Dúas xuízas dan a última palabra sobre Angrois tras querer outros nove ir alén da verdade oficial

Sentenza da Audiencia da Coruña sobre o accidente de Angrois co voto favorable de dúas maxistradas e voto discrepante da terceira maxistrada CC-BY-SA Praza Pública

A Fiscalía, que chegou ao xuízo pedindo condenar o cargo de Adif ao mesmo nivel que o maquinista, virou no último momento e pasou a apoiar a tese absolutoria da Avogacía do Estado 

Tras o accidente de Angrois do 24 de xullo de 2013 PP e PSOE coincidiron en poñer o foco só no maquinista do tren co medo implícito de que o sinistro afectase á imaxe da alta velocidade española. A esa mesma conclusión, que a culpa foi só do maquinista, veñen de chegar agora, doce anos e medio despois, dúas maxistradas da Audiencia Provincial da Coruña, co voto discrepante dunha terceira. 

Fano nunha sentenza que de xeito paradoxal socava a imaxe do sistema ferroviario español, ao asumir que a normativa -e non o erro persoal do cargo de Adif condenado en primeira instancia e agora absolto- permitía en Angrois un accidente por despiste dun maquinista que puidese causar 79 mortos e 143 feridos. Porén, nos doce anos e medio que pasaron entre o lanzamento da verdade oficial e que esta vén de ser avalada polas dúas xuízas da Audiencia da Coruña, outros nove xuíces e xuízas consideraron que había que ir máis aló e cando menos avaliar outras posibilidades.

O maquinista do Alvia, Francisco José Garzón, entrando ao xuízo cos seus avogados en xuño de 2023 CC-BY-SA Praza Pública

O primeiro xuíz instrutor do caso, Luis Aláez Legeren, comezou apuntando ao cargo de Adif agora absolto, Andrés Cortabitarte, e a outros moitos directivos e técnicos de Adif, pero a Audiencia da Coruña levantou aquelas imputacións por consideralas excesivas e prematuras. O segundo xuíz instrutor que o substituíu, Andrés Lago Louro, tampouco viu inicialmente responsabilidades máis aló do maquinista, pero tres anos despois do accidente, en maio de 2016, a mesma Audiencia, cun tribunal formado polos maxistrados Ángel Pantín Reigada, José Gómez Rey e María del Carmen Martelo Pérez, pediu ao instrutor reabrir o caso e investigar máis alá da actuación do maquinista.

Durante a instrución sete xuíces avalaron investigar máis alá do maquinista, en contra da postura do Estado que desde o primeiro momento pediu xulgar só ao condutor

A reapertura puxo o foco no xeito en que se validaran os riscos da liña, o que supuxo a imputación de Cortabitarte, avalada en xuño de 2017 pola Audiencia da Coruña por un tribunal no que un novo maxistrado, Alejandro Morán Llordén, substituía a Martelo Pérez. O segundo xuíz instrutor, Andrés Lago Louro, acabou propoñendo xulgar a Cortabitarte ao mesmo nivel que o maquinista, proposta que foi novamente ratificada pola Audiencia en abril de 2021, desta volta cun novo nome no tribunal, sumando aos xa veteranos do caso Pantín Reigada e Gómez Rey o do maxistrado César González Castro

Se durante a instrución do caso foron sete os maxistrados que discreparon da versión que dicía que non había nada que investigar máis alá do maquinista, o xuízo deu lugar aos pronunciamentos xudiciais máis duros para esa verdade oficial: en xullo de 2024 a xuíza do Xulgado do Penal número 2 de Santiago, María Elena Fernández Currás, condenaba a Cortabitarte ao mesmo nivel que o maquinista. 

O fiscal do xuízo de Angrois, Mario Piñeiro, entrando ao xuízo por tras da xuíza e cos dous acusados ao fondo á esquerda CC-BY-SA Praza Pública

Esa sentenza foi recorrida e agora vén de pronunciarse a Audiencia da Coruña cunha nova sentenza na que dúas maxistradas, Ana Belén Sánchez González e Ana Belén López Otero, consideran que Cortabitarte non foi culpable porque non incumpriu ningunha normativa senón que, ao contrario, "obrou de acordo cos estándares establecidos" e "seguiuse a normativa técnica común de toda a rede ferroviaria española". Unha normativa que, daquela, permitía un accidente como o que ocorreu.

Tras o xuízo, unha primeira xuíza condenou ao mesmo nivel ao maquinista e ao cargo de Adif, postura avalada agora por unha maxistrada da Audiencia da Coruña, pero o voto maioritario doutras dúas compañeiras acabou impoñéndose

Desa visión desas dúas maxistradas afástase o voto particular da terceira que conformou o tribunal, Marta Canales Gantes, que avala a sentenza emitida en primeira instancia pola xuíza Fernández Currás. "En modo algún podo compartir as afirmacións efectuadas acerca de que a xulgadora de instancia incorrese nun xuízo de irracionalidade e/ou parcialidade na súa valoración da proba, atendida a rotundidade e grao de detalle dos feitos probados, e cando, ademais, pese á absolución pola que se opta, non foron modificados na sentenza de apelación os referidos feitos probados", di esa maxistrada discrepante.

Destas visións discrepantes coa versión oficial que ofreceron nove maxistrados e maxistradas ao longo dos case trece anos que pasaron do accidente afastouse a Fiscalía nos momentos máis críticos do caso. O primeiro fiscal, Antonio Roma, insistiu durante catro anos en non investigar máis que ao maquinista. En 2017 Roma deixou Santiago ao lograr un posto de representación internacional e foi substituído por Mario Piñeiro, quen ata que chegou o xuízo defendeu acusar tamén a Cortabitarte, para quen pedía inicialmente catro anos de cadea. 

Concentración de vítimas de Angrois no Obradoiro no décimo aniversario do accidente CC-BY-SA Praza Pública

Pero na súa derradeira intervención no xuízo pasou a secundar a postura sempre eximente da Avogacía do Estado e a pedir a absolución do cargo de Adif aducindo que o "galimatías xurídico" das normas ferroviarias impedía culpalo do accidente. Un ano despois, Piñeiro era ascendido a fiscal do Tribunal Supremo e a xefatura da fiscalía en Santiago volvía ser ocupada por Antonio Roma.

Nestes doce anos e medio houbo demoras xudiciais e afloraron todo tipo de obstáculos e ocultacións provocados por Adif, Renfe ou o Ministerio de Fomento

Agora, tras todas esas posturas discrepantes coa versión oficial, a última palabra sobre a cuestión véñena de dar dúas xuízas que consideran que a culpa foi só do maquinista, ao que condenan a dous anos e medio de cadea. Unha condena que chega logo de doce anos e medio de proceso con demoras xudiciais e no que afloraron todo tipo de obstáculos e ocultacións provocados por Adif, Renfe ou o Ministerio de Fomento.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.