A xuíza eloxia expresamente na súa sentenza o papel das asociacións de afectados fronte a decisión do fiscal de retirar a acusación contra o cargo de Adif
As vítimas do accidente de Angrois "mantiveron unha actuación particularmente relevante" no decurso da investigación e xuízo do accidente. Así o recoñece expresamente a xuíza na sentenza coa que vén de condenar como igualmente responsables do sinistro ao maquinista do tren, Francisco José Garzón, e ao daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte. Un recoñecemento do papel activo das vítimas para que se fixese xustiza que a propia xuíza contrasta coa decisión da Fiscalía de retirar a súa acusación ao finalmente tamén culpable cargo de Adif.
Tras os primeiros días logo do accidente, diversas vítimas foron agrupándose en dous colectivos, a Asociación de Prexudicados polo Accidente do Alvia de Santiago (Apafas), máis centrada na negociación co ministerio de Fomento para obter diversas axudas médicas, psicolóxicas e burocráticas, e a Plataforma de Vítimas do Alvia 04155, enfocada na investigación das causas do sinistro.
Os avogados das dúas desempeñaron papeis relevantes durante o xuízo celebrado o ano pasado en Santiago. Pero foron especialmente membros da segunda, a Plataforma, encabezados polo seu presidente, Jesús Domínguez, os que desde un primeiro momento se amosaron máis activos, xunto co avogado do maquinista, na busca de documentación e consulta a expertos para tentar entender o que ocorrera.
Fronte as ocultacións de Adif e Renfe, as vítimas mobilizáronse para obter documentación e informes relevantes para a investigación
Durante os case dez anos de instrución a Plataforma obtivo documentación especialmente relevante para acreditar que Adif non fixera o que debía na curva de Angrois. Á cabeza deses esforzos estivo o feito de lograr en 2016, coa axuda da eurodeputada do BNG Ana Miranda, un informe da Axencia Ferroviaria Europea moi crítico coa actuación das autoridades españolas, que tentaron frear a súa difusión.
Pero tamén lograron que informantes anónimos de Adif e Renfe advertisen da existencia de normativa ou documentación non facilitada previamente polas empresas públicas ao xulgado malia as promesas de máxima colaboración coa xustiza da daquela ministra, a popular Ana Pastor, que acabou manobrando en Bruxelas en defensa da versión oficial de que a culpa fóra só do maquinista.
Máis alá de que os membro das asociacións tivesen os seus avogados particulares, as dúas participaron no xuízo como acusacións populares, e como tales non terían dereito a que se lles pagasen os gastos nos que incorreron. Pero a xuíza si lles recoñece ese dereito co argumento de "non só mantiveron unha actuación particularmente relevante na prosecución do proceso e levaron gran parte do peso da acción penal exercida no acto do xuízo" senón que a súa participación no mesmo é a que permitiu condenar ao mesmo nivel ao maquinista e ao ex-cargo de Adif. Un feito que se explica pola retirada por parte da Fiscalía da súa acusación ao cargo de Adif.
Sen as asociacións o maquinista sería condenado por máis mortes que o cargo de Adif, xa que as familias de 15 vítimas deixaron a defensa dos seus intereses en mans da Fiscalía, que retirou a súa acusación ao segundo
Cada vítima de xeito individual só pode acusar e pedir a condena de alguén polo seu caso particular, non polo resto de vítimas. As familias de 15 persoas falecidas optaron por deixar en mans do fiscal a defensa dos seus intereses, polo que a súa decisión de retirar a acusación ao cargo de Adif deixaría a este sen responsabilidade neses 15 casos se non fose porque as asociacións, como acusación popular, estenderon a súa petición de condena por todas as vítimas do sinistro. Isto é, sen as asociacións comparecentes no caso como acusacións populares o maquinista sería condenado por 79 mortes mentres o cargo de Adif só o sería por 64.
É por iso que a xuíza recoñece expresamente que "a acción penal sostida polas acusacións populares resultou decisiva para o pronunciamento de condena dun dos acusados respecto do que o Ministerio Fiscal non sostivo acusación", o que supón implicitamente un reproche á actuación final da Fiscalía.
Unha Fiscalía que, a diferenza da Plataforma de vítimas, pouco investigara xa previamente durante a instrución do caso. Tras o accidente o primeiro fiscal do caso, Antonio Roma, nomeado hai tres meses fiscal xefe de Santiago, evitou levar a iniciativa na investigación do caso e centrouse en acusar só ao maquinista.
A marcha de Roma en 2017 a outro posto supuxo a súa substitución no caso de Angrois por Mario Piñeiro, que si se amosou máis activo na investigación a Adif logo de que a Audiencia da Coruña obrigase ao xuíz instrutor a reabrir a investigación con Cortabitarte tamén como imputado. Piñeiro chegou ao xuízo reclamando a mesma condena para os dous acusados, pero as súas intervencións na vista oral non foron tan incisivas como as doutras acusacións e acabou pedindo a absolución do cargo de Adif finalmente condenado.
A súa decisión final implicou que as familias das 15 persoas falecidas que deixaran nas súas mans a súa representación non acusasen ao finalmente condenado cargo de Adif senón só ao maquinista. Así que no seu caso as súas indemnizacións deberán ser asumidas só polo seguro do maquinista e Renfe, eximindo así ao seguro de Adif desa responsabilidade compartida no resto de vítimas, o que augura unha nova batalla legal entre as dúas aseguradoras.
Ademais, a xuíza deixa constancia ao fixar a indemnización de varias das vítimas representadas en exclusiva polo fiscal que cadansúa contía solicitada por este é "inferior á que resultaría de aplicar os criterios conforme aos que se veñen cuantificando as indemnizacións" para o resto de afectados.