O seguro de Adif, Allianz Global, atribúe pola contra a acusación ao director de Seguridade a unha "persecución" do seguro de Renfe e di que sería "unha irresponsabilidade" deixar toda a seguridade nas súas únicas mans
O xuízo polo accidente de Angrois que chega este xoves ao seu remate dez anos despois do sinistro viviu este mércores unha penúltima xornada centrada na loita das aseguradoras de Adif e Renfe por rebaixar o que terían que pagar como indemnizacións -os afectados piden máis de 50 millóns de euros- en función de quen poida ser condenado. Se é culpable o maquinista, Francisco José Garzón, será QBE, seguro de Renfe, quen deba asumir as indemnizacións, mentres que se é condenado o director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, o pagamento corresponderá a Allianz Global, e se son condenados os dous a factura deberana compartir as dúas.
Neste contexto, e tras regatear durante o xuízo as posibles indemnizacións de cada vítima, este mércores QBE e Allianz Global defenderon respectivamente a culpabilidade da outra parte.
O avogado de QBE, aseguradora de Renfe, defendeu a absolución desa compañía e do seu maquinista e puxo o foco no "perigo creado por Cortabitarte coa súa conduta activa ao emitir o certificado" de seguridade da liña sen que fose segura, o que ao seu ver "deixou caer todo o peso do sector ferroviario" nas mans exclusivamente do maquinista. Foi, dixo, unha "creación de perigo" por parte de Cortabitarte que se fixo "sen que lle sexa esixible a Garzón que se protexa fronte ao seu propio erro" por perder a consciencia tras atender como debía a chamada que recibiu do interventor do tren.
O letrado salientou que "sobre os feitos estamos todos de acordo, o que hai dúbida é sobre as valoracións" do ocorrido. E de todas esas valoracións o avogado da aseguradora de Renfe salientou as dos peritos e testemuñas considerados máis independentes: o perito xudicial elixido por sorteo de entre os mellores profesionais polo xuíz instrutor -fronte outros dous peritos xudiciais impostos pola Xunta- e o experto ferroviario da Axencia Ferroviaria Europea. Os dous coincidiron en atribuír a Adif a responsabilidade de evitar ou paliar o risco e exculparon o maquinista.
O avogado de QBE tamén salientou que a súa compañía asumiu desde o primeiro momento o adianto das posibles indemnizacións, que elevou sobre o previsto, e que pagou 25 millóns de euros á espera do que poida resolver a sentenza. Unha actitude que contrastou coa da outra aseguradora, Allianz Global, á que acusou de pasividade malia haber tamén cargos de Adif imputados no caso desde o primeiro momento.
Fronte os máis de 50 millóns de euros en indemnizacións que piden as vítimas, o seguro de Adif di que a póliza cobre un máximo de 1,5 millóns por imprudencia profesional, que sería o reprochable ao cargo de Adif
Pola súa banda, a aseguradora de Adif, Allianz Global, responsable de pagar indemnizacións se é condenado o ex-director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, insistiu en que esa empresa pública "cumpriu todas as normas que estaban vixentes e que lle eran esixibles". O letrado chegou a asegurar que Cortabitarte, a quen dixo que se lle "arruinou a vida", non era competente para certificar a seguridade global nin da liña Ourense-Santiago nin do resto da rede ferroviaria porque "sería unha irresponsabilidade deixar a seguridade de todo o sistema ferroviario en mans dunha única persoa".
Porén, o mesmo avogado considerou que o que non pode ser aplicado ao cargo de Adif si debe ser esixido ao maquinista, ao que acusou dunha "conduta absolutamente temeraria e incomprensible" por non frear a tempo antes da curva de Angrois ao recibir unha chamada do interventor.
Por outra banda o letrado de Allianz Global asegurou que unha condena de Cortabitarte "non calmaría" as vítimas senón que só "beneficia" á aseguradora de Renfe. Ao avogado chegou a preguntarse "quen se beneficia da persecución que se está facendo ao señor Cortabitarte", ao que contestou que só hai "unha única resposta, quen se beneficia é QBE, o seguro de Renfe".
Allianz Global tamén puxo en dúbida que o seu seguro a Adif cubra os importes totais que se piden neste xuízo, que superan os 50 millóns de euros. Segundo o letrado da aseguradora, a póliza subscrita só cubriría, para o caso dunha imprudencia profesional, que sería o reprochable ao cargo de Adif, un máximo de 1,5 millóns de euros.
Pola contra, o avogado de QBE defendeu que Cortabitarte non estaba actuando como "profesional" ou enxeñeiro colexiado, que sería o que cubriría esa posibilidade do seguro, senón como directivo de Adif. Polo tanto, o seguro xeral desa empresa debe ser aplicado no seu apartado que cobre todas as súas operacións, con cobertura económica moi superior.