A comisaria europea de Transportes reitera que non ten competencias para forzar unha nova análise dos investigadores do ministerio tras a que a UE invalidou por poñer o foco só no maquinista
España aínda non fixo unha investigación técnica independente de todas as causas do accidente de Angrois que hai agora 11 anos, o 24 de xullo de 2013, deixou 80 mortos e 150 feridos. Así o reiteraron hai un ano altos cargos da Comisión Europea pero, malia pedilo reiteradamente a plataforma de vítimas, a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Transportes vénse negando.
Neste contexto, a comisaria europea de Transportes, Adina Vălean, vén de responder oficialmente a unha pregunta da eurodeputada no BNG Ana Miranda insistindo en que "a obriga de garantir que se leve a cabo unha investigación" é de España e que a Comisión "non ten competencias xurídicas para provocar que o organismo nacional de investigación inicie unha investigación formal". Unha resposta que chega a piques de que se coñeza a sentenza penal polo accidente, tras o xuízo rematado hai un ano.
No xuízo penal polo accidente, rematado o pasado xullo e cuxa sentenza debera ser inminente, foron xulgados tanto o maquinista do tren Alvia por despistarse e non frear a tempo antes da curva de Angrois como un ex-alto cargo de Adif, ao que se atribúe non habilitar as medidas de seguridade necesarias. Porén, a investigación técnica realizada hai unha década pola CIAF, pensada non para buscar culpables como a causa penal senón para mellorar o sistema ferroviario e evitar un novo accidente similar, sinalara só a responsabilidade do maquinista.
Esa investigación foi invalidada en 2016 pola Axencia Ferroviaria Europea tanto por non analizar todas as posibles causas do accidente máis alá do despiste do maquinista como pola falta de independencia da CIAF cando a realizou. Unha crítica europea que se fixo pública malia as manobras do Goberno de Mariano Rajoy en Bruxelas para ocultala ou minimizala, movementos revelados por Praza.gal.
Tras desmontar aquela investigación, a Comisión Europea leva anos pedindo e constatando -así o fixo aínda o pasado xullo- que España aínda non realizou unha análise técnica independente do accidente de acordo coa normativa europea. Pero os sucesivos gobernos tanto de PP como de PSOE argumentan que agora a CIAF xa si é independente e polo tanto non lle poden dar ordes. E a propia CIAF négase a realizar esa nova investigación porque mantén, en contra do que di a UE, que a feita en 2013 foi correcta.
Ante este bloqueo e o silencio da CIAF ás súas peticións, a plataforma de vítimas recorreu á vía contencioso-administrativa para que a xustiza obrigase á comisión de investigación a facer a nova análise. Pero o Tribunal Supremo estableceu que a CIAF só tiña obriga de contestarlles, sen prexulgar o sentido da resposta.
En febreiro os investigadores do ministerio responderon oficialmente ás vítimas que non van facer unha nova investigación. A resposta da UE volve evidenciar o bloqueo da situación, sen ninguén que poida facer cumprir a normativa europea que obriga a unha investigación independente que analice todas as causas
E a resposta que obtiveron as vítimas o pasado febreiro é que, malia as críticas desde a UE, a CIAF non vai facer unha nova investigación porque segue considerando válida a que xa realizara.
Tras esa resposta a eurodeputada do BNG Ana Miranda preguntou formalmente á Comisión Europea se vai instar novamente á CIAF a que realice unha investigación independente. E a resposta que dá a comisaria de Transportes, Adina Vălean, é que non ten competencias para iso. Que "a obriga de garantir que se leve a cabo unha investigación tras un accidente grave no sistema ferroviario da Unión recae plenamente nos Estados membros". E que esa investigación debe ser realizada "polo organismo nacional independente", sen que a Comisión Europea teña competencias para poder obrigalo, como demandaba o BNG.
Isto é, a Comisión Europea volve evidenciar o bloqueo da situación tras a última negativa da CIAF, xa que esta agora xa é considerada independente e ninguén pode ordenarlle que faga unha nova investigación malia considerar a UE que a única realizada non cumpre as esixencias da normativa comunitaria de que os seus autores fosen independentes e de que se analizasen todas as causas e non só o papel do maquinista.