Vítimas de Angrois acusan o Estado de "falta de escrúpulos" por querer demorar máis a resolución final do caso

Cartel crítico coa Avogacía do Estado portado por unha vítima de Angrois no décimo aniversario do accidente, o 24 de xullo de 2023 CC-BY-SA Praza Pública

A Plataforma lembra os sucesivos obstáculos á investigación do accidente e lamenta que agora se pida "un 'segundo xuízo' que o único que atrasaría aínda máis a resolución da Audiencia Provincial xerando máis dor"

Once anos e medio despois do accidente de Angrois a primeira sentenza penal do caso, que o pasado xullo condenou o maquinista do tren e un cargo de Adif polas 79 mortes e 149 persoas feridas, está aínda lonxe de converterse en firme. Foi recorrida por numerosas partes ante a Audiencia Provincial da Coruña, e despois aínda o poderá volver ser ante o Tribunal Supremo. Pero no actual recurso ante a Audiencia da Coruña a Avogacía do Estado que defende a Adif e o seu cargo condenado veñen de pedir que se celebre unha vista pública, algo pouco habitual xa que eses tribunais adoitan resolver as apelacións a partir da documentación xa existente na causa e revisando o xuízo oral xa celebrado. A complexidade loxística desa posible vista, con ducias de partes participantes, ameaza con demorar aínda máis a resolución final do caso. 

Referencias á Fiscalía e á Avogacía do Estado nos carteis da Plataforma Víctimas Alvia 04155 o pasado 24 de xullo, no XI aniversario do accidente CC-BY-NC-SA Praza.gal / Cedida

Ante a petición desa nova vista pública, avanzada por Praza.gal, a Plataforma de Vítimas do accidente acusa os ministros Félix Bolaños e Óscar Puente, dos que dependen a Avogacía do Estado e Adif, de "falta de escrúpulos". "Parece que once anos non son suficientes", lamentan os afectados, para quen "o que se pretende é seguir atrasando e entorpecendo que se faga xustiza". 

"Tería certa explicación que o fixeran os condenados a través dos seus avogados", engade a Plataforma, "pero neste caso é o Goberno quen o fai a través da Avogacía do Estado e o Adif, que tivo máis de 11 anos para formular os seus argumentos, levar a decenas de técnicos e peritos expertos pagados por todos nós". 

Petición da Avogacía do Estado para que os recursos contra as condenas de Angrois os analice a Audiencia da Coruña nunha nova vista pública CC-BY-SA Praza Pública

Os afectados salientan que o Estado "tivo máis de 11 anos para formular os seus argumentos, levar a decenas de técnicos e peritos expertos pagados por todos nós"

Os afectados lembran os distintos obstáculos postos polo Estado durante a investigación do accidente, "once anos nos que se dedicaron a entorpecer, a non achegar os documentos que demostraban as diferentes neglixencias cometidas por Adif e a mentir". E lamentan que agora deben enfrontarse "un Goberno que desgoberna solicitando un 'segundo xuízo' que o único que faría é atrasar aínda máis a resolución da Audiencia Provincial xerando aínda máis dor en vítimas e familiares". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.