Na sentenza do xuízo polo accidente do Alvia en Angrois foron condenados o antigo xefe de Seguridade do Adif, Andrés Cortabitarte; e o maquinista do tren, Francisco José Garzón. E con eles tamén foi condenada a verdade oficial, a versión dos feitos trazada dende escasas horas despois do descarrilamento. Esa que defendía que en Angrois houbo un único culpable, o maquinista, e unha única causa do accidente, o seu descoido por non atender á condución e pasar pola curva da Grandeira moito máis rápido do que debía.
Esa condena da verdade oficial foi o relato dos feitos e a interpretación da sentenza que puidestes ler en Praza.gal o pasado verán. Pero non estamos sós, afortunadamente.
Con David Reinero, xornalista de Praza.gal, e mais con Aida Rosell (Europa Press) e Pablo González (La Voz de Galicia) analizamos as repercusións da sentenza polo accidente do Alvia e o percorrido que aínda fica por diante
Durante todos estes anos houbo uns poucos medios e uns poucos xornalistas que continuaron afondando nos feitos. Nas vertentes xudicial, técnica e política do accidente. Nas súas repercusións no sistema ferroviario, tamén no acontecido coas vítimas; impedindo esquecer que en Angrois, segundo acredita a propia sentenza, morreron 79 persoas e outras 143 resultaron feridas.
Neste reinicio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, volvemos xuntar voces xornalísticas que seguen contando Angrois.
Hai algo máis dun ano cometiamos a pequena ousadía de convidar ao programa a dous xornalistas que non son da nosa redacción, pero que seguiron e seguen todo o relacionado co xuízo de Angrois con tanta intensidade coma o noso compañeiro David Reinero. Trátase de Aida Rosell, xornalista da axencia Europa Press, e de Pablo González, xornalista de La Voz de Galicia.
Con eles analizamos como se ía desenvolvendo o xuízo, tamén a propia cobertura mediática das vistas. E agora quixemos volvelos convidar para deternos na sentenza e no que queda, que é moito.
No Fálase número 65 debullamos como a sentenza deixou claro que o que pasou en Angrois non foi só un descoido. Tamén o xeito en que a xuíza do caso se desmarcou da verdade oficial sen apoio da Fiscalía, que a última hora retirou a súa acusación contra o ex-cargo de Adif. Asemade, nesta conversa detémonos nos silencios que sobre a sentenza persisten no ámbito político e no que aínda queda por contar no periplo xudicial antes da sentenza definitiva.
Dende a perspectiva de David Reinero, xornalista de Praza.gal, un dos aspectos que ficou claro na sentenza é que "non se podía pechar todo ao día seguinte, como querían algúns". "Había que investigar alén do maquinista", resalta, aínda que "dende distintos niveis do Estado se trasladase que nos estabamos a pasar" e "facendo dano ao sistema ferroviario". "Agora quen se pasou -ironiza- foi unha xuíza" que acredita que o "dano" chegou dese aparello do Estado.
Neste contexto, Aida Rosell resalta que, mesmo durante o desenvolvemento do proceso xudicial, existiu o "sentir xeneralizado" de que "a sentenza ía exculpar a Cortabitarte" malia á "certeza de que se fixeran moi mal as cousas" por parte do Adif. Estaba estendida a percepción de que "a sentenza non ía dar chegado onde chegou" e nese sentido, subliña, cabe "aplaudir" a posición da xuíza, afastada de dinámicas "conservadoras" na xustiza.
Pablo González, pola súa banda, resalta que, malia todo e por pouco tempo, non foi posible que Adif fose imputado como organización e, polo tanto, condenado no caso, xa que a posibilidade de procesar un persoa xurídica coma esta non chegou á lexislación ata que a instrución estaba xa moi avanzada.
"Non deu tempo a que Adif fose condenado" e precisamente é o que González "bota en falta". Porque "foi a organización a que, coas súas rutinas de traballo e co seu servilismo cara ao poder político, espiu de medidas de seguridade" a curva na que sucedeu o accidente.
Os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast, YouTube e mais en Podgalego.