A Audiencia Provincial da Coruña sentenciou a pasada semana, por maioría de dúas maxistradas fronte a unha, que o maquinista do Alvia descarrilado en Angrois o 24 de xullo de 2013 foi o único responsable penal do accidente. E ditaminou a absolución do ex-xefe de Seguridade do Adif que, en primeira instancia, fora condenado en igualdade de condicións canda o condutor do tren polo sinistro que custou a vida a 79 persoas e causou feridas de diversa consideración a outras 144.
A nova sentenza de Angrois corrixe a primeira en canto á responsabilidade penal do antigo cargo de Adif, pero non emenda ningún dos feitos probados, como que foi un accidente da alta velocidade ou que na curva e no Alvia non estaban activos os sistemas de seguridade que impedirían as consecuencias fatais de que o maquinista se despistase
Esta pasa a ser, de agora en diante, a verdade xudicial. Fica instaurada por unha sentenza que corrixe a primeira en canto á responsabilidade penal do antigo cargo do Adif. Porén, a sentenza da Audiencia Provincial non emenda ningún dos que aquel primeiro pronunciamento considerou feitos probados, como que o accidente foi un sinistro da alta velocidade ferroviaria ou que na curva de Angrois e no Alvia non estaban activos os sistemas de seguridade que, se estivesen funcionando, impedirían as consecuencias fatais de que o maquinista se despistase ao responder unha chamada do interventor do propio tren, á que tiña obriga de responder, e non reducise a velocidade de 200 a 80 quilómetros por hora no momento debido. O extenso e minucioso voto particular asinado pola maxistrada Marta Canales, así e todo, pon de manifesto a seriedade dos argumentos xurídicos que defenden a imputación de responsabilidade penal ao director de seguridade de ADIF por omisión do deber de avaliación e neutralización dos concretos riscos da curva de Angrois.
Fican así sentenciados (que non pechados, á espera da execución da sentenza, e da eventual presentación de recursos de amparo perante o Tribunal Constitucional) case 13 anos de percorrido do accidente de Angrois nos tribunais ordinarios. Un percorrido, salferido de erros e demoras. Caso por exemplo dunha peritaxe plaxiada ou doutra de escaso rigor ou de documentación non achegada polo Administrador de Infraestuturas Ferroviarias do Goberno de España (Adif) ou por Renfe.
Coas ferramentas da investigación xornalística sustentamos a convicción de que cumpría irmos alén da verdade oficial. Case trece anos e medio milleiro de informacións despois só podemos reafirmarnos na decisión de converter o seguimento minucioso do sucedido en Angrois nunha das nosas bandeiras editoriais
A xudicial é unha das perspectivas centrais para abordar o sucedido, pero non a única. Durante máis dunha década en Praza.gal tratámola con intensidade, igual que tamén o fixemos coas vertentes técnica e política do sinistro. Fixémolo mentres, coas ferramentas da investigación xornalística, sustentamos a convicción editorial de que cumpría irmos alén da verdade oficial, esa que dende escasas horas despois do descarrilamento apuntou ao maquinista en exclusiva e sinalou as voces discrepantes como inimigas dos intereses empresariais e comerciais da alta velocidade española. O recente accidente dos trens de alta velocidade da liña Málaga-Madrid en Adamuz, ou a crise de seguridade da circulación de Rodalíes, pon de manifesto a escasa transparencia dos sistemas técnicos que deberían garantir a seguridade da circulación ferroviaria do Reino de España. De aí a necesidade de contrastar, mediante investigacións xornalísticas rigorosas, a verdade oficial en defensa da cidadanía.
Se non fósemos alén da verdade oficial nunca saberíamos, por exemplo, da alerta sobre o risco da curva que chegou a dez técnicos de Renfe e algún nin leu. Ou que a Axencia Ferroviaria Europea advertiu de que a investigación técnica oficial do accidente non foi independente a través dun informe cuxa publicación o Goberno de Mariano Rajoy tentou frear con manobras ao máis alto nivel nas que implicou a dous ministros que chegaron mesmo ao daquela presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker.
Case trece anos de traballo e máis de medio milleiro de informacións despois en Praza.gal só podemos reafirmarnos na decisión de converter o seguimento minucioso do acontecido en Angrois nunha das nosas bandeiras editoriais con informacións que continúan plenamente vixentes. Foi e vai seguir sendo un deses temas tan complexos como delicados, tan necesarios de contar como alleos aos picos de audiencia. Tan incómodos para tantos. Un dos mellores exemplos, tamén, do traballo que só podemos facer grazas á comunidade de socias e socios de Praza.gal.
O labor do xornalismo non é establecer responsabilidades penais e o camiño que agora traza a Audiencia da Coruña non invalida os feitos sobre os que deitou luz un traballo informativo que aínda non rematou e que tamén é unha ferramenta para observar os problemas ferroviarios actuais
O labor do xornalismo non é -nin de lonxe- establecer responsabilidade penais. Os camiños dos tribunais son diferentes aos do labor informativo. O camiño que agora traza a sentenza da Audiencia da Coruña, daquela, non invalida os feitos e circunstancias sobre os que deitaron luz uns poucos -moi poucos- medios e xornalistas que, con rigor e teimosía, quixeron e puideron ir alén da verdade oficial grazas a un traballo que aínda non finalizou.
Esa bagaxe non só permite interpretar con amplitude o sucedido na curva da Grandeira, o seu impacto no sistema ferroviario ou as consideracións das vítimas do accidente. Tamén é unha ferramenta para observar o presente. E, por exemplo, advertir imposturas ou tacticismos nos actores políticos e mediáticos que esixen datos completos, fiables e inmediatos sobre as traxedias e problemas ferroviarios actuais mentres, unha vez pasadas as horas críticas de xullo de 2013, viraron Angrois en sinónimo de silencio ou mesmo de desdén.