Os dous acusados renunciaron ao seu dereito á ultima palabra e a xuíza rematou amosando a súa esperanza de "estar á altura"
Tras dez meses de vista oral e dez anos despois do accidente de Angrois que o 24 de xullo de 2013 deixou 80 mortes e 144 feridos, o xuízo penal polo sinistro chegou este xoves ao seu remate. Foi nunha derradeira sesión na que interviron os avogados defensores dos dous acusados, o maquinista do tren e un ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, para pedir a libre absolución dos seus defendidos, que renunciaron ao seu dereito á última palabra.
Mentres, ás portas do xuízo, vítimas de Angrois insistían, como tamén fixeron cun comunicado, en que o cargo de Adif tivo ao seu ver máis responsabilidade no accidente que o erro humano do maquinista.
O maquinista do Alvia, Francisco José Garzón, está acusado por non frear a tempo antes da curva de Angrois ao perder a consciencia situacional tras recibir unha chamada do interventor do tren, mentres que o cargo de Adif, Andrés Cortabitarte, afronta a acusación de non avaliar como debía o risco da curva para palialo con medidas de seguridade das que carecía ese punto.
"As acusacións retorceron os feitos para encaixar neles ao señor Cortabitarte", di a defensa do cargo de Adif acusado
Este xoves, na derradeira sesión do xuízo, o avogado de Cortabitarte mantivo, nunha intervención de algo máis dunha hora, que o seu defendido "non omitiu o deber de coidado" e cumpriu todas as normas que lle eran de aplicación, que a Fiscalía considera un "galimatías". E na liña da estratexia que veu desenvolvendo durante o xuízo, o letrado insistiu en desviar posibles responsabilidades a outros departamentos. Porque ao seu ver Cortabitarte acabou implicado neste caso só polo "apelido" do seu cargo, director de Seguridade na Circulación, malia que segundo a súa tese non tiña responsabilidades nas eivas de seguridade que presentaba a curva de Angrois.
"As acusacións retorceron os feitos para encaixar neles ao señor Cortabitarte", chegou a dicir o letrado do cargo de Adif. Pola contra, ao seu ver no caso non hai ningunha conduta que mereza "ningún reproche penal" máis alá de "a condución do maquinista".
Pola súa banda, o avogado do maquinista incidiu, ao longo de máis de dúas horas, na estratexia de defensa mantida durante o xuízo, a de que Garzón non contaba coas medidas de seguridade que calquera empresa debe poñer a disposición dos seus traballadores. "Non é responsable da neglixencia de Adif", dixo, senón outra "vítima". Porque nada na liña de alta velocidade Ourense-Santiago lle indicaba expresamente onde debía frear antes da curva de Angrois e ningún sistema automático estaba preparado para evitar o seu previsible erro humano, risco sobradamente coñecido no sector ferroviario, argumentou. Nesa liña, engadiu que "o erro humano dun traballador aguanta calquera acusación" pero que "así os accidentes volveranse repetir".
"O maquinista non é responsable da neglixencia de Adif" senón outra "vítima", di o seu avogado
"A Garzón ocorreulle o que lle podía ocorrer a calquera outro maquinista", dixo, para engadir que a dúbida non era se podía ocorrer un accidente así senón que "a cuestión era cando".
Aínda que como defensa do maquinista debía centrarse nese cometido e non podía acusar á outra parte, o letrado de Garzón si evidenciou a disparidade de criterio da Fiscalía neste caso a respecto do accidente do Metro de Valencia de 2006. Alí a Fiscalía acusou e logrou a condena de varios cargos por non prever as "distraccións ou imprudencias non temerarias" do maquinista, mentres que en Santiago a súa postura é que só o maquinista debe ser condenado porque o "galimatías" da normativa ferroviaria impide facer responsable ao cargo de Adif.
O letrado tamén pediu para o seu defendido, no caso de que sexa condenado, a aplicación de todas as atenuantes contempladas na lei, por dilacións indebidas, reparación do dano moral e económico e confesión.
Tras as intervencións dos dous avogados, o xuízo rematou coa xuíza dando a última palabra aos dous acusados. Os dous verbalizaron en persoa a súa renuncia a ese dereito. "Renuncio ao meu dereito a declarar", dixo Cortabitarte, e Garzón engadiu na súa quenda un "renuncio tamén". Despois a xuíza pechou a sesión: "Queda visto para sentenza e tratarei de estar á altura".