacións e o número de familiares que teñen dereito a ela

E agora, doce anos e medio despois do accidente e ano e medio despois da primeira sentenza, a Audiencia eleva as indemnizacións e o número de familiares que teñen dereito a ela, ratifica os dous anos e medio de cárcere para o maquinista e absolve o cargo de Adif porque considera que a causa do descarrilamento foi unicamente a desatención do maquinista mentres que o cargo de Adif actuou conforme aos estándares establecidos.

Dúas das tres maxistradas conclúen que o maquinista cometeu unha imprudencia temeraria ao infrinxir a súa obriga de prestar atención á condución "por manter unha chamada totalmente innecesaria que o distraeu da súa fundamental obriga de adecuar a velocidade ao tramo de vía no que se atopaba", chamada que recibira do interventor do tren e que tiña a obriga de contestar. As maxistradas tamén descartan aplicar ao maquinista as posibles atenuantes de dilacións indebidas, reparación do dano e colaboración coa xustiza.

 

Sobre o cargo de Adif, as dúas maxistradas din que as probas non permiten concluír que existise unha acción concreta que estivese obrigado a realizar e que omitise. En concreto, se a primeira sentenza lle atribuía a responsabilidade de non realizar unha avaliación de riscos correcta da curva de Angrois, agora as dúas maxistradas da Audiencia din que hai "ausencia de base probatoria suficiente nin concluínte para manter que o condenado debese realizar outra avaliación de riscos específica sobre o punto concreto da liña, nin tampouco unha integral ou completa de todos os subsistemas, que non estaba prevista nin na normativa nacional nin comunitaria aplicable". E conclúen que en Angrois "se seguiu a normativa técnica común de toda a rede ferroviaria española, pois era unha redución graduada de velocidade propia da chegada a estacións", malia que a graduación era pasar de 200 a 80 quilómetros por hora xusto na curva do accidente.

A maxistrada discrepante di que "o risco foi conscientemente trasladado na súa integridade ao maquinista"

Pola contra, unha das tres maxistradas discrepa e avala "a clara responsabilidade do acusado". Esta maxistrada, Marta Canales Gante, considera que a anterior sentenza de primeira instancia "de forma congruente, detallada e motivada" explicitou os motivos nos que baseaba a condena e que "de ningún xeito resultan rebatidos polos recursos presentados". "Existía unha obriga de valorar correctamente o risco e non se fixo", di a maxistrada discrepante, á vez que destaca que no tramo do accidente "o risco foi conscientemente trasladado na súa integridade ao maquinista". 

Tamén di que "era esixible levar a cabo unha avaliación de riscos completa da liña antes da súa posta en servizo" e que coas decisións e resolucións acordadas polo cargo de Adif, "produciuse unha progresiva deterioración da seguridade da liña, o que comportou un incremento de risco".

A sentenza sinala que contra ela non cabe recurso de casación "atendendo á data de incoación do procedemento", un caso complexo que durante a súa instrución tivo que enfrontarse a demoras e obstáculos de todo tipo tanto no sistema xudicial como provocadas por Adif, Renfe ou o Ministerio de Fomento. Segundo fontes xudiciais, só se poderían interpor recursos de aclaración ou rectificación contra erros materiais, non contra o fondo da cuestión.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.