Sentenciado a dous anos e medio por 79 mortes, evitaría a cadea cun perdón parcial de medio ano, o mesmo que recibiron en 2009 dous maquinistas por un accidente en Navarra en 1997 con 18 mortos
O Sindicato Español de Maquinistas Ferroviarios (Semaf) quere que o seu compañeiro condenado polo accidente da curva de Angrois de 2013 no que morreron 79 persoas e 144 resultaron feridas reciba un indulto que evite a súa entrada na cadea. Sentenciado a dous anos e medio de prisión como único responsable do sinistro logo de que a Audiencia da Coruña revogase en xaneiro a condena similar dun cargo de Adif, o condutor do Alvia evitaría a cadea cun perdón parcial de medio ano, o mesmo que recibiron en 2009 dous maquinistas por un accidente en Navarra en 1997 con 18 mortos. Un indulto parcial que xera debate entre as vítimas, con unhas favorables, outras en contra e outras indiferentes.
En xullo de 2024 a primeira sentenza sobre o accidente de Angrois dun xulgado do Penal de Santiago condenou ao mesmo nivel a dous anos e medio de cadea ao maquinista, Franciso José Garzón, e un cargo de Adif como responsables de 79 homicidios por imprudencia grave profesional, o primeiro por despistarse e non frear a tempo antes da curva e o segundo por non habilitar medidas de seguridade que evitasen ou paliasen ese previsible erro humano. Pero o pasado xaneiro a Audiencia Provincial da Coruña corrixiu esa sentenza e absolveu o cargo de Adif, deixando o maquinista como único condenado.
Tras a sentenza o secretario xeral do Semaf, Diego Martín, declarou en entrevista con Praza.gal que traballan xa "para conseguir os apoios necesarios" para un "indulto parcial" do seu compañeiro, medida de gracia discrecional que outorga o Consello de Ministros. "Traballaremos para que o noso compañeiro non sufra as consecuencias da sentenza", dicía o líder sindical, que ratificaba a visión xeral dentro do seu colectivo de que "o accidente de Angrois podíanos pasar a calquera". Unha visión que comparten outros profesionais do sector á marxe do Semaf que tamén se amosan favorables ao indulto ao maquinista, que en poucas semanas cumprirá 65 anos e que en diversas ocasións pediu perdón ás vítimas en público e en privado.
O avogado do maquinista é o avogado do Semaf e consultado ao respecto do indulto sinala que está estudando esa posibilidade ao igual que un posible recurso de amparo ao Tribunal Constitucional.
Antecedentes
Sen antecedentes penais, o sentenciado non entraría na cadea cunha condena de só dous anos, polo que un indulto parcial de só medio ano bastaría para evitarlle a prisión. Un indulto así, de medio ano, foi o que outorgou en 2009 o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero a dous maquinistas condenados igualmente a dous anos e medio de cadea por 18 homicidios por imprudencia grave nun accidente ocorrido en 1997 en Navarra.
Os dous maquinistas daquel sinistro de Uharte Arakil foran condenados por entrar con exceso de velocidade nesa estación segundo eles porque un sinal erróneo así o permitía, cuestión que a xustiza non considerou acreditada. O Goberno perdooulles en 2009 medio ano de cadea a cada un "a condición de que non volva cometer delito doloso no prazo de catro anos".
A Plataforma de Vítimas non ten unha postura a respecto do indulto senón que é unha cuestión persoal de cada persoa afectada ou familia, con argumentos dispares en cada caso
Ante a posibilidade dun indulto parcial ao maquinista de Angrois, o presidente da Plataforma de Vítimas, Jesús Domínguez, xa declarara días despois da sentenza da Audiencia da Coruña que esa sería unha valoración que debería facer unha asemblea das vítimas e non el como presidente. A título persoal Domínguez dicía que para el "non ten ningún sentido que o maquinista entre na cadea", pero salientaba que a Plataforma analizaría a cuestión nunha vindeira reunión.
A xustiza acabou recoñecendo arredor de 500 vítimas no accidente de Angrois
Esa reunión xa se produciu e o resultado do debate nela desenvolvido foi que a Plataforma como tal non ten unha postura a respecto do indulto senón que esa é unha cuestión persoal de cada persoa afectada ou familia. Segundo puido averiguar Praza.gal de diversas fontes presentes no encontro, nel amosáronse posturas favorables ao indulto, posturas contrarias e posturas de indiferenza. Similares valoracións dispares poden atoparse entre vítimas que non asistiron a ese encontro da Plataforma de xeito que cada persoa afectada ou familia consultada ofrece un argumento distinto a favor, en contra ou indiferente ao indulto.
No accidente de Angrois a xustiza acabou recoñecendo como vítimas a 79 persoas falecidas, 144 persoas feridas e preto de 300 familiares con dereito a indemnización individualizada.