Máis de medio cento de recursos proceden de vítimas do accidente e das súas familias
A primeira sentenza xudicial polo accidente de Angrois, que o pasado xullo condenou en igualdade de condicións o maquinista do Alvia accidentado, Francisco José Garzón, e mais ao antigo xefe de seguridade do Adif, Andrés Cortabitarte, non é nin de lonxe a fin do percorrido do caso nos tribunais. Dende que a xuíza Elena Fernández Currás ditou sentenza deuse por seguro que serían abondosos os recursos que abocarían o seu ditame á consideración de instancias superiores.
O primeiro chanzo deses recursos será a sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago. Terá sobre a mesa un total de 60, segundo confirmou este martes o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, tras a admisión a trámite de todos eles. A maioría, ata 52, chegan da representación legais de persoas consideradas vítimas do sinistro, "case todos en relación á parte civil da sentenza", que aborda cuestións como as indemnizacións.
Canda estes recursos de representantes de vítimas tamén figura o formulado pola Asociación de Perjudicados por el Accidente Ferroviario del Alvia (Apafas). Non recorreu a Plataforma Víctimas Alvia 04155, a máis activa en todos os ámbitos nestes 11 anos. Este colectivo, en calquera caso, segue sendo parte do proceso e poderá recorrer nos seguintes pasos se discrepa das resolucións que vaian adoptándose.
O maquinista pide a absolución e o Ministerio Público, aumentarlle a condena e exculpar o ex-xefe de seguridade do Adif
Entre os recorrentes destacan tamén as empresas públicas Adif e Renfe, as súas aseguradoras -Allianz Global e QBE-, os dous condenados e a Fiscalía. Como informou Praza.gal, no seu recurso o avogado do maquinista reclama a absolución do condutor, subliñando que foi "vítima de todas as irregularidades existentes por culpa de Adif, que creou un risco intolerable" : "Non se pode facer responsable a un traballador da absoluta carencia de prevención de riscos laborais propios do seu posto de traballo", subliñaba.
A eses argumentos oponse a Fiscalía, que recorre para pedir máis condena para o maquinista e, ao tempo, a absolución do ex-cargo de Adif. O Ministerio Público mantén que o despiste do condutor foi a única causa "natural e evidente" do descarrilamento e que non é posible condenar a "ningunha persoa en particular" pola falta de avaliación de riscos e eivas de seguridade da liña.
Do novo percorrido xudicial que agora comeza dependerá se varían ou non as condenas a dous anos e medio de prisión para Garzón e Cortabitarte, considerados autores de 79 delitos de homicidio e 143 delitos de lesións por imprudencia grave. As indemnizacións fixadas na sentenza superan os 25 millóns de euros.