O ministro Óscar Puente evita reunirse con vítimas de Angrois tras a condena dun cargo de Adif por 79 homicidios

Vítimas de Angrois ante o Ministerio de Transportes nunha imaxe de 2021 © Plataforma Víctimas Alvia

Tres meses despois da sentenza nin o Goberno de España nin o PP, que gobernaba cando o accidente, fixeron aínda ningunha valoración malia a negativa imaxe que ofrece da alta velocidade española

Tres meses despois de que un xulgado de Santiago condenase por 79 homicidios a un ex-director de Seguridade na Circulación de Adif como igualmente responsable do accidente de Angrois que o maquinista do tren Alvia, nin o ministro de Transportes nin o presidente do Goberno de España fixeron aínda ningunha valoración pública da sentenza. O primeiro, Óscar Puente, tampouco se reunirá coa Plataforma de Vítimas do accidente, como lle pediron estas, e vén de deixar o encontro en mans da Secretaria Xeral de Transporte Terrestre e do Secretario Xeral de Mobilidade Sostible.

Os condenados polo accidente de Angrois, Andrés Cortabitarte, ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, e Francisco José Garzón, maquinista do Alvia © Óscar Corral

A condena polo accidente de Angrois -o maior da historia da alta velocidade española, que sucesivos gobernos veñen presentando como un exemplo mundial- deixou en evidencia as eivas de seguridade permitidas por Adif. Porén, nin o PSOE actualmente gobernante no Estado, nin o PP que o facía cando ocorreu o sinistro e puxo obstáculos á súa investigación, fixeron aínda ningún tipo de valoración. 

Neste contexto, un mes despois da sentenza, a finais de agosto, a Plataforma de Vítimas pediu unha reunión co ministro Puente. Na súa solicitude as vítimas comezaron recoñecendo ao ministro o seu apoio coa súa causa cando era alcalde de Valladolid, posto desde o que en 2016 se uniu a un manifesto asinado por numerosos municipios de toda España reclamando unha comisión de investigación política do accidente. Pero agora as vítimas queren que o ministro impulse tamén a investigación técnica do sinistro que a UE considera que aínda non se realizou correctamente, xa que a que se fixo hai unha década apuntara só ao maquinista. [Tras a condena penal de Angrois, que foi das investigacións técnica e política aínda pendentes?]

Esther Mateo, directora xeral de Seguridade de Adif, na súa comparecencia no xuízo de Angrois o 1 de febreiro de 2023 CC-BY-SA Praza Pública

A directora de Seguridade de Adif, Esther Mateo, sucesora do condenado polo accidente, salientou no xuízo o segura que era a curva de Angrois e que "non hai curvas perigosas", ante o que as vítimas se preguntan "en mans de quen estamos"

As vítimas tamén queren que a depuración de responsabilidades técnicas polo accidente chegue ao Adif actual. A súa directora de Seguridade, Esther Mateo, sucesora do cargo condenado por Angrois, participou no proceso penal polo accidente como perito da empresa pública asegurando que todo se fixera "de acordo coas normas". Tras esa peritaxe durante a instrución do caso, Mateo foi ascendida ao seu actual posto de directora de Seguridad. E xa nese cargo compareceu no xuízo salientando o segura que era a curva do accidente, na que acabaron morrendo 79 persoas. 

Por iso os afectados querían transmitir a Puente a súa preocupación por que Mateo "continúe como directora de Seguridade" lembrando a súa afirmación de que "non hai curvas perigosas". "En mans de quen estamos?", pregúntanse as vítimas, que queren demostrar ao ministro que Mateo "faltou á verdade no xuízo".

"O ministro pasará á historia como o único que non recibiu ás vítimas da maior traxedia ferroviaria, non depurou responsabilidades políticas e mantivo de directora de Seguridade en Adif a alguén que afirmou que non había curvas perigosas"

Agora, tras recibir a proposta do ministerio dunha reunión con secretarios xerais e non co ministro, a Plataforma de Vítimas di que Puente "despreza aos usuarios do ferrocarril e a súa seguridade". "O ministro pasará á historia como o único que non recibiu ás vítimas da maior traxedia ferroviaria, non depurou responsabilidades políticas e mantivo de directora de Seguridade en Adif a alguén que afirmou que non había curvas perigosas e fixo unha peritaxe afirmando que todo estaba ben en Angrois", conclúen.

[🔊 En Praza.gal vimos de analizar a sentenza e o que queda por diante do caso Angrois con xornalistas doutros medios nun novo capítulo do noso podcast Fálase: Xornalistas en Angrois e o que queda por contar]

Esther Mateo, directora xeral de Seguridade de Adif Dominio Público Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.