Varias partes pediron á xuíza que teña en conta que o acusado de Adif foi perito do accidente de Valencia, onde a sentenza, emitida co acordo da Fiscalía, condenou a catro cargos por non prever as "distraccións ou imprudencias non temerarias" do maquinista
No inicio da fase final do xuízo polo accidente de Angrois, no que hai dez anos morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas, o fiscal retirou o pasado martes a súa acusación contra o ex-director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, e mantívoa contra o maquinista, Francisco José Garzón. Segundo di, o segundo, tras recibir unha chamada do interventor que o despistou, incumpriu a súa obriga de adaptar a velocidade do tren á curva de Angrois, mentres que o primeiro "actuou de acordo cos procedementos", que ao seu ver non o obrigaban a tomar ningunha outra medida de seguridade naquel lugar.
Foi nunha xornada na que as dúas asociacións de vítimas e a defensa do maquinista pediron á xuíza que teña en conta a intervención de Cortabitarte antes do accidente de Santiago como perito na investigación xudicial do accidente do Metro de Valencia de 2006 no que morreron 43 persoas, entre elas o maquinista. Na súa peritaxe daquel sinistro Cortabitarte asegurou que unha simple baliza de control da velocidade evitaría o sucedido, pero varios anos despois esa baliza non existía en Santiago.
Para as partes que pediron á xuíza ter en conta a documentación que acredita aquela peritaxe de Cortabitarte a súa actuación acredita que debía ser coñecedor do risco que supuña un exceso de velocidade en Angrois. Pola contra, para o fiscal de Angrois nada ten que ver co accidente de Santiago o caso do Metro de Valencia no que a Fiscalía, con feitos notablemente semellantes, tomou unha postura ben distinta.
A condena de Valencia tamén considerou que a inexistencia dunha baliza que actuase ante un despiste do maquinista, que tampouco había en Angrois, incumprira a normativa ferroviaria europea
En Valencia a sentenza que acabaron recibindo catro cargos de Ferrocarrils de la Generalitat por acordo de todas as partes, tamén da Fiscalía, estableceu que os catro condenados incumpriran, entre outras, a obriga establecida na lei de prevención de riscos laborais de que “as medidas preventivas deberán prever as distraccións ou imprudencias non temerarias que puidera cometer o traballador”. Aquela sentenza emitida co acordo da Fiscalía tamén estableceu que os catro condenados tamén incumpriran a normativa europea de seguridade ferroviaria pola "inexistencia de baliza que garantira a velocidade" do convoi.
No caso de Angrois o avogado do maquinista tamén tentou facer ver durante o xuízo que o seu defendido, que se despistou e non freou a tempo antes da curva tras recibir unha chamada do interventor, tampouco foi dotado pola empresa das medidas de seguridade coas que debera contar calquera traballador. Medidas que segundo varios peritos debían ter en conta, como se sentenciou en Valencia, as "distraccións ou imprudencias non temerarias" dos traballadores, erros humanos que varios comparecentes en Santiago deron por seguro que sempre acaban producíndose. "O ser humano antes ou despois vai cometer fallos", constatou un dos peritos nomeados polo xulgado que investigou Angrois.
Pero mentres en Santiago, sen ningunha baliza que protexese o maquinista, o fiscal non considera que estas cuestións sirvan para acusar o cargo de Adif, en Valencia a Fiscalía asinaba unha condena que estableceu que "a inexistencia de baliza que garantira a velocidade" supuxo infrinxir tanto a lei de riscos laborais, xa que "o empresario está obrigado a evitar os riscos, ter en conta o estado da técnica e antepoñer as medidas de protección colectiva ás de carácter individual", como a directiva europea sobre seguridade no ferrocarril, que atribúe á empresa ferroviaria "a responsabilidade da explotación segura do sistema ferroviario e do control de riscos".
Nese eido do control dos riscos, a sentenza de Valencia dixo que "quedou acreditado que a velocidade excesiva non se detectara como un risco" malia que houbera advertencias previas ao respecto, como tamén as houbo en Santiago. Pola contra, no deseño do AVE Ourense-Santiago a posibilidade dunha velocidade excesiva na curva de Angrois si foi sinalada como unha situación de risco, pero ese risco foi "exportado ao condutor", ao que se trasladaba toda a responsabilidade. Esa cuestión, a de se Adif analizou e xestionou ese risco segundo o establecido na normativa ferroviaria europea, foi un dos focos do xuízo que agora está chegando ao seu remate.
Durante o xuízo peritos de parte avalaron unhas e outras posturas, discrepancias que tamén amosaron os tres peritos nomeados no seu momento polo xuíz instrutor. Dous deles apuntaron responsabilidades de Adif ou do seu cargo acusado por non habilitar medidas que paliasen o erro humano previsible do condutor do Alvia. Nesa mesma liña se pronunciou tamén un experto da Axencia Ferroviaria Europea cuxa independencia non foi posta en dúbida por ningunha parte. Pola contra, un terceiro perito xudicial, elixido pola Xunta, asegurou que Adif actuara conforme á normativa.
En Valencia a condena a catro cargos por delito contra o dereito dos traballadores por non dar medidas de seguridade ao maquinista contou co acordo da Fiscalía, pero en Santiago esta pide á xuíza que absolva o cargo de Adif
No caso do Metro de Valencia foron condenados catro membros do Comité de Seguridade na Circulación da empresa pública como responsables daqueles feitos, constitutivos de delitos de homicidio e lesións por imprudencia grave profesional e de delito contra o dereito dos traballadores como autores por omisión ou por cooperación necesaria. Outras catro persoas que chegaban ao xuízo como acusadas quedaron exculpadas no marco do acordo acadado por defensas, Fiscalía e acusación para evitar a vista oral e que os condenados non chegasen a entrar na cadea.
Porén, en Santiago a Fiscalía non considera que o cargo de Adif deba ser condenado. Agora será a xuíza, Elena Fernández Currás, quen decida se hai dous condenados, un ou ningún. Porque tamén é posible que o xuízo remate sen ningún condenado. De feito, durante as sesións a xuíza fixo ver en varias ocasións as limitacións ás que se enfronta a xustiza penal.