A Avogacía do Estado recorre a "desalentadora" sentenza de Angrois argumentando que o accidente se debeu só a unha "neglixencia gravísima" do maquinista de tal magnitude que "ninguén podía imaxinala"
"Ninguén podía imaxinalo". Na cerna da pugna legal que fica por diante ata chegar a unha sentenza xudicial firme sobre o accidente de Angrois van estar os esforzos do aparello do Estado por exculparse na persoa do ex-xefe de seguridade do Adif, Andrés Cortabitarte. Por lograr un ditame definitivo que responsabilice en exclusiva o maquinista Francisco José Garzón da morte de 79 persoas e das feridas doutras 143, así como dos danos na propia infraestrutura. Que consolide de vez, ao cabo, a verdade oficial sostida polos Gobernos da época dende escasas horas despois do accidente e rexeitada na sentenza de primeira instancia.
O xulgado do Penal número 2 de Santiago admitiu esta semana a trámite os 60 recursos formulados contra a sentenza, sobre os que agora ten que resolver a Audiencia Provincial da Coruña. Canda os da Fiscalía e os dos dous condenados é especialmente relevante o da Avogacía do Estado, 134 páxinas asinadas polo xefe desta unidade estatal na Coruña, Javier Suárez. Nelas vén evidenciar que o Estado foi incapaz de previr o sucedido na curva da Grandeira por deberse unicamente, esgrime, a unha neglixencia do condutor de tal magnitude que ninguén con responsabilidade na materia puido imaxinar con anterioridade malia á advertencia dun maquinista xefe máis dun ano antes do suceso, que desdeña.
Para o avogado do Estado resulta "incrible" que a "profundamente desalentadora" sentenza da xuíza Elena Fernández Currás "coloque nun mesmo nivel de responsabilidade" ao maquinista e "a actuación de Cortabitarte ou Adif" ao condenárenos a ambos en igualdade, con cadanseus dous anos e medio de cadea. Porque no accidente de Angrois a "causa directa e evidente" foi unha "neglixencia gravísima" do condutor, "moi difícil de prever e moi difícil de comprender" e "cuxa relación co que aconteceu é tan patente e indiscutible que despraza (...) calquera outro nexo causal".
O Estado tenta exculparse a través da absolución do ex-cargo condenado: "Adif xestionou a seguridade da liña aplicando a normativa", di, descualificando como "salto ao baleiro" ligar a súa xestión co resultado do descarrilamento do Alvia
"O que fixo Adif en relación coa seguridade" da liña de alta velocidade Ourense-Santiago foi "nin máis nin menos, o mesmo que se facía para a posta en servizo de calquera outra liña", razoa a Avogacía do Estado nun escrito no que rexeita o que descualifica como "burdas simplificacións" das acusacións, que "repetían de forma machacona o mantra" de que "Adif non avaliou o risco da curva". "Adif xestionou a seguridade da liña aplicando a normativa e os seus procedementos internos" e o risco que "non se identificou" e nin "preveu Adif nin Renfe" foi a conduta do maquinista. Pero non por ignoraren a norma, senón "sinxelamente porque é un feito absolutamente imprevisible e insólito e que carece de ningún precedente coñecido na historia do ferrocarril", aseguran.
A xuíza, defende o representante legal do Estado, cometeu o "tremendo erro" de "converter a conduta do maquinista nun simple fallo ou erro humano" cando "se trata dunha conduta temeraria e absolutamente imprevisible e incomprensible". Ao atender a chamada telefónica do interventor do propio tren incorreu "nunha desatención prolongada" de "máis de 100 segundos" nos que non percibiu "ningún dos elementos de referencia inequívocos" que, din, "permitían saber que se aproximaba a Santiago".
Para a Avogacía do Estado, a xuíza incorre nun "salto ao baleiro" ao culpar a Cortabitarte. Porque se basea en factores como que as empresas instaladoras do sistema de control, mando e sinalización da liña "identifican o risco de exceso de velocidade" e advirten a ADIF de que non está "suficientemente controlado" no punto no que despois aconteceu o sinistro por estar alí operativo o sistema ASFA, e non o ERTMS de control constante da velocidade. A maxistrada sentenciou que Adif, a través de Cortabitarte, "omitiu a avaliación do risco de exceso de velocidade dos trens que circulasen con ASFA" pola curva da Grandeira e tampouco adoptou "medidas para evitalo". Para o Estado, nin a documentación nin as declaracións do caso permiten sostelo.
"Unha curva máis"
O avogado do Estado tamén xustifica que en Angrois non estivesen instaladas as balizas que evitarían o accidente, colocadas escasos días despois "porque non había unha soa curva" de toda a rede que as tivese, dado o "consenso" de que a responsabilidade era do maquinista
Segundo este recurso, dende que en 2011 entra en servizo a liña Ourense-Santiago e ata que en 2013 sucede o accidente de Angrois "é unha idea completamente asentada en todo o sector ferroviario" que "o maquinista é o responsable último da velocidade do tren en tramos intermedios cando se conduce con ASFA" e que ese risco queda "mitigado" pola propia formación dos condutores. "Esta non é unha ocorrencia do señor Cortabitarte", enfatiza.
Porque ata o descarrilamento do Alvia, sostén o avogado do Estado, a de Angrois era "unha curva máis" das "varias ou moitas que hai" na rede ferroviaria do Estado onde "o maquinista ten que frear". E "o que todos parecen ver e postulan como evidente despois do accidente, que a curva era perigosísima e que é inaudita que non estivese nin sinalizada nin protexida por unha baliza" -que frearía o tren automaticamente co sistema ASFA- "resulta que ninguén, nin os máis expertos e bregados maquinistas e formados o advertiron con claridade e rotundidade antes do accidente".
O certo é que esas balizas que viran en imposible que un tren descarrile se o maquinista non frea a tempo foron instaladas en Angrois escasos días despois do accidente. E, por que non as había antes? A Avogacía do Estado carga contra a xuíza por "non ter en conta" na sentenza que "a razón pola que non se colocou unha baliza na curva de Angrois é porque non había unha soa curva" en toda a rede "protexida con balizas" do sistema ASFA e "isto era debido á existencia dun consenso incuestionable" en "todo o sector ferroviario" segundo o cal "na condución con ASFA é responsabilidade do maquinista o control das velocidades intermedias do tren".
Como a Fiscalía, o avogado do Estado pide culpar a Garzón polo delito de danos na infraestrutura, do que a xuíza absolveu os dous condenados
En síntese, a Avogacía do Estado reclama exonerar a Cortabitarte ao considerar que para condenalo a maxistrada comezou "a casa polo tellado" porque axuiza a súa conduta "non por ela mesma", senón "polo resultado que provocou" e isto está "completamente prohibido polo dereito penal moderno". A xuíza, acusan, baseouse nunha visión da curva e da súa protección modelada polo que aconteceu no accidente, incorrendo nun "caso paradigmático de nesgo retrospectivo". Pero ignorando que o xefe de Seguridade de Adif cumpriu toda a normativa vixente no seu momento. A mesma que, veñen admitir, non previu o que acabou sucedendo Angrois.
Mentres considera "sinxelamente incrible" que Cortabitarte puidese ser condenado e pide deixalo indemne, a Avogacía do Estado cre procedente incrementar a condena do maquinista. Igual que a Fiscalía, reclama atribuír a Garzón o delito dos danos na infraestrutura causados polo descarrilamento, do que a xuíza absolveu a ambos acusados.