O xulgado remitiu este mércores as apelacións á Audiencia da Coruña, á que Adif e o seu cargo condenado piden un 'segundo xuízo' que atrasaría aínda máis o remate do caso polo accidente ocorrido en 2013
O accidente de Angrois ocorrido o 24 de xullo de 2013 que deixou 79 persoas falecidas non tivo a súa primeira sentenza penal, coa condena ao mesmo nivel ao maquinista e a un ex-director de Seguridade de Adif, ata 11 anos despois, o 26 de xullo do pasado ano. Pero aínda quedan anos para que esa sentenza sexa firme. De momento, os seus primeiros recursos, ante a Audiencia Provincial da Coruña, veñen de ser trasladados aínda este mércores a ese tribunal por parte do xulgado do Penal de Santiago que xulgou o caso.

Son un total de 108 os recursos de casación presentados, tanto polos dous condenados como por numerosas vítimas e as aseguradoras. Unhas apelacións que agora deberá comezar a analizar a Audiencia da Coruña e entre as que está a petición de Adif e do seu cargo condenado de que ese tribunal celebre unha vista pública antes de tomar a súa decisión, unha caste de segundo xuízo no que todas as partes poderían expoñer novamente de xeito verbal os seus argumentos. A esa vista habería que citar a todas as partes do caso, ducias de avogados, como xa se fixo para o xuízo celebrado na Cidade da Cultura entre outubro de 2022 e xullo de 2023, complicación loxística que atrasaría aínda máis a resolución da Audiencia.
Ante esa petición formulada a través da Avogacía do Estado a plataforma de vítimas acusou a este de "falta de escrúpulos" por querer demorar aínda máis a resolución final do caso. "Tivo máis de 11 anos para formular os seus argumentos, levar a decenas de técnicos e peritos expertos pagados por todos nós", lamentaron os afectados.

Logo de que a primeira condena penal do pasado verán chegase 11 anos despois do accidente, aínda van pasar anos antes de que haxa unha sentenza firme
A revisión da sentenza do pasado xullo por parte da Audiencia da Coruña xa supuña varias complexidades antes da petición dunha nova vista pública.
É a sección sexta Civil e Penal da Audiencia, con sede en Santiago, a competente sobre o caso de Angrois. Ese mesmo tribunal xa o foi o que, durante a longa instrución do caso antes do xuízo, xa tivo que resolver en varias ocasións todo tipo de recursos contra decisións do xuíz instrutor. Nesas ocasións o tribunal, composto por tres maxistrados ou maxistradas, tivo sempre como presidente e relator a Ángel Pantín Reigada. El é o terceiro xuíz que mellor coñece o caso, tras a xuíza que o xulgou e o xuíz instrutor.
Pero igual que un xuíz instrutor non pode despois xulgar o caso, numerosas voces dan por feito que tras revisar todo tipo de decisións da instrución, agora Pantín Reigada vai apartarse dos recursos contra a sentenza. Iso obrigará a un maior esforzo para documentarse sobre a causa dos tres maxistrados ou maxistradas que pasen a conformar o tribunal de apelación.
Xa durante a instrución o caso de Angrois tivo que enfrontarse a demoras e obstáculos de todo tipo tanto no sistema xudicial como provocadas por Adif, Renfe ou o Ministerio de Fomento.