Fontes xudiciais apuntan que a complexidade do caso, con ducias de indemnizacións individuais, levará a sentenza cando menos á primavera, e as partes xa asumen que sexa cal sexa haberá recursos ante a Audiencia da Coruña que prolongarán o caso anos
Ás 14.07 horas deste xoves, 27 de xullo de 2023, a xuíza María Elena Fernández Currás dixo as palabras finais do xuízo polo accidente de Angrois: “Visto para sentenza e tratarei de estar á altura”. Unhas verbas que chegan tras dez meses de vista oral e dez anos despois do sinistro. E unhas verbas que se pronunciaron na derradeira sesión, na que os dous acusados, o maquinista do tren Alvia que descarrilou aquel 24 de xullo de 2013, Francisco José Garzón, e o ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, pediron a súa absolución.
O maquinista do Alvia está acusado por non frear a tempo antes da curva de Angrois ao perder a consciencia situacional tras recibir unha chamada do interventor do tren, mentres que o cargo de Adif afronta a acusación de non avaliar como debía o risco da curva para palialo con medidas de seguridade das que carecía ese punto. Tras dez meses de probas e argumentos a favor e en contra de cada postura, agora a xuíza deberá redactar e emitir a sentenza, que fontes xudiciais sitúan cando menos na próxima primavera de 2024. Unha sentenza que as partes asumen que será recorrida sexa cal sexa o veredicto.
Tras todo tipo de demoras previas da xustiza e obstáculos das administracións, o xuízo de Angrois comezou o 5 de outubro do pasado ano coas declaracións do maquinista e do cargo de Adif, e continuou con sucesivas comparecencias de testemuñas e peritos. E desde febreiro e ata xuño compareceron as vítimas nun longo proceso para a determinación dos danos sufridos por cada unha no que as aseguradores tentaron regatear as indemnizacións.
No xuízo a defensa do maquinista fixo ver que non puxeron á súa disposición as medidas de seguridade coas que debe contar calquera traballador, mentres que o avogado do cargo de Adif desviou responsabilidades das eivas de seguridade
Durante o xuízo o avogado do maquinista fixo ver que o seu defendido tiña a obriga de atender a chamada que o despistou e que non tiña á súa disposición as medidas de seguridade coas que debera contar calquera traballador.
Pola súa banda, o cargo de Adif desviou responsabilidades sobre as eivas de seguridade que había cara outros departamentos. Mentres, a propia esa empresa pública, defendida pola Avogacía do Estado, teimou en que non era obrigatoria a análise de riscos que se botou en falta sobre Angrois e que detectaría o perigo que alí había, análise que a UE si considera necesaria.
Peritos de parte avalaron unhas e outras posturas, discrepancias que tamén amosaron os tres peritos nomeados no seu momento polo xuíz instrutor. Dous deles apuntaron responsabilidades de Adif ou do seu cargo acusado por non habilitar medidas que paliasen o erro humano previsible que cometeu o condutor do Alvia. Nesa mesma liña se pronunciou tamén un experto da Axencia Ferroviaria Europea cuxa independencia non foi posta en dúbida por ningunha parte. Pola contra, un terceiro perito xudicial, elixido pola Xunta, asegurou que Adif actuara conforme á normativa.
Tras peritaxes independentes que apuntaron a responsabilidade do cargo de Adif, a poucos días de rematar o xuízo a Fiscalía mudou a súa postura e deixou de acusalo, mantendo a súa petición de cadea só para o maquinista
Tras todas esas comparecencias, a Fiscalía decidiu mudar as súas conclusións e, tras pedir ao comezo do xuízo catro anos de cadea tanto para o maquinista como para o cargo de Adif, na súa última intervención pediu a absolución para o segundo e mantivo a acusación contra o primeiro. Esa mesma postura adoptou a Avogacía do Estado, que defende a Adif, mentres que a maioría das vítimas pediu que sexan condenados os dous acusados, aínda que no caso da plataforma de afectados coa consideración de que o cargo de Adif tivo máis responsabilidade que o maquinista.
Pola súa banda as aseguradoras de Renfe e Adif, QBE e Allianz Global, atribuíron respectivamente a responsabilidade do sinistro a Cortabitarte ou Garzón para así quedar liberadas cada unha delas do pagamento das indemnizacións civís ás vítimas, que reclaman máis de 50 millóns de euros.
Agora será a xuíza a que decida, nunha sentenza que non só se deberá pronunciar sobre a responsabilidade penal de cada un dos dous acusados en función das complexas probas e argumentacións expostas durante dez meses senón que tamén deberá establecer a indemnización concreta a que ten dereito cada vítima en función de informes médicos en ocasións contraditorios e sobre os que aínda esta semana se achegou nova e voluminosa documentación por parte das aseguradoras. Así que fontes xudiciais sitúan a emisión do ditame cara a primavera do próximo ano, 2024.
Pero aínda que haxa sentenza dentro dun ano, 11 anos despois do accidente, o caso Angrois non rematará. O veredicto que emita a xuíza poderá ser recorrido, e así asumen as partes persoadas que sucederá, sexa cal sexa o resultado. Así que a sentenza que asine nuns meses a xuíza Elena Fernández Currás suporá só o primeiro paso para o seguinte capítulo, o dos recursos ante a Audiencia Provincial da Coruña, seguinte chanzo xudicial dun camiño pendente que xa hai quen aventura longo, co Tribunal Supremo, o Tribunal Constitucional e Europa no horizonte.