Altos cargos europeos argumentan a súa incapacidade de obrigar o Estado a analizar de xeito independente o sinistro de Santiago e confirman que manteñen aberto o procedemento de infracción iniciado hai máis de catro anos
A poucos días do décimo aniversario do accidente de Angrois no que o 24 de xullo de 2013 morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas altos cargos da Comisión Europea reiteraron este xoves que España aínda non fixo, unha década despois, unha investigación técnica independente do accidente, como obriga a normativa europea. Así o verbalizaron o director da Axencia Ferroviaria Europea, Josef Doppelbauer, e o director de Transporte Terrestre da Dirección Xeral de Mobilidade da Comisión Europea, Kristian Schmidt, nunha xornada sobre seguridade ferroviaria organizada no Parlamento Europeo pola eurodeputada do BNG Ana Miranda, especialmente implicada nas derivadas xurídicas do caso.
Na xornada os altos cargos europeos reiteraron a poucos días da fin do xuízo penal do accidente a visión da UE de que "ten que haber procedementos que protexan dos erros humanos" como o que sufriu o maquinista de Angrois, xulgado xunto cun ex-director de Seguridade de Adif. Pero os cargos europeos tamén argumentaron a súa incapacidade de obrigar o Estado a analizar de xeito independente o sinistro de Santiago e confirmaron que a Comisión Europea mantén aberto o procedemento de infracción iniciado hai máis de catro anos contra España por cuestións de seguridade ferroviaria relacionadas dun ou doutro xeito co accidente de Angrois.
En 2016 a investigación oficial feita por España, que apuntou en exclusiva ao maquinista, foi descualificada pola UE pola súa falta de independencia e por non analizar outras posibles causas como a ausencia dunha avaliación do risco dun erro humano como o que sufriu o condutor do Alvia. España reformou a comisión que fixo aquela investigación (CIAF) e argumenta que agora xa é independente e xa non pode ordenarlle que reabra a pescuda. E a propia comisión segue a negarse.
Neste contexto, este xoves os altos cargos da UE participantes na xornada celebrada no Parlamento Europeo reiteraron a súa postura. A investigación independente de Angrois aínda non se fixo pero "non temos competencias para obrigar a España a realizar unha investigación, é unha responsabilidade nacional", segundo dixo o director de Transporte Terrestre, Kristian Schmidt. E na mesma liña se pronunciou o responsable da axencia ferroviaria, Josef Doppelbauer: "A axencia mantén o que dixemos en 2016, é necesaria unha investigación, pero a situación xurídica tamén é clara, a responsabilidade recae no estado membro".
Por outra banda, en xaneiro de 2019 a Comisión Europea abriu un procedemento de infracción contra España (o 2018-2261) por, entre outras cuestións, se no sistema ferroviario se están a facer “avaliacións de risco adecuadas” cuestión concreta pola que está a ser xulgado o ex-cargo de Adif. A Comisión tamén dixo que detectara “deficiencias na forma en que o organismo nacional de investigación analiza e investiga os accidentes”, poñendo novamente o foco na CIAF contraria a reabrir a investigación de Angrois.
A Comisión Europea negou naquel momento que o procedemento de infracción estivese motivado polo accidente de Angrois, pero en varias ocasións altos cargos da UE admitiron a vítimas do accidente ou á eurodeputada do BNG, Ana Miranda, as relacións existentes co mesmo.
O director de Transporte Terrestre da Comisión Europea asegurou ás vítimas de Angrois que "o sistema de seguridade que temos agora non se parece para nada ao que tiñamos no momento do accidente, mellorou notablemente"
Este xoves os dous altos cargos que participaron na xornada organizada polo BNG referíronse en varias ocasións a ese procedemento de infracción relacionándoo eles mesmos co accidente de Angrois. Schmidt confirmou que "segue aberto" e que "se pechará só cando teñamos unha resposta satisfactoria e vexamos que España cumpriu con todos os progresos necesarios para cumprir coa lexislación europea". En todo caso, Schmidt asegurou ás vítimas de Angrois que xa se produciron avances e que "o sistema de seguridade que temos agora non se parece para nada ao que tiñamos no momento do accidente, mellorou notablemente".