Vítimas de Angrois piden anular a absolución do cargo de Adif, paso previo a iren ao Constitucional

Vítimas de Angrois concentradas ante o Consello Xeral do Poder Xudicial en Madrid tras a sentenza da Audiencia que en xaneiro absolveu o cargo de Adif © Plataforma de Vítimas do Alvia

A plataforma de afectados presenta un incidente de nulidade contra a sentenza da Audiencia da Coruña que en xaneiro deixou o maquinista como único condenado por vulnerar o seu dereito constitucional á tutela xudicial

A Plataforma de Vítimas de Angrois vén de presentar un incidente de nulidade de actuacións fronte a sentenza da Audiencia da Coruña que en xaneiro absolveu o cargo de Adif condenado previamente polo sinistro e deixou como único culpable o maquinista do tren. O recurso, que se formula ante o mesmo tribunal alegando a vulneración do dereito á tutela xudicial, é un requisito previo imprescindible para presentar posteriormente un recurso ante o Tribunal Constitucional. 

O ex-director de Seguridade de Adif acusado polo accidente de Angrois, Andrés Cortabitarte, durante o xuízo diante do maquinista, Francisco José Garzón © Óscar Corral

A primeira sentenza sobre o accidente de Angrois, emitida en 2024 pola xuíza do Penal que xulgou o caso entre 2022 e 2023, condenou ao mesmo nivel ao maquinista do Alvia, Francisco José Garzón, por despistarse ao recibir unha chamada do interventor e non frear a tempo antes da curva, e ao director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, por non habilitar medidas que paliasen ese previsible erro humano. Porén, en xaneiro a Audiencia da Coruña corrixiu esa sentenza e, sen mudar nada dos feitos probados, absolveu a Cortabitarte, unha decisión respaldada por dúas das tres xuízas do tribunal pero da que discrepou a terceira xuíza.

O avogado da plataforma salienta que, cos mesmos feitos probados, a Audiencia realizou unha valoración distinta que a primeira xuíza "sen xustificación suficiente"

Agora o avogado da plataforma de vítimas alega no seu incidente de nulidade que esa sentenza da Audiencia supuxo unha vulneración do seu dereito constitucional á tutela xudicial efectiva xa que cos mesmos feitos probados realizou unha valoración distinta "sen unha xustificación ou explicación suficiente, o que xera unha indefensión". O recurso argumenta "falta de coherencia cos feitos probados" e "extralimitación na valoración da proba", que correspondía á primeira xuíza do Penal que xulgou o caso. 

Sentenza da Audiencia da Coruña sobre o accidente de Angrois co voto favorable de dúas maxistradas e voto discrepante da terceira maxistrada CC-BY-SA Praza Pública

O escrito do avogado da plataforma sinala que segundo a argumentación da Audiencia "ninguén nunha organización como Adif tería a competencia sobre a seguridade na circulación". "Se non se atribúe unha competencia a ninguén en concreto, ninguén é responsable", di, e "en consecuencia, pódese poñer en servizo unha liña ferroviaria de alta velocidade sen que ninguén estude que ocurrirá nela ante un posible fallo humano" o que a xuízo do avogado da plataforma "resulta inaceptable". Por iso, considera que a sentenza da Audiencia é "irracional e arbitraria, e incorre nunha grave falta de motivación e irrazonabilidade a respecto da absolución do señor Cortabitarte".

De xeito paralelo ao Constitucional, maquinistas e algunhas vítimas queren un indulto parcial de medio ano para o condutor do Alvia que lle evite entrar na cadea

Este incidente de nulidade e outros que formularon outras acusacións particulares ten agora que ser analizado polo mesmo tribunal da Audiencia que emitiu a sentenza, polo que é pouco probable que rectifique. Pero é un requisito imprescindible para que a plataforma poida presentar un recurso ante o Tribunal Constitucional. Recurso de amparo ante o Constitucional que tamén prepara o avogado do maquinista, ao tempo que de xeito paralelo tamén estuda solicitar un indulto para o seu defendido, que quedou como único condenado a dous anos e medio de cadea. Un indulto parcial de só medio ano, como defenden maquinistas e parte das vítimas, segundo avanzou Praza.gal, evitaríalle entrar en prisión. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.