O pasado marzo a Comisión Europea pechou o procedemento de infracción que tiña aberto contra España por incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria. Fíxoo por considerar, tras anos de peticións e envíos de datos, que quedaran emendadas as deficiencias con medidas como un "plan de acción de seguridade ferroviaria".
A Plataforma Víctimas Alvia 04155 accede á documentación na que Comisión Europea baseou o seu expediente a España por incumprir a normativa ferroviaria comunitaria, pechado o pasado marzo tras dar por emendadas deficiencias como as detectadas na avaliación de riscos, clave en Angrois
O expediente da UE ao Estado español tiña a súa orixe nunha denuncia presentada en 2017 pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, da man da Plataforma Víctimas Alvia 04155 por incumprir a normativa comunitaria en materia de avaliación de riscos ferroviarios. Botou a andar de vez en 2019 coa Comisión admitindo que o proceso estaba ligado á denuncia do Bloque. Tamén afirmando que non o cinguía a un suceso concreto, pero evidenciando que puña o foco na avaliación dos riscos ferroviarios, cuestión clave no xuízo penal polo accidente de Angrois e tamén na súa sentenza, que desmontou a verdade oficial sobre o sinistro que agora tenta soster a Fiscalía no seu recurso: que o único responsable do sucedido foi o maquinista.
Todos estes feitos son coñecidos. Tamén que para proceder contra o Reino de España a Comisión Europea elaborou, a través da Axencia Ferroviaria da UE (ERA), unha auditoría sobre o cumprimento -ou a ausencia del- da normativa comunitaria neste eido. Así o revelou en 2018 quen daquela era máximo responsable da ERA, Christopher Carr. Pero esa auditoría non vira a luz ata este novembro de 2024 tras lograr acceder a ela a devandita plataforma de vítimas.
A Axencia Ferroviaria Europea constatou nas autoridades ferroviarias españolas a "ausencia dunha análise das causas profundas dos accidentes" e evidenciou que sinalaban "sistematicamente o erro humano" como "principal factor"
A documentación á que puido acceder o colectivo inclúe a carta na que a daquela comisaria europea de Transportes, Violeta Bulc, comunica a quen era ministro de Exteriores, Josep Borrell, a "preocupación" das autoridades comunitarias polo incumprimento da normativa ferroviaria da UE en España tras observar que esa auditoría da ERA "identifica con claridade" unha serie de "deficiencias" en todo o sistema ferroviario do Estado. Isto é, non unicamente na curva da Grandeira. A continuación, o estudo e as súas duras conclusións.
A ERA, que xa en 2016 constatara que a investigación oficial sobre o accidente do Alvia en Santiago non fora independente ao ser realizada por unha comisión con dependencia directa do daquela Ministerio de Fomento, a CIAF, identifica a "ausencia dunha análise das causas profundas dos accidentes e incidentes" ferroviarios. As autoridades españolas, sinalaban, analizaban estes sinistros obviando a legalidade europea, que esixe ollar esas "causas profundas", e consideraban "sistematicamente que o erro humano é o principal factor" que os causa. Como en Angrois.
"Na maioría dos casos -abondaba- o equipo de investigación non ten competencias no que se refire a factores humanos e organizativos", pero tampouco no relativo aos "sistemas de xestión da seguridade e o marco regulamentario". E iso supuña quebrantar a lexislación da UE nun contexto no que "as empresas do sector ferroviario", como Adif e Renfe, tiñan "sistemas de xestión da seguridade" que que existían "sobre o papel", pero "o persoal non comprende en que consisten nin os aplica correctamente". E iso, advertía, levaba a que non existise "nexo ningún entre a avaliación dos riscos e a vixilancia" -obrigado pola UE-. "E sen vixilancia é imposible saber se o risco se atopa baixo control".
"Todas" as empresas ferroviarias do Estado, advertía a auditoría, incumprían a lexislación europea cunha "identificación incompleta dos perigos" ou unha "subestimación dos riscos" que daba lugar a "falta de control" sobre as posibles "medidas de mitigación"
Incumprimentos como "manter un rexistro de perigos como parte dos sistemas de xestión da seguridade", "unha identificación incompleta dos perigos" ou unha "subestimación dos riscos" convertían en "improbable" que as autoridades ferroviarias do Estado "identificasen os riscos correctamente". E se o fixesen, "poderían desembocar nunha atribución errónea de responsabilidades" e "falta de control sobre se estableceron realmente medidas de mitigación" do perigo. E isto, insistían, sucedía en "todas" as empresas ferroviarias do Estado.
En síntese, advertían, "a autoridade de seguridade española" non seguía as leis europeas na materia e como "consecuencia", non podía "ter certeza de que os sistemas de xestión da seguridade" estaban "en condicións de cumprir os obxectivos fixados". "En en particular -subliñaban- que a súa aplicación garanta o control de riscos esixido".
As vítimas: "Referenda a sentenza, deixa en ridículo á Fiscalía"
Tras accederen á auditoría completa, na Plataforma Víctimas Alvia 04155 fan unha reflexión. "Se en 2018 non se cumplía a normativa", tal e como constatou a Axencia Ferroviaria Europea para elaborar o seu estudo, "calquera pode imaxinar o que sucedía en 2011, cando se inaugurou a liña" Ourense-Santiago "ou en 2012, cando se desconectou o sistema de seguridade".
A ausencia de análise de riscos reflectida na auditoría é "xusto o que ocorreu en Angrois", subliña a principal plataforma de vítimas do accidente do Alvia en Santiago
O que reflicte a auditoría, resalta a plataforma, é "xusto o que ocorreu en Angrois, xa que Adif non realizou a análise de riscos nin aplicaron medidas de control en dúas ocasións". Cando Andrés Cortabitarte, o daquela xefe de Seguridade condenado na primeira sentenza do caso ao mesmo nivel que o maquinista "emitiu persoalmente o certificado sen o cal a liña non podía entrar en servizo" e "autorizando a desconexión do sistema de seguridade" (o control constante da velocidade ERTMS) "polos atrasos que xeraba".
Esta documentación da UE, ao cabo, cren, "referenda a sentenza" ditada pola xuíza o pasado xullo ao condenar o cargo do Adif e "deixa en ridículo á Fiscalía", que no seu recurso reclama absolvelo. "O fiscal Antonio Roma, co seu escrito tentando exculpar o Adif, non só fai o ridículo, senón que non cumpre coa súa obriga constitucional de defender á sociedade asegurando o cumprimento das leis".
Neste sentido, a plataforma de vítimas afirma que "lamentablemente, non nos estraña que o fiscal Roma actúe así". Porque, reiteran, "nunha xuntanza que mantivemos con el o 1 de xuño de 2014 en Madrid -Roma representou a Fiscalía na instrución do caso ata 2017- solicitámoslle que investigase o incumprimento da Directiva de Seguridade" ferroviaria da UE. "A súa resposta foi que estivésemos tranquilos, que ía pedir un 40% máis de indemnizacións". "Non quixo investigar" e "tratou de comprarnos e silenciarnos" para "ocultar as neglixencias" que, aplauden, evidenciou a auditoría da UE que agora sae a luz e tamén a propia sentenza que o Ministerio Público reclama corrixir.