As condenas penais deben ser notificadas persoalmente aos afectados, e mentres non se faga non comezará a contar o prazo para que todas as partes formulen os seus recursos
O pasado 26 de xullo o Poder Xudicial fixo pública a sentenza do Xulgado do Penal 2 de Santiago que condenou ao mesmo nivel ao maquinista do tren Alvia que descarrilou en Angrois en 2013, Francisco José Garzón, e ao daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte. Porén, 70 días despois a sentenza aínda non lle foi formalmente notificada persoalmente ao segundo, requisito para que comecen a contar os prazos para que todas as partes implicadas formulen os seus xa anunciados recursos.
Os acusados nun xuízo penal deben indicar ao xulgado un enderezo no que se lles poida notificar persoalmente a sentenza. Non basta con notificala aos avogados senón que a notificación dun condenado debe ser persoal. Garzón, maquinista do tren, xa recibiu a notificación no seu domicilio, pero Cortabitarte, o ex-cargo de Adif, deixou como enderezo un despacho no que non puido ser localizado e non o seu domicilio, algo que varias fontes xudiciais consideran que non é o habitual.
Agora, ante a demora na falta de notificación persoal, o xulgado de Santiago vén de librar un "novo exhorto" ao xulgado decano de Madrid para que volva intentar a "notificación persoal" da sentenza a Cortabitarte. Fontes xudiciais sinalan que se o condenado segue sen ser notificado o xulgado podería pedir á policía que o localice. Mentres iso non se produza, o resto de partes implicadas no caso seguen pendentes dos prazos para poderen formular os seus recursos.