Hai un mes que o sistema xudicial deu resposta ás vítimas once anos despois do sinistro, pero os afectados seguen agardando por explicacións oficiais adecuadas desde Goberno e Congreso e, ao igual que a UE, desde o eido técnico
Hai un mes a xuíza do Penal de Santiago Elena Fernández Currás emitiu a sentenza que condenou o maquinista do Alvia, Francisco José Garzón, e o ex-director de Seguridade na Circulación de Adif Andrés Cortabitarte como igualmente responsables do accidente de Angrois do 24 de xullo de 2013. A sentenza vai ser recorrida por diversas partes ante a Audiencia Provincial da Coruña, e o seu camiño pode seguir despois cara ao Tribunal Supremo. Aínda que tarde e pendente de posibles correccións en instancias superiores, o sistema xudicial xa deu unha resposta ás vítimas, pero estas seguen agardando explicacións oficiais adecuadas desde os eidos técnico e político.
No plano político a condena do cargo de Adif e da versión oficial que PP e PSOE defenderon tras o accidente poñendo o foco só no maquinista apenas suscitou reaccións once anos despois. Populares e socialistas evitaron no último mes valoracións da sentenza máis alá do repetido e protocolario "respecto" á xustiza e "apoio" ás vítimas, con silencios significativos no Ministerio de Transportes, Adif ou mesmo do líder da oposición estatal. Un Alberto Núñez Feijóo que no seu momento atribuíra a "intereses económicos" contrarios á alta velocidade española as dúbidas que había sobre que o único responsable fose o maquinista.
Conclusións políticas pendentes do Congreso
A comisión de investigación política creada no Congreso en 2018 celebrou ducias de comparecencias pero non chegou a emitir as súas conclusións á espera de que houbese sentenza penal
Pero máis alá do silencio provocado pola sentenza nos principais líderes socialistas e populares, a plataforma de vítimas segue querendo unha explicación política extensa do ocorrido en Angrois para que non volva repetirse. Iso era o que pretendía a comisión de investigación política que, tras superar os obstáculos de PP e PSOE, botou a andar en 2018 no Congreso dos Deputados.
A comisión contou coa comparecencia de numerosos altos cargos, incluídos os ex-ministros socialista e popular José Blanco e Ana Pastor, no posto respectivamente cando foi deseñada a liña de alta velocidade e cando ocorreu o accidente e a súa investigación. Os dous desvinculáronse de decisións técnicas e, nesa mesma comisión no Congreso, o cargo de Adif finalmente condenado negou recibir ningún tipo de orde ou presión política para tomar as súas decisións.
Foi tamén ao pouco de comezar aquela comisión no Congreso cando os afectados recibiron a única petición formal de "perdón" por parte dun ministro de Transportes, o socialista José Luis Ábalos, no cargo desde apenas uns meses antes, que o transmitiu "en nome deste Goberno".
Aquela comisión celebrou todas as comparecencias previstas, pero nunca chegou a emitir as súas conclusións. Disolveuse en 2019 coa convocatoria das eleccións xerais de abril daquel ano e, aínda que foi retomada oficialmente a finais de 2021, a inminencia da celebración do xuízo penal, que comezou en xullo de 2022, levou aos grupos parlamentarios, co asentimento da plataforma de vítimas, a considerar máis adecuado agardar a que houbese unha decisión xudicial. Agora xa a hai e a plataforma de vítimas considera necesario que o Congreso remate o seu traballo e emita unhas conclusións sobre as responsabilidades políticas arredor do ocorrido en Angrois e unhas recomendacións para que non volva pasar o mesmo.
Investigación técnica invalidada pola UE, que a considera aínda pendente
A UE considera que España aínda non fixo a investigación técnica obrigada pola normativa comunitaria tras invalidar en 2016 a análise do ministerio que apuntou só ao maquinista
No eido técnico, en 2014, un ano despois do sinistro, a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento, pensada non para buscar culpables como a causa penal senón para mellorar o sistema ferroviario, concluíra que o maquinista fora o único responsable do ocorrido en Angrois.
Esa investigación técnica foi invalidada en 2016 pola Axencia Ferroviaria Europea tanto por non analizar todas as posibles causas do accidente máis alá do despiste do maquinista como pola falta de independencia da CIAF cando a realizou. Unha crítica europea que se fixo pública malia as manobras do Goberno de Mariano Rajoy en Bruxelas para ocultala ou minimizala, movementos revelados por Praza.gal.
Tras desmontar aquela investigación, a Comisión Europea leva anos pedindo e constatando -así o fixo aínda hai un ano- que España aínda non realizou unha análise técnica independente do accidente de acordo coa normativa europea. Pero os sucesivos gobernos tanto de PP como de PSOE argumentan que agora a CIAF xa si é independente e polo tanto non lle poden dar ordes. E a propia CIAF négase a realizar esa nova investigación porque mantén, en contra do que di a UE, que a feita hai unha década foi correcta.
Ante este bloqueo e o silencio da CIAF ás súas peticións, a plataforma de vítimas recorreu á vía contencioso-administrativa para que a xustiza obrigase á comisión de investigación a facer a nova análise. Pero o Tribunal Supremo estableceu que a CIAF só tiña obriga de contestarlles, sen prexulgar o sentido da resposta. E a resposta que obtiveron as vítimas o pasado febreiro foi que, malia as críticas desde a UE, a CIAF non vai facer unha nova investigación porque segue considerando válida a que xa realizara.
Tras esa nova negativa da CIAF a facer o que esixe a normativa europea, o BNG preguntou á Comisión Europea, que hai dous meses respondeu que "a obriga de garantir que se leve a cabo unha investigación tras un accidente grave no sistema ferroviario da Unión recae plenamente nos Estados membros". E que esa investigación debe ser realizada "polo organismo nacional independente", sen que a Comisión Europea teña competencias para poder obrigalo.