Os afectados queren unha reunión con Óscar Puente, a quen agradecen o apoio cando era alcalde de Valladolid, para que impulse unha nova investigación técnica reclamada pola UE e cese por mentir a actual directora de seguridade de Adif
Un mes despois da sentenza polo accidente de Angrois que condenou coa mesma responsabilidade ao maquinista do tren Alvia e a un ex-director de Seguridade na Circulación de Adif a decisión xudicial non provocou aínda ningunha valoración pública por parte do Ministerio de Transportes. Neste contexto a plataforma de vítimas do sinistro, da que a xuíza salientou a súa "actuación particularmente relevante" na investigación penal, vén de enviar unha carta ao ministro de Transportes, Óscar Puente, na que lle piden unha reunión, que depure responsabilidades técnicas e que cese a actual directora de Seguridade de Adif, Esther Mateo, por mentir no xuízo.
A carta das vítimas comeza recoñecendo a Puente o seu apoio coa súa causa cando era alcalde de Valladolid, posto desde o que en 2016 se uniu a un manifesto asinado por numerosos municipios de toda España reclamando unha comisión de investigación política do accidente. Porén, agora as vítimas queren pedirlle a Puente que impulse a investigación técnica do sinistro que a UE considera que aínda non se realizou correctamente, xa que a que se fixo hai unha década apuntou só ao maquinista. [Tras a condena penal de Angrois, que foi das investigacións técnica e política aínda pendentes?]
A directora de Seguridade de Adif, Esther Mateo, sucesora do condenado polo accidente, salientou no xuízo o segura que era a curva de Angrois e que "non hai curvas perigosas", ante o que as vítimas se preguntan "en mans de quen estamos"
Pero as vítimas tamén queren que a depuración de responsabilidades técnicas polo accidente chegue ao Adif actual. A súa directora de Seguridade, Esther Mateo, sucesora do cargo condenado por Angrois, participou no proceso penal de Angrois como perito da empresa pública asegurando que todo se fixera "de acordo coas normas". Tras esa peritaxe durante a instrución do caso Mateo foi ascendida ao seu actual posto de directora de Seguridad. E xa nese cargo compareceu no xuízo salientando o segura que era a curva do accidente.
Agora os afectados polo sinistro dinlle a Puente estar "preocupados" por que Mateo "continúe como directora de Seguridade" e lembran a súa afirmación de que "non hai curvas perigosas". "En mans de quen estamos?", pregúntanse as vítimas, que queren demostrar ao ministro que Mateo "faltou á verdade no xuízo".
A plataforma tamén quere que o ministro Puente lles avance se Adif vai recorrer a sentenza "ou por fin vai asumir as súas responsabilidades e pedir perdón 11 anos despois e desta forma deixar de seguir xerando sufrimento a vítimas familiares".