O maquinista de Angrois pide a absolución e a Fiscalía, aumentarlle a condena e exculpar o cargo de Adif

Os acusados polo accidente de Angrois, Andrés Cortabitarte, ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, e Francisco José Garzón, maquinista do Alvia © Óscar Corral

Tal e como semellou seguro dende que, o pasado 26 de xullo, a xuíza Elena Fernández Currás emitiu a primeira sentenza sobre o accidente de Angrois, a decisión xudicial definitiva aínda tardará en chegar e a primeira parada serán as resolucións sobre os recursos das partes ao axuizamento duns feitos nos que, atendendo ao ditame, morreron 79 persoas e 143 resultaron feridas. Este 27 de novembro, ao límite do prazo, a defensa do maquinista, Francisco José Garzón, rexistrou a súa apelación para reclamar a absolución. 

A Fiscalía, culminando a súa viraxe, fixo o propio na defensa de Andrés Cortabitarte, o antigo xefe de seguridade do Adif, condenado en igualdade de condicións co condutor a dous anos e medio de prisión. O Ministerio Público non só reclama absolver a Cortabitarte, senón tamén aumentar os feitos polos que se condena a Garzón, atribuíndolle a morte dun pasaxeiro que a maxistrada desligou do sinistro e cinguiu ás graves enfermidades que padecía con anterioridade.

A curva de Angrois, dende o túnel anterior © CIAF

O recurso do maquinista: outra "vítima" da falta de seguridade

O amplo recurso da representación legal do maquinista -superior ás 180 páxinas-, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, aborda o que considera unha "vulneración e inaplicación do dereito á presunción de inocencia" e do principio xurídico segundo a cal, en caso de dúbida, a persoa xulgada debe ser exonerada. Faino nun contexto no que, citando a propia sentenza, subliña que o accidente "non se produciría" se o Adif "cumprise coas súas obrigas legais" e estivesen activos os sistemas de seguridade que cubrisen un "as perdas de conciencia situacional, os lapsos ou despistes" como o padecido por Garzón ao recibir unha chamada do interventor do tren no teléfono móbil profesional que portaba.

A defensa do maquinista subliña que foi "vítima de todas as irregularidades existentes por culpa de Adif, que creou un risco intolerable" : "Non se pode facer responsable a un traballador da absoluta carencia de prevención de riscos laborais propios do seu posto de traballo"

O maquinista, resalta o recurso, "foi vítima de todas as irregularidades existentes na liña por culpa de Adif, que creou un risco intolerable" ao non dispoñer "o lugar onde se produciu o sinistro", a contorna da curva da Grandeira, das "medidas de seguridade necesarias e normativamente obrigatorias" que "evitarían dito resultado" aínda que o maquinista. "Non se pode facer responsable a un traballador" da "absoluta carencia da prevención dos riscos laborais propios dos seu posto de traballo", resaltan.

Neste sentido, o recurso tamén censura que "en ningún momento se tivese en consideración" que o maquinista é "un traballador por conta allea". "Só se tivo en conta que por ser maquinista é un profesional no que todo son obrigas e responsabilidades, como se prestase os seus servizos de forma autónoma" e "sen ter en conta que por riba del están" Renfe e Adif, que "por imperativo legal son os garantes" dunha "seguridade no traballo" que na liña Ourense-Santiago "non existía" ata aquel 24 de xullo de 2013.

O maquinista de Angrois, Francisco José Garzón, co seu avogado na derradeira sesión do xuízo, o 27 de xullo de 2023 CC-BY-SA Praza Pública

O maquinista, defende o recurso da súa defensa, "na prestación dos seus servizos laborais como traballador por conta allea incorreu nun risco creado por Adif, quen tiña a obriga legal de protexelo". Deste xeito, "non procede responsabilizalo e culpalo dun delito de imprudencia e menos que se catalogue como grave", xa que é "vítima dos incumprimentos normativos de Adif".

No caso de non lograr a absolución, o avogado do maquinista reclama reducir a tipificación dos feitos a falta leve ou aplicar atenuantes de dilacións indebidas, confesión e reparación do dano

Xunto á defensa da absolución, a defensa do maquinista tamén defende dúas vías para lle reducir a condena no caso de non ser exculpado. Por unha banda, entende apelando á doutrina do Supremo que "se se considera que é responsable dalgún tipo de responsabilidade penal, os feitos serían constitutivos dunha falta leve", xa que non incorreu nunha conduta perigosa de maneira consciente apoiado na eventual confianza de que non se produciría o dano que si se produciu, senón que o despiste vai ligado ás "graves carencias de seguridade" na propia liña e "na súa formación, como falta de normas de uso das comunicacións" telefónicas profesionais.

Neste contexto, os representantes legais do condutor tamén fan fincapé en varias atenuantes que, do seu punto de vista, deberían reducirlle a pena se non é absolto. A sentenza, recorren, non tivo en conta as dilacións indebidas nun proceso que se prolongou por "11 anos e dous días", pero tampouco a "atenuante de confesión", toda vez que o maquinista expuxo aos seus superiores e ás autoridades o que acontecera dende o propio momento do accidente, nin a "atenuante de reparación do dano" aínda que "pediu perdón en diversas ocasións ás vítimas e así se recoñece" na propia sentenza.

O fiscal do xuízo de Angrois, Mario Piñeiro, entrando ao xuízo por tras da xuíza e cos dous acusados ao fondo á esquerda o 20 de xullo de 2023 CC-BY-SA Praza Pública

O recurso da Fiscalía: o maquinista como único culpable

O recurso da Fiscalía está asinado polo agora xefe do Ministerio Público en Santiago, Antonio Roma, que ata 2017 xa actuara na instrución do caso negándose a investigar alén do maquinista. O seu escrito vai na liña da viraxe trazada no xuízo por Mario Piñeiro, fiscal xefe de Santiago ata o seu ascenso ao Tribunal Supremo, que propiciou a volta de Roma. Piñeiro, que comezou o xuízo apoiando que Garzón e Cortabitarte fosen condenados en igualdade de condicións -como así sucedeu-, rematouno retirando a acusación ao cargo de Adif entre alusións ao "galimatías xurídico" das normas ferroviarias.

O Ministerio Público, que retirou a acusación ao cargo de Adif no remate do xuízo, sostén que o despiste do maquinista foi a única causa "natural e evidente" do descarrilamento e que non é posible condenar a "ningunha persoa en particular" pola falta de avaliación de riscos e eivas de seguridade da liña

O recurso da Fiscalía vén defender que a única causa "natural e evidente" do mortal accidente foi o "desgraciado despiste" do maquinista ao atender a "innecesaria" chamada do interventor do tren. "Non existe , conexión racional entre quen circula no vehículo e quen nun momento lonxano autorizou a posta en servizo da liña co conseguinte traslado de riscos", di o fiscal, para quen é "difícil soster, como fai a sentenza, que os responsables de Adif tiven que prever un comportamento insólito, temerario e absolutamente imprevisible" do maquinista.

"O principio da legalidade penal -abonda- impide a aplicación dunha pena a quen realiza unha conduta cando concorre unha circunstancia allea á súa intervención" e cando a normativa de aplicación é "insuficiente". E este, di, é o caso de Cortabitarte. A Fiscalía admite que "houbo persoas ou entidades que non foron suficientemente precisos" ao avaliar os riscos da liña de Angrois ou de decisións como desconectar o sistema de control constante da velocidade ERTMS. Pero "ningunha destas actuacións é obxectivamente imputable en termos penais a ningunha persoa en particular" porque a normativa "non era tan precisa como deduce a sentenza".

Andrés Cortabitarte, con sombreiro, tras o intento de agresión dunha vítima á saída da primeira sesión do xuízo o 5 de outubro de 2022 CC-BY-SA Praza Pública

O fiscal pide tamén facer responsable o condutor da morte, 73 días despois do sinistro, dun pasaxeiro que padecía graves enfermidades previamente

O Ministerio Público razoa así a súa petición de absolver o ex-xefe de Seguridade do Adif mentres, ao tempo, pide aumentar a condena do maquinista, para quen inicialmente xa solicitara catro anos de prisión e non os dous anos e medio que lle impuxo a xuíza. Faino porque considera que tamén cómpre culpar a Garzón por homicidio por imprudencia na morte dun pasaxeiro falecido 73 días despois do accidente, que a sentenza liga ás graves enfermidades que padecía, agravadas no descarrilamento. Non concorda coa visión da xuíza, que inclúe esta persoa entre as feridas, e incide en atribuír a Garzón a correspondente condena "a prol desta vítima e da súa esposa", que morreu en Angrois.

Asemade, o fiscal oponse a que Garzón sexa absolto do delito de danos por imprudencia. Na sentenza, a xuíza resolvera exonerar tanto o condutor como ao cargo de Adif. No seu recurso, o Ministerio Público reclama que lle atribúan a Garzón os prexuízos nas infraestruturas causados polo accidente, que ascenden a 1,4 millóns de euros, aínda que "mantendo as penas" impostas pola maxistrada.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.