Adif e o seu cargo condenado por Angrois piden un 'segundo xuízo' que atrasaría aínda máis o remate do caso

Vista xeral da sala no primeiro día do xuízo polo accidente de Angrois, o 5 de outubro de 2022 CC-BY-SA Praza Pública

A reclamación dunha pouco habitual vista pública para que a Audiencia resolva os recursos contra a sentenza coñecida o pasado xullo obrigaría a citar novamente a todas as partes

O accidente de Angrois que hai 11 anos e medio deixou 79 persoas mortas e 143 feridas está lonxe de ver rematado o seu recorrido xudicial. O pasado xullo a xuíza do Xulgado do Penal 2 de Santiago emitiu a primeira sentenza do caso que condena ao mesmo nivel ao maquinista do tren, Franciso José Garzón, e ao daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, impoñendo dous anos e medio de cadea a cada un deles. Pero esa sentenza podía ser recorrida, e así foi por numerosas partes, que presentaron un total de 60 apelacións ante a Audiencia da Coruña.

O habitual é que as audiencias resolvan eses recursos revisando o xuízo xa celebrado e as probas e argumentacións xurídicas expostas nel e na sentenza. Pero neste caso tanto o cargo de Adif como a Avogacía do Estado que representa a esa empresa pública solicitan que a Audiencia celebre unha vista pública, unha caste de segundo xuízo no que todas as partes poderían expoñer novamente de xeito verbal os seus argumentos. A esa vista habería que citar a todas as partes do caso, ducias de avogados, como xa se fixo para o xuízo celebrado na Cidade da Cultura entre outubro de 2022 e xullo de 2023, complicación loxística que atrasaría aínda máis a resolución da Audiencia.

Petición da Avogacía do Estado para que os recursos contra as condenas de Angrois os analice a Audiencia da Coruña nunha nova vista pública CC-BY-SA Praza Pública

A revisión da sentenza do pasado xullo por parte da Audiencia da Coruña xa supuña varias complexidades antes da petición, pendente de resolverse, dunha nova vista pública. 

É a sección sexta Civil e Penal da Audiencia, con sede en Santiago, a competente sobre o caso de Angrois. Ese mesmo tribunal xa o foi o que, durante a longa instrución do caso antes do xuízo, xa tivo que resolver en varias ocasións todo tipo de recursos contra decisións do xuíz instrutor. Nesas ocasións o tribunal, composto por tres maxistrados ou maxistradas, tivo sempre como presidente e relator a Ángel Pantín Reigada. El é o terceiro xuíz que mellor coñece o caso, tras a xuíza que o xulgou e o xuíz instrutor. Pero igual que un xuíz instrutor non pode despois xulgar o caso, numerosas voces dan por feito que tras revisar todo tipo de decisións da instrución, agora Pantín Reigada vai apartarse dos recursos contra a sentenza. Iso obrigará a un maior esforzo para documentarse sobre a causa dos tres maxistrados ou maxistradas que pasen a conformar o tribunal de apelación.

A Audiencia da Coruña pode aceptar unha vista pública se a ve "necesaria para a correcta formación dunha convicción fundada", pero outras partes do caso xa están a impugnar esa petición por considerar que o visto no xuízo xa foi suficiente

Será ese tribunal quen decida sobre os recursos presentados, tanto de vítimas como dos condenados en primeira instancia, o maquinista e o cargo de Adif. E o que piden ese segundo condenado e Adif é que a Audiencia resolva non só tras revisar o xuízo e a documentación do caso senón cunha nova vista pública. Unha posibilidade que non é habitual nos recursos ante as audiencias provinciais pero que é contemplada pola lei de axuizamento criminal cando os recursos propoñen novas probas e estas son aceptadas polo tribunal ou se o tribunal considera que a vista pública é "necesaria para a correcta formación dunha convicción fundada", xa sexa por iniciativa propia ou a petición das partes.

Nesa posible vista pública, primeiro expoñeríanse as probas e "a continuación, as partes resumirán oralmente o resultado da mesma e o fundamento das súas pretensións". 

Os condenados polo accidente de Angrois, Andrés Cortabitarte, ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, e Francisco José Garzón, maquinista do Alvia © Óscar Corral

Segundo a defensa de Cortabitarte, "resulta incuestionable que nos atopamos ante un procedemento sumamente técnico e complexo que, 13 anos [sic] despois de incoarse, presenta criterios discrepantes e dúbidas entre peritos e testemuñas que xustifican un debate contraditorio en vista para un oportuno entendemento desta Sala".

Nesa mesma liña se pronuncia a Avogacía do Estado en defensa de Adif: "Interesamos a celebración de vista pública, en atención á complexidade e relevancia do presente asunto, estimamos procedente que se celebre vista pública para que as partes poidamos realizar alegacións finais á vista dos recursos e impugnacións presentadas polas partes". 

Esas peticións están a recibir impugnacións nas últimas xornadas procedentes de outras partes do caso que non consideran necesaria esa vista pública ante a abondosas probas e declaracións que xa se expuxeron no xuízo.

Varias partes interpretan a petición dunha nova vista pública como un intento de demorar a resolución final do caso ante o risco de que os condenados poidan entrar na cadea coa condena recibida de dous anos e medio

Esa vista pública, no caso de ser aceptada pola Audiencia da Coruña, enfrontaríase á dificultade de axustar as axendas de ducias de avogados durante varias xornadas, o que demoraría aínda máis a xa complexa revisión do caso por parte dese tribunal. Unha demora que diversas partes consultadas contextualizan co risco de acabar entrando na cadea que supón para os acusados a condena recibida en primeira instancia a dous anos e medio de prisión. 

Se a condena fose de menos de dous anos, e sen antecedentes, evitarían a prisión, pero ante esta situación a estratexia habitual dos avogados de condenados con risco de entrar na cadea adoita ser a de demorar todo o posible os recursos para adiar a resolución definitiva do caso ou que, cando esta chegue, os condenados sexan moi maiores e a súa saúde lles evite o cárcere. 

Pola contra, a demora do caso supón máis tempo de espera para as vítimas que recorreron por non estar de acordo coas indemnizacións recibidas. Aínda que neses casos tamén hai a posibilidade de acordos bilaterais entre vítimas e aseguradoras para dar por zanxado cada caso particular nun ou noutro sentido sen ter que agardar pola sentenza firme definitiva.

Porque en todo caso, cando a Audiencia da Coruña finalmente resolva sobre os recursos que agora vén de recibir, ás partes aínda lles quedará a posibilidade dun seguinte recurso ante o Tribunal Supremo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.