A Audiencia da Coruña non revisará a absolución do cargo de Adif por Angrois como pedían vítimas

Vítimas de Angrois concentradas ante a sede central da Audiencia Provincial da Coruña o pasado xaneiro, ao coñecerse a sentenza que absolveu o cargo de Adif e deixou o maquinista como único condenado © Plataforma de Vítimas do Alvia

O tribunal, nunha providencia de dous folios emitida dez días despois de recibir os recursos, nin sequera os admite a trámite porque di que volven "sobre temas xa tratados e resoltos"

A Audiencia Provincial da Coruña vén de rexeitar admitir sequera a trámite os incidentes de nulidade formulados por varias vítimas do accidente de Angrois contra a súa propia sentenza do pasado xaneiro na que absolveu o cargo de Adif condenado polo sinistro en primeira instancia e deixou como único responsable ao maquinista do tren Alvia. O tribunal, nunha providencia de dous folios emitida dez días despois de recibir os recursos, di que "non procede a admisión a trámite do incidente pretendido porque se volve sobre temas xa tratados e resoltos". O incidente de nulidade, para o que as vítimas xa agardaban un resultado así, era un requisito indispensable para que agora poidan recorrer ante o Tribunal Constitucional.

O ex-director de Seguridade de Adif acusado polo accidente de Angrois, Andrés Cortabitarte, durante o xuízo diante do maquinista, Francisco José Garzón © Óscar Corral

A primeira sentenza sobre o accidente de Angrois, emitida en 2024 pola xuíza do Penal que xulgou o caso entre 2022 e 2023, condenou ao mesmo nivel ao maquinista do Alvia, Francisco José Garzón, por despistarse ao recibir unha chamada do interventor e non frear a tempo antes da curva, e ao director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, por non habilitar medidas que paliasen ese previsible erro humano. Porén, en xaneiro a Audiencia da Coruña corrixiu esa sentenza e, sen mudar nada dos feitos probados, absolveu a Cortabitarte, unha decisión respaldada por dúas das tres xuízas do tribunal pero da que discrepou a terceira xuíza.

O avogado da plataforma alegara que, cos mesmos feitos probados, a Audiencia realizou unha valoración distinta que a primeira xuíza para absolver o cargo de Adif "sen xustificación suficiente", pero o tribunal desbota analizar eses argumentos

A finais de abril tanto a Plataforma de Vítimas como o outro maquinista que viaxaba no tren como pasaxeiro, tamén afectado polo accidente, presentaron incidentes de nulidade alegando que a sentenza da Audiencia supuxo vulneración dos seus dereitos constitucionais á tutela xudicial efectiva xa que cos mesmos feitos probados realizou unha valoración distinta á da primeira xuíza, a responsable de valorar o xuízo celebrado ante ela.

O escrito do avogado da plataforma sinalaba que segundo a argumentación da Audiencia "ninguén nunha organización como Adif tería a competencia sobre a seguridade na circulación". "Se non se atribúe unha competencia a ninguén en concreto, ninguén é responsable", dicía, e "en consecuencia, pódese poñer en servizo unha liña ferroviaria de alta velocidade sen que ninguén estude que ocurrirá nela ante un posible fallo humano" o que a xuízo do avogado da plataforma "resulta inaceptable". Por iso, consideraba que a sentenza da Audiencia é "irracional e arbitraria, e incorre nunha grave falta de motivación e irrazonabilidade a respecto da absolución do señor Cortabitarte".

Sentenza da Audiencia da Coruña sobre o accidente de Angrois co voto favorable de dúas maxistradas e voto discrepante da terceira maxistrada CC-BY-SA Praza Pública

Ese recurso da Plataforma foi presentado o 27 de abril e o 6 de maio o mesmo tribunal da Audiencia inadmitiuno a trámite, xunto co do outro maquinista, cunha providencia de dous folios. Nela o tribunal di que todas as cuestións que formulan foron "examinadas e resoltas na sentenza" emitida o pasado xaneiro. Segundo di a Audiencia, "non procede a admisión a trámite do incidente pretendido porque se volve sobre temas xa tratados e resoltos e non se dirixe a corrixir erros ou omisións na tramitación ou na sentenza que puideran evitar o amparo constitucional".

As vítimas prevén recorrer agora ao Constitucional e de xeito paralelo o maquinista que quedou como único condenado vén de pedir o seu indulto

Tras esta inadmisión do seu incidente de nulidade, agora as vítimas poderán formular recurso ante o Tribunal Constitucional. Recurso de amparo ante o Constitucional que tamén prepara o avogado do maquinista condenado, ao tempo que de xeito paralelo vén de pedir oficialmente o indulto para o seu defendido. Condenado a dous anos e medio de cadea polos 79 mortos e 144 feridos do 24 de xullo de 2013, un indulto parcial de só medio ano, como defenden maquinistas e parte das vítimas, segundo avanzou Praza.gal, evitaríalle entrar en prisión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.