Jesús Domínguez, presidente da Plataforma Víctimas Alvia 04155 atende a Praza.gal escasas horas despois da publicación da sentenza que acredita que o accidente do Alvia en Angrois non foi só produto dun descoido do maquinista ao condenar o condutor do tren, Francisco José Garzón, pero tamén ao ex-xefe de seguridade do Adif, Andrés Cortabitarte. "Con sentimentos encontrados" por teren que agardar once anos para un primeiro ditame xudicial, dende o principal colectivo de persoas afectadas polo sinistro celebran que a súa loita contribuíse "a que as cousas se fagan mellor" na seguridade ferroviaria e, ao tempo, desmonte "a verdade oficial que nos quixeron vender dende todos os gobernos". Podes escoitar a entrevista íntegra nun episodio especial do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal, no reprodutor sobre estas liñas e tamén en en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast, YouTube e Podgalego.
Como está o seu ánimo tras leren esta primeira sentenza, que chega once anos despois do accidente e un ano despois da fin do xuízo?
Moi emocionados porque se nos dea a razón, pero á vez son once anos e unha xustiza lenta non é xustiza e houbo xente que quedou polo camiño. É un triunfo, pero tamén é doloroso. E é un triunfo non só das vítimas e familiares, é de todos porque a próxima vez, antes de inaugurar unha infraestrutura vano pensar e ata que non estean todos os sistemas de seguridade e toda a normativa cumprida non se fará. Contribuímos a que as cousas se fagan mellor.
A sentenza é moi extensa e seguro que nas próximas semanas e meses, tamén cos recursos xa anunciados, haberá tempo de analizala con detalle. En todo caso, tras as primeiras lecturas podemos afirmar que o que se presentou como verdade oficial tamén é condenada? A xuíza di que isto non se explica só porque o maquinista tivese un descoido...
"Agora hai unha sentenza que di que aparte do maquinista o responsable é Adif. O ridículo dos nosos gobernantes cos seus enganos foi terrible"
Esa é verdade oficial que quixeron vender dende todos os gobernos e dende a oposición no famoso pacto da curva que fixeron Ana Pastor e Rubalcaba. Saíron todos os políticos a dicir, primeiro, que non era un accidente de alta velocidade, que había intereses cun proxecto no Brasil e co da Meca en marcha. Iso xa o desmontamos, xa o desmontara Europa e agora a xuíza fala de que é incomprensible que unha liña de alta velocidade non tivese os sistemas de seguridade que lle son propios. Segundo, que o maquinista era o único responsable para agochar as neglixencias e evitar asumir responsabilidades. E a terceira pata da verdade oficial é, como dixo no seu día Ana Pastor, que se ía facer unha investigación independente, como teñen obriga os Estados membros da UE, e xa no seu día Europa desmontou iso e dixo que había que repetila. Agora hai unha sentenza xudicial, co garantista que é o dereito penal, que di que aparte do maquinista o responsable é Adif. O ridículo das institucións e dos nosos gobernantes e os seus enganos foi terrible estes anos.
Nas mobilizacións desta mesma semanas subliñaban que Andrés Cortabitarte, o xefe de Seguridade do Adif nese momento e agora condenado, debería ter maior responsabilidade que o maquinista e non seren condenados en plano de igualdade. Por que?
"A Cortabitarte a vida deulle dúas oportunidades de facer ben as cousas (...), cando se fixo un cambio de proxecto rebaixando a seguridade e cando decidiu desconectar o ERTMS polos atrasos que xeraba"
É doado de entender: Garzón ten un despiste, ten unha chamada e evidentemente esa é a pinga que desborda unha serie de chapuzas que había na liña. Ese despiste coñecémolo todos, mesmo nos puido pasar non situarnos ben espacialmente. Evidentemente hai un erro que se comete en segundos. Pero a Cortabitarte a vida deulle dúas oportunidades de facer as cousas ben nunha liña de alta velocidade que normalmente leva estes sistemas de seguridade automáticos, porque o ollo humano a 200 quilómetros por hora non ve os sinais. Fíxose un cambio de proxecto no que se rebaixou a seguridade e os peritos deixaron claro que terían que facer análise de riscos e tomar medidas. Pero a liña deixouse ausente non só de balizas e do ERTMS nin sinais de limitación de velocidade. E este señor asinou e certificou iso no seu despacho, tranquilamente, sen facer a análise de riscos á que obrigaba a normativa. E aínda que o sistema de seguridade estaba un pouco antes da curva, pero paraba o tren e advertía o maquinista de que tiña que frear. Pero Renfe solicitoulle a desconexión do sistema e este señor, que debía estar na súa casa vendo o España-Francia, eu comprobeino, o sábado 23 de xuño de 2012 no intermedio do partido decidiu desconectar o sistema de seguridade polos atrasos que xeraba. E demostrouse que para a desconexión habería que facer unha análise de riscos e poñer medidas compensatorias. Calquera persoa pode entender que hai moita máis responsabilidade nesas decisións que nun fallo que, evidentemente se comete por un despiste cunha chamada e nunha falta de responsabilidade do maquinista.
Dende a plataforma puxeron moito o foco en que os gobernos da época iniciasen o que chamaron unha "cacería ao maquinista". Non só unha versión oficial, senón virar todos os focos cara ao condutor e o seu despiste para que non houbese lugar a ningunha outra explicación...
"Ao maquinista sinalárono para eludir responsabilidades políticas. Había présas por inaugurar e por que os trens tardasen o menos posible. E de aí o denominado pacto da curva de Ana Pastor e Rubalcaba"
Foi así e fíxose da seguinte maneira: o primeiro, metérono no calabozo e saíu para que todos os medios de comunicación e lle fixesen unha foto esposado, iso é o que fixo o ministro do Interior Fernández Díaz. A outra, a conversa que ten o maquinista coa central cando di "entrei a 190 e tiña que entrar a 80", ese audio cortárono e saíu nas portadas ao día seguinte. Pero continuaba e dicía: "Xa lle dixen ao de seguridade que iso era moi perigoso, que un día nos iamos matar". O audio, que evidentemente só o pode ter Adif ou Renfe, filtrouse á prensa cortado. E ademais, calquera que mire a hemeroteca... Lembro Hernando, que era o voceiro do PP, ou Feijóo, que dixo que o sentir dos galegos era que o maquinista era o responsable... Sinalárono claramente para eludir as responsabilidades políticas. Que claramente as hai e agora quedou claro: ese cambio de proxecto e a desconexión, había présas por inaugurar e por que os trens tardasen o menos posible. E aí entran tanto o PP coma o PSOE e imos ao denominado pacto da curva de Ana Pastor e Rubalcaba en Angrois.
Xa se anunciaron nas primeiras horas dous recursos, é posible que haxa máis. Entendo que nas súas previsións xa figura que o proceso dure máis anos. Máis alá desa duración, temen que ese "pacto da curva" volva aparecer nalgunha instancia xudicial superior?
Evidentemente, pode aparecer. Calquera persoa informada sabe que a medida que se sobe a instancias superiores hai xuíces postos polo Consello Xeral do Poder Xudicial, que está controlado polos partidos maioritarios, neste caso PP e PSOE, sempre se deben favores e poden ocorrer cousas estrañas. Pero o que quedou claro é que a xente independente, como é a Axencia Ferroviaria Europea, o perito César Mariñas, que se elixiu por sorteo, e unha xuíza independente dun xulgado do Penal, deixárono claro. Agora, o que fagan máis arriba... tentarán facelo e todo é posible, como vimos noutros casos.