A eurodeputada Ana Miranda censura a negativa da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios a cumprir coa normativa europea e as presións do Goberno de Rajoy reveladas por Praza.gal para que a UE silenciase as súas críticas
Ana Miranda, eurodeputada do BNG especialmente implicada na investigación de todo tipo de irregularidades arredor do accidente de Angrois, vén de presentar dúas preguntas parlamentarias á Comisión Europea arredor das dúas últimas novidades do caso: a decisión da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) de España de non volver investigar o sinistro malia así reclamalo a UE desde hai oito anos e a revelación de Praza.gal de que o Goberno de Mariano Rajoy mobilizou dous ministros en defensa da súa versión do accidente e chegou ata o presidente Jean-Claude Juncker. Miranda tamén solicita unha nova reunión coa comisaria de Transportes, que no pasado xa salientara que "segue pendente" unha investigación técnica oficial conforme á normativa europea.
Sobre a negativa da CIAF a realizar unha nova investigación de Angrois tras invalidar a UE a que realizara no seu momento apuntando en exclusiva ao maquinista do tren Alvia, Miranda considera a decisión unha "lamentable falta de respecto ás vítimas". A eurodeputada nacionalista lembra varias ocasións en que distintos responsables europeos salientaron que España aínda non fixo unha investigación conforme coa normativa europea e pregunta á Comisión Europea se xa falou coas autoridades españolas sobre a negativa da CIAF e se vai instar de novo a esta a facer a investigación.
Miranda tamén formulou outra pregunta na que se fai eco da revelación de Praza.gal de que dous ministros do Goberno de Mariano Rajoy manobraron ante a Comisión Europea e chegaron ata o seu presidente daquela, Jean-Claude Juncker, en defensa da investigación da CIAF que sinalaba só o maquinista. A eurodeputada pregunta á Comisión pola súa valoración de "feitos tan graves de interferencia por silenciar unha investigación por parte do Goberno de España".
A eurodeputada do BNG tamén vén de pedir por carta unha reunión coa comisaria de Transportes, Adina Vălean, para manter o seguimento sobre a cuestión que xa iniciara coa súa antecesora, Violeta Bulc. Miranda foi en 2016 quen, xunto coa Plataforma de Vítimas, logrou que a Comisión Europea fixese público o seu informe crítico coa investigación que España fixera do accidente.