Socialistas e populares gardan silencio catro meses despois ante unha condena que recoñece finalmente como afectados a uns 250 familiares sumados ás 79 persoas falecidas e 143 feridas que viaxaban no tren
Do accidente de Angrois do 24 de xullo de 2013, o máis grave da alta velocidade española, vénse dicindo que provocou a morte de 79 persoas e feridas a outras 143. Pero a sentenza emitida polo Xulgado do Penal 2 de Santiago deixa máis claras esas contas e eleva a preto de 500 as vítimas, entendidas estas como persoas ás que a xustiza recoñece un dano con dereito a indemnización.
Porque aos mortos e feridos hai que sumar os familiares dos falecidos que agora veñen de ser certificados na sentenza. Unha resolución xudicial que catro meses despois aínda non mereceu valoración nin resposta por parte nin do actual Goberno de España do PSOE nin do principal partido da oposición, o PP, que gobernaba cando ocorreu o sinistro e puxo obstáculos á súa investigación. [O ministerio e o PP gardan silencio catro meses despois sobre os efectos da condena por Angrois].
Ademais de condenar ao mesmo nivel ao daquela director de Seguridade na Circulación de Adif e ao maquinista do tren, a sentenza pon nome, apelidos e dereitos a todas as vítimas de xeito oficial por primeira vez, máis alá dos relatos que sobre elas foron facendo nestes anos os medios de comunicación.
En primeiro lugar a sentenza aclara que as persoas falecidas polo accidente foron 79 (43 mulleres e 36 varóns) e non 80 como se barallara previamente porque non liga directamente co sinistro a morte 73 días despois dun home de 82 anos que resultou gravemente ferido e que xa tiña un cancro en fase avanzada. En todo caso, a sentenza si estima, para calcular a indemnización da súa familia, que o accidente fixo que o home perdera un 90% da esperanza de vida que tiña coa súa enfermidade.
Unha vintena de vítimas ve recoñecido dobremente o dereito a indemnización por perder varios familiares ou resultaren elas mesmas tamén feridas no sinistro
A sentenza tamén detalla, no caso das persoas falecidas, a que familiares recoñece a Xustiza un dano directo por esas mortes e polo tanto teñen dereito a indemnización. En total, polas 79 mortes, de persoas de entre 2 e 92 anos de idade, son recoñecidas indemnizacións a 275 pais, fillos, parellas, irmáns ou outros familiares. Aínda que realmente as persoas concretas a indemnizar son algo menos, xa que unha vintena delas viron recoñecidas indemnizacións por duplicado, xa sexa porque no accidente lles morreron varios familiares ou porque elas mesmas resultasen ao tempo feridas no sinistro. A xustiza só conta como persoas afectadas polas mortes a familiares en primeiro grao, e non a netos, avós, sobriños, tíos ou amizades.
Só en dous casos concretos a sentenza vai algo máis alá e recoñece o dereito a indemnización dos avós dun falecido que xa non tiña pais e de varios sobriños doutro falecido que foran orfos e para os que este actuara como figura paterna.
Canto ás persoas feridas, para as que se barallaba a cifra de 145, a sentenza di que foron 143, pero indemniza a un total de 144 (76 mulleres e 68 varóns). A xuíza desbota que un home que se presentara como vítima viaxase realmente no tren accidentado en compaña da súa muller e do seu fillo que resultaron feridos. Non consta que fose atendido "en ningún centro médico en Santiago nin noutro lugar o día de autos nin nos días próximos" e o billete que achegou como suposta proba de que era viaxeiro correspondíase coa mesma praza que ocupaba a súa muller, poo que "non se acredita a súa condición de pasaxeiro do tren". Pola contra, a xuíza si tivo en conta a efectos indemnizadores polo dano moral sufrido a unha menor cuxas feridas non requiriron tratamento médico -en total, no accidente resultaron feridos 18 menores de idade, entre eles unha bebé de poucas semanas de vida-.
Unha ducia de persoas feridas precisaron ou seguen precisando de por vida asistencia de terceiras persoas
Pero no extremo contrario ao desa rapaza a sentenza relata os casos dunha ducia de persoas feridas que precisaron ou seguen precisando de por vida de asistencia de terceiras persoas, concepto polo que eleva notablemente as indemnizacións.
Os familiares dos feridos non aparecen na sentenza recoñecidos como persoas con dereito a indemnización, polo que é imposible calculalos, pero si se recoñece aos propios feridos un "factor de corrección por danos morais de familiares". O caso máis grave é o dun home que tiña 37 anos cando o accidente que quedou con incapacidade permanente absoluta necesitada de axuda de terceiras persoas de por vida e cunhas secuelas que "supoñen unha alteración substancial da vida dos seus familiares máis próximos". Para el a sentenza fixa a indemnización máis elevada, de máis de 2 millóns de euros.
Todas estas persoas, á espera de que os seus posibles recursos poidan variar as contías, recibirán un total duns 25 millóns de euros de indemnizacións a cargo das aseguradores de Adif e Renfe. Porén, a resolución xudicial que vén de establecer esa responsabilidade subsidiaria de dúas das máis importantes empresas públicas españolas aínda non mereceu valoración por parte do Goberno ou do principal partido da oposición.