Ninguén do Goberno de España nin do principal partido da oposición, no poder en 2013, valorou o que supón a sentenza para a alta velocidade española e Transportes evita detallar se tomou ou estuda calquera tipo de decisión sobre o sistema ferroviario
Catro meses despois de que o 26 de xullo se fixese pública a sentenza polo accidente de Angrois, o máis grave da historia da alta velocidade española, que o 24 de xullo de 2021 provocou a morte de 79 persoas e feridas a outras 143, ninguén do Goberno de España nin do PP, daquela no poder, valorou aínda o que supón para o sistema ferroviario. Nunha época de constantes declaracións políticas por calquera polémica, a condena xudicial dun cargo de Adif como responsable de homicidio imprudente ao mesmo nivel que o maquinista do tren sinistrado vén sendo obviada tanto polo Ministerio de Transportes como polos populares, que rexeitan pronunciarse sobre a cuestión a preguntas deste medio formuladas desde antes da riada de València.
A sentenza polo accidente de Angrois condenou ao mesmo nivel ao maquinista do tren Alvia, Francisco José Garzón, por despistarse e non frear a tempo antes da curva de Angrois e ao daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, por non habilitar medidas que paliasen o previsible risco que alí había. Porén, tras o accidente PP e PSOE coincidiron en atribuílo en exclusiva ao maquinista, tentando así salvar a imaxe da alta velocidade española. O daquela presidente da Xunta e hoxe líder do PP estatal, Alberto Núñez Feijóo, chegou a dicir que culpar ao maquinista era "o sentir maioritario da sociedade" e que tentar investigar outras posibles causas, agora confirmadas pola Xustiza, formaba parte dos "intereses económicos" de empresas ou países que quererían prexudicar a alta velocidade española.
Desde o momento do accidente PP e PSOE reaccionaron de xeito uniforme para salvar a imaxe da alta velocidade española e evitar responsabilidades políticas
A reacción uniforme de populares e socialistas ao accidente tiña unha explicación cualificada polo xornalista Anxo Lugilde en El Progreso e La Vanguardia como o 'pacto da curva'. Trátase do acordo acadado en Santiago poucas horas despois do sinistro entre o socialista Alfredo Pérez Rubalcaba e a popular Ana Pastor para que o acontecido non a salpicase nin a ela, ministra naquel momento, nin ao seu antecesor, o socialista José Blanco, que puxera en servizo a liña ferroviaria.
Se durante o mandato de Blanco a liña Ourense-Santiago foi posta en servizo cunha configuración distinta á inicialmente prevista que acabou rebaixando a súa seguridade, durante o de Pastor desconectouse a bordo dos trens o sistema de control constante da velocidade que podía paliar o despiste do maquinista. Ademais, malia as promesas de colaboración coa investigación, o Goberno de Mariano Rajoy obstaculizouna e manobrou, mesmo ante a UE, en defensa da súa versión oficial de que a culpa fora só do maquinista.
A sentenza non atribúe responsabilidades políticas, pero o cargo de Adif agora condenado ocupou o seu posto de libre designación tanto co PSOE como co PP e foi mantido polos socialistas noutro cargo a dedo ata maio de 2021. A Plataforma de Vítimas do accidente tamén lamenta que a súa sucesora e actual directora de Seguridade na Circulación de Adif, Esther Mateo, defendese no xuízo a actuación do seu antecesor salientando o segura que era a curva na que ocorreu o accidente.
Neste contexto, os afectados pediron en agosto unha reunión co ministro de Transportes, Óscar Puente, para pedirlle responsabilidades técnicas no sistema ferroviario e o cesamento de Mateo, así como que España cumpra coa esixencia da UE dunha investigación técnica independente do sinistro á marxe da penal que aínda non se fixo conforme coa normativa comunitaria. Puente eludiu o encontro e desde o ministerio remitíronos a cargos inferiores, o que fixo que o BNG presentase xa unha pregunta escrita ao Goberno sobre esa negativa e sobre a ausencia 11 anos despois dunha investigación técnica como esixe a normativa europea.
No PP hai "outras prioridades" mesmo no eido ferroviario "para criticar a Pedro Sánchez"
Ante esta situación, tres meses despois de coñecerse a sentenza e antes de que acontecese a riada de València Praza.gal preguntou formalmente por teléfono e por escrito ao Ministerio de Transportes se a condena provocou que tome algunha decisión de calquera tipo sobre o sistema ferroviario ou se está analizando facelo. Non se pediu unha valoración da sentenza, xa que esta chegará co recurso que presumiblemente presentará a Avogacía do Estado, senón que se preguntaba pola súa repercusión no sistema ferroviario actual. Un mes despois de formulada a pregunta segue sen resposta por parte do ministerio.
E similar silencio mantén ante unha consulta directa similar de Praza.gal o PP estatal agora dirixido por un Feijóo que viviu de preto o accidente. Fontes da dirección estatal da formación, consultadas tamén antes da riada de València, admiten que teñen "outras prioridades" mesmo no eido ferroviario para "criticar a Pedro Sánchez". O ocorrido en Santiago hai 11 anos queda moi lonxe, veñen dicir.
Nos máis de 11 anos que pasaron tras o sinistro, con gobernos de PP e PSOE, o sistema ferroviario español foi implantando diversas melloras de seguridade que impiden que un accidente así poida volver ocorrer. A derradeira das 9 recomendacións de seguridade establecidas tras o accidente aínda foi cumprida hai un ano. Pero agora, ante a sentenza xudicial finalmente emitida, nin populares nin socialistas queren valorar a súa repercusión nin se obriga a novas melloras no sistema ferroviario. Angrois segue sen ser rendible politicamente para os dous principais partidos.