A Fiscalía ratifica a viraxe e pide retirar a condena por Angrois ao cargo de Adif pero mantela ao maquinista

Carteis da Plataforma de Vítimas de Angrois contra a Fiscalía e o Estado por exculpar o cargo de Adif CC-BY-SA Praza Pública

Ao remate do xuízo a Fiscalía virou sorpresivamente a súa postura e retirou a acusación ao cargo de Adif, pero agora, con este xa condenado pola xuíza, vai un paso máis alá e pide que se revogue a súa condena

A Fiscalía vai recorrer a sentenza sobre o accidente de Angrois emitida o pasado 26 de xullo polo Xulgado do Penal 2 de Santiago que condenou ao mesmo nivel ao maquinista do tren por despistarse e ao daquela director de Seguridade na Circulación de Adif por non poñer medidas de seguridade que o evitasen ou paliasen. Vaino facer para pedir que se retire a condena ao segundo, Andrés Cortabitarte, segundo puido confirmar Praza.gal e avanzou este luns a Cadena SER, que este domingo entrevistou o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, que dixo que a decisión xa estaba tomada e que se comunicaría "en breve". 

A decisión da Fiscalía supón unha ratificación da súa viraxe no remate do xuízo, o pasado ano, cando sorpresivamente deixou de acusar a Cortabitarte. Pero agora vai un paso máis alá e, con Cortabitarte xa condenado, pide que se lle retire a condena. Faino ademais cun novo fiscal xefe en Santiago, Antonio Roma, de volta nun caso que xa levara anos atrás, cando centrara a investigación exclusivamente no maquinista. 

O fiscal do xuízo de Angrois, Mario Piñeiro, entrando ao xuízo por tras da xuíza e cos dous acusados ao fondo á esquerda CC-BY-SA Praza Pública

A historia da Fiscalía no accidente de Angrois comezou con Antonio Roma como fiscal encargado do caso. O primeiro xuíz instrutor da causa sinalou posibles responsabilidades penais en Adif máis alá do maquinista, pero Roma opúxose e centrou o foco só no maquinista, evitando analizar outras posibles irregularidades e estando de acordo co peche do caso sen analizar diversas cuestións que foron as que finalmente levaron a xuízo ao cargo de Adif.

En 2017 Roma deixou Santiago tras ser nomeado para un posto de coordinación xudicial da UE con América Latina e o caso asumiuno o fiscal xefe de Compostela, Mario Piñeiro, que comezou a ser moito máis activo na investigación e incisivo nos seus interrogatorios ás diversas testemuñas e imputados do caso. 

Tras retirar a acusación ao cargo de Adif no remate do xuízo, o fiscal que levaba o caso, Mario Piñeiro, foi ascendido ao Tribunal Supremo, substituído en Santiago por Antonio Roma, que iniciara a investigación centrado só no maquinista

Piñeiro chegou ao xuízo pedindo a mesma condena para o maquinista e o cargo de Adif, pero tras un ano de sesións nas que xa se amosou moito menos incisivo que durante a instrución, acabou mudando de postura e retirou a acusación a Cortabitarte.

Unha decisión que provocou que preguntasen ao fiscal xeral do Estado, o santiagués Álvaro García Ortiz, polo papel da xerarquía fiscal nesa viraxe. García Ortiz asegurou que non houbera inxerencia na decisión de Piñeiro. Un ano despois, Piñeiro era ascendido a fiscal do Tribunal Supremo e a xefatura da fiscalía en Santiago volvía ser ocupada por Antonio Roma.

Antonio Roma, primeiro fiscal da instrución de Angrois e agora novamente á fronte do caso como fiscal xefe de Santiago tras o ascenso de Piñeiro ao Supremo. Na imaxe, nunha entrevista na TVG. Dominio Público CRTVG

Incluso sen acusación da Fiscalía, a xuíza acabou condenando ao mesmo nivel ao maquinista e ao cargo de Adif. Pero esa sentenza pode ser recorrida ante a Audiencia Provincial da Coruña, e así o van facer moitas das partes implicadas antes de que a semana próxima remate o prazo. Entre eses recursos estará o da Fiscalía, que pasa de non pedir unha condena para o cargo de Adif a pedir expresamente que se lle retire a xa imposta pola xuíza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.