Ante unha pregunta do BNG sobre as “presións” en 2016 do Goberno do PP á Comisión por Angrois, reveladas por Praza.gal, a comisaria de Transportes di que tras valorar a “aplicación das medidas correctoras en España” estudará “novas medidas”
Tras pechar en 2016 un primeiro procedemento de infracción relacionado co accidente de Angrois, a comezos de 2019, hai agora catro anos, a Comisión Europea abriu un segundo proceso similar para estudar, entre outras cuestións, se España avalía ben os riscos do sistema ferroviario, cuestión concreta pola que está sendo xulgado na causa penal polo accidente un ex-director de Seguridade de Adif. Ese procedemento segue aberto e a Comisión valorará “no primeiro trimestre de 2023”, este mesmo mes, “os avances e a aplicación das medidas correctoras en España” para estudar “novas medidas”.
Así o vén de responder oficialmente este martes a comisaria de Transportes, Adina Vălean, a varias preguntas da eurodeputada do BNG, Ana Miranda, que se interesaba pola “presión” do Goberno de España á UE en 2016, revelada por Praza.gal, para que non divulgase un informe crítico sobre Angrois elaborado a raíz do procedemento de infracción anterior.
Tras o accidente de Angrois a investigación técnica oficial da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento concluíu que a causa do mesmo fora só o despiste do maquinista. A UE considerou que esa investigación non fora independente e non analizara outras posibles causas, como a seguridade da liña e a ausencia de avaliacións de riscos da mesma, cuestións pola que agora está a ser xulgado tamén un ex-director de Seguridade na Circulación de Adif.
A UE obrigou a España a reformar a CIAF para garantir a súa independencia e pechou aquel procedemento de infracción (o 2013-2161) en 2016, aínda que segue sen considerar realizada unha correcta investigación técnica do accidente, á que se nega a CIAF. O obxectivo da UE era que a CIAF fose independente, pero unha vez conseguido xa non pode obrigala a nada.
Tras aquilo, en xaneiro de 2019 a Comisión Europea abriu un segundo procedemento de infracción contra España (o 2018-2261) por, entre outras cuestións, se no sistema ferroviario se están a facer “avaliacións de risco adecuadas”, cuestión concreta pola que está a ser xulgado o ex-cargo de Adif. Tamén dixo que detectara “deficiencias na forma en que o organismo nacional de investigación analiza e investiga os accidentes”, poñendo novamente o foco na CIAF contraria a reabrir a investigación de Angrois.
A Comisión Europea negou que o procedemento de infracción estea motivado polo accidente de Angrois, pero en varias ocasións altos cargos da UE admitiron a vítimas do accidente ou á eurodeputada do BNG, Ana Miranda, as relacións existentes co mesmo. De feito foi no marco do primeiro procedemento de infracción no que se elaborou o informe crítico coa xestión do accidente de Angrois, documento contra cuxa publicación manobrou en 2016 o Ministerio de Fomento daquela encabezado pola popular Ana Pastor, mesmo cunha intervención persoal da propia ministra desvelada por Praza.gal o pasado setembro.
O pasado agosto, cando vítimas de Angrois se queixaron á UE de que España segue sen realizar unha investigación técnica independente do sinistro, a Comisión remitiunas ao procedemento de infracción en marcha
A Comisión Europea tamén remitiu as vítimas de Angrois ao procedemento de infracción aínda aberto cando se queixaron formalmente porque España siga sen facer unha investigación independente do accidente. Segundo lles dixo por escrito o pasado agosto o director xeral de Transportes da Comisión, dado que España xa mudou en 2016 a lexislación para facer a CIAF independente a súa queixa debía ser arquivada pola Comisión, “se ben mantén aberto o procedemento de infracción” iniciado en 2019. Previamente, en marzo de 2020 a propia comisaria dixera que seguía considerando "pendente" esa investigación.
A Comisión prevé “valorar se España abordou en suficiente medida as cuestións formuladas no procedemento no primeiro semestre de 2023”
Neste contexto a eurodeputada do BNG formulou varias preguntas á Comisión sobre o procedemento de infracción aínda aberto nas que salienta as presións do Ministerio en 2016 reveladas por Praza.gal, critica as demoras de España en dar cumprimento ás esixencias da UE e pregunta polo seu grao de cumprimento e a situación actual do procedemento.
A resposta da comisaria de Transportes, Adina Vălean, confirma que o procedemento de infracción aberto en 2019 segue “en curso” para “axustar certos aspectos do sistema de seguridade ferroviario español aos requisitos da UE”. Segundo di, “en resposta ás queixas formuladas no procedemento de infracción, España adoptou un Plan de Acción e informa periodicamente á Comisión sobre a aplicación deste”, mentres que a Comisión “supervisa de preto os avances na aplicación das medidas correctoras do plan”.
Segundo as previsións da comisaria, a Comisión, coa axuda da Axencia Ferroviaria da UE, prevé avaliar a situación e “valorar se España abordou en suficiente medida as cuestións formuladas no procedemento no primeiro semestre de 2023”. “A Comisión estudará novas medidas no procedemento de infracción unha vez a Axencia valore os avances e a aplicación das medidas correctoras en España”, conclúe a resposta oficial.