"Cando o Estado orixina as traxedias pon todos os aparatos de poder para eximir calquera responsabilidade"

Jesús Domínguez, presidente da Plataforma Víctimas Alvia 04155, sobre unha imaxe dunha manifestación do colectivo CC-BY-NC-SA Praza.gal
Escoita a entrevista íntegra neste novo episodio especial do Fálase de Praza.gal

O presidente da Plataforma de Vítimas de Angrois critica a sentenza absolutoria do cargo de Adif e considera a título persoal que o maquinista condenado non debe entrar na cadea

Jesús Domínguez, enxeñeiro informático madrileño, tiña 41 anos cando o 24 de xullo de 2013 quedou cunha perna esnaquizada no accidente de Angrois. Tivo sorte, como outras 143 persoas feridas, porque 79 dos pasaxeiros daquel tren Alvia morreron. Doce anos e medio despois, a Audiencia Provincial da Coruña vén de dicir que o único responsable foi o maquinista e absolve o director de Seguridade de Adif que fora condenado hai ano e medio en primeira instancia. Para valorar esta sentenza Praza.gal conversa con Domínguez, presidente da Plataforma de Vítimas do sinistro, nesta entrevista que tamén se pode escoitar no noso podcast Fálase.

Cal é a valoración global da sentenza por parte da Plataforma de Vítimas?

É unha sentenza que entendemos que manda unha mensaxe terrible, non só para as vítimas e familiares, senón para toda a sociedade. Cando o Estado é o que orixina as traxedias, como neste caso, pon todas as súas institucións e aparatos de poder para eximir calquera tipo de responsabilidade, e neste caso finalmente conseguiuno coa absolución de Adif por parte da Audiencia. Resulta que un director de Seguridade pode desconectar un sistema de seguridade porque xera demoras, pode obviar facer unha análise de riscos a que o obriga a normativa, e está incluso isto nos feitos probados, e pode haber unha liña na que non hai unha sinalización da curva nin unha baliza, e aquí non ocorre nada. O terrible é que parece que non aprendemos, e isto pois o único que pode pasar é que se repitan as traxedias, como así sucedeu recentemente. 

A Audiencia aumenta boa parte das indemnizacións e mesmo as persoas con dereito a recibilas. Que valoración fai diso?

"A Audiencia pensou que poñendo máis cartos ao mellor a algunhas vítimas lles parecía ben"

É unha cousa que nós desde a asociación nunca reclamamos. Sempre dixemos que queremos verdade e xustiza. A miña valoración persoal é que a relatora debe estar en pecado e pensou que poñendo máis cartos pois ao mellor a algunhas vítimas lles parecía ben. Como dicía, o terrible é que non se asuman responsabilidades, que se culpe exclusivamente ao maquinista, e a verdade é que o das indemnizacións para nós está nun terceiro plano.

Jesús Domínguez, en entrevista con Praza.gal tras sentenza da Audiencia da Coruña sobre o accidente de Angrois

Despois da primeira sentenza en 2024, hai ano e medio, dixo vostede que podería valer para que os responsables de Adif, do Goberno, das diferentes institucións, pensaran dúas veces antes de inaugurar unha liña sen toda a seguridade. Cre que agora estamos na mesma situación?

"Cando hai unha traxedia destas pódese culpar ou aprender, e aquí o Estado o que elixiu foi culpar desde o minuto un"

Creo que manda unha mensaxe contraria. Cando hai unha traxedia destas pódese culpar ou aprender, e aquí o Estado o que elixiu foi culpar. As dúas á vez non se pode, ou culpas ou aprendes. E aquí o que se elixiu foi culpar desde o minuto un. Lembro que desde Feijóo ou desde o PSOE culpábase ao maquinista pese a que logo houbo dous procedementos de infracción por incumprimento da normativa de seguridade ferroviaria e unha auditoría, da cal tampouco se falou moito. Unha auditoría que se fixo a Renfe e Adif no 2018 e 2019, que era terrible porque o que se dicía é que nin se facían as análises de riscos, que o persoal o descoñecía. Era unha cousa, a verdade, bastante lamentable. O Estado aquí o que elixiu foi culpar ao maquinista e non aprender, pese a eses procedementos de infracción, pese a esas auditorías. E ao final, como consecuencia, temos o de Adamuz. Estou convencido de que é consecuencia de todas estas chapuzas. Que diga o ministro que é "tremendamente estraño"... Aos xaponeses non lles parece tremendamente estraño. Alí levan desde 1960 que se inaugurou a alta velocidade e non houbo nin un ferido, nin un falecido, nin un accidente, nin un descarrilamento por alta velocidade. España ten o récord mundial, de lonxe, de accidentes e vítimas mortais de alta velocidade. Non hai un caso nin que se achegue ao que ocorreu en España.

A Audiencia di que a súa propia sentenza non é recorrible en casación ante o Supremo. Queda algunha vía xudicial? Que lles din os avogados?

"A Xunta impuxo dous peritos, que como bos funcionarios sen experiencia ferroviaria dixeron que estaba todo correcto, pero outro elixido por sorteo e a Axencia Ferroviaria Europea dixeron que había que analizar o risco de Angrois"

A única vía xudicial que teño entendido é o Tribunal Constitucional, que ten que ser por algo que vaia contra os dereitos fundamentais. Eu non son avogado, a min o único que se me ocorre, pero é moi complicado, é que aquí o que houbo é unha inxerencia por parte do Estado nalgunhas cousas. Aparte da Fiscalía e a Avogacía do Estado [que defenderon a condena só do maquinista], que iso non supón que non teñas unha tutela xudicial efectiva, eu creo que o máis grave é que os peritos independentes, que é o máis importante nun xuízo, non os de parte, os impuxo a Xunta. Tratou de impoñer os tres, impuxo dous, e o que non impuxo foi porque parece que non tiña ningún enxeñeiro de telecomunicacións. Pero os impuxo e evidentemente eses peritos o que dixeron como bos funcionarios da administración e sen experiencia ferroviaria foi que estaba todo correcto. Curiosamente o que saíu por sorteo coincide coas teses da Axencia Ferroviaria Europea que indica que había que analizar o fallo humano, facer esa análise de riscos, e que de facelo poñeríanse medidas. A min só se me ocorre ir por aí, porque en España a xustiza está politizada, elíxea o Consello Xeral do Poder Xudicial e este elíxeno o PP e o PSOE desde que existe a democracia. Imos tentar convencer o avogado de ir por aí, haberá que ver que opina el como técnico e como coñecedor. Pero eu creo que o deberiamos facer, aínda que sexa un pouco simbolicamente.

Jesús Domínguez, en entrevista con Praza.gal tras sentenza da Audiencia da Coruña sobre o accidente de Angrois

Unha vez que a plataforma non conseguiu o seu obxectivo, que era que resultase condenado alguén do Adif, do Estado, estudan ou van estudar a posibilidade de apoiar un indulto parcial do maquinista para que non entre na cadea?

"Indulto parcial do maquinista? Para min non ten sentido que entre na cadea, pero decide a asociación"

Esa é unha boa pregunta que eu non podo responder porque teño que preguntar ao resto de vítimas e familiares. Eu teño a miña opinión persoal, e xa a digo. É que evidentemente para min non ten ningún sentido que entre o maquinista na cadea, é a miña opinión, pero eu son o presidente da asociación, hai xente que perdeu fillos, irmáns, familiares, e o que hai que facer é pensar que opina a maioría e se isto ten consecuencias xurídicas ou non, que non o sei. Pero é unha cousa que evidentemente a teriamos que formular nunha asemblea porque toca un tema moi sensible. 

Esta nova sentenza chega en plena actualidade do accidente de Adamuz, cuxas causas parecen ben distintas. Pode un sinistro enrarecer o debate sobre o outro e viceversa? Ata que punto poden influír?

Si que o condiciona e o primeiro que tenta tanto o Goberno como a oposición é desligalo de Angrois. O primeiro é dicir que [Angrois] non é un accidente de alta velocidade, incluso moitos medios de comunicación. Están totalmente desinformados e falan de que [Adamuz] é o primeiro accidente de alta velocidade e evidentemente o fan porque seguen instrucións. E aparte porque son uns ignorantes, porque eu creo que o máis desgraciado de Angrois é que se levou como se fose unha cousa que só ocorreu en Galicia. Cando é unha cuestión de Estado, porque a infraestrutura, o administrador, era o Estado. Pero tentouse por todos os medios facer algo local, co cal ía ter moita menos repercusión. A min sorpréndeme que en grandes medios non fale ninguén, e iso que eu tento explicarllo, pero é un descoñecemento total, dos procedementos de infracción [da UE], das auditorías, de que non houbo unha investigación independente. Creo que con todo iso habería para dar e tomar ao Goberno, á oposición e ao Estado, no sentido de que aquí había avisos, que se estaban facendo as cousas mal. 

"Botarlle a culpa ao fallo humano é unha soberana estupidez, porque xa sabemos que os humanos interveñen en todas as infraestruturas e todos os humanos cometen fallos"

Por desgraza creo que aprendemos moi pouco de Angrois e o que se aprendeu foi grazas ás nosas denuncias en Europa, que nos acompañou [a eurodeputada do BNG] Ana Miranda, e as auditorías que puxeron un pouco as pilas ao Goberno para facer o mínimo, un plan de acción que creo que non se está cumprindo, polo que ocorreu en Adamuz. E porque ademais unha das cousas que había que facer era este novo organismo investigador de accidentes que está aprobado desde agosto de 2024 e aínda non existe. E se non se facían as análises de riscos cando en 2018 e 2019 non tiñan nin idea, pois venderíanlles a moto á Unión Europea dicindo que temos un plan de acción. Pero a miña sensación é que as cousas seguíronse facendo mal. Ao final estes accidentes son multifactoriais, hai moitos fallos. Haberá causas profundas, raíz. Botarlle a culpa ao fallo humano é unha soberana estupidez, porque os humanos interveñen en todas as infraestruturas e todos os humanos cometen fallos. Creo que a única vantaxe que hay agora é que hai unha empresa privada, Iryo, que non vai seguir a roda de muíño do Estado, e aí si que van ter un problema. Porque no noso caso tiñamos a todo o mundo en contra. As empresas eran Renfe, Adif, Ineco, todas participadas polo Estado, e logo a Fiscalía, o Goberno, o Ministerio de Transportes. Só eran as vítimas as que ían á contra.

Jesús Domínguez, en entrevista con Praza.gal tras sentenza da Audiencia da Coruña sobre o accidente de Angrois

Que recomendación daría ás vítimas de Adamuz?

Agora estarán pasando momentos moi malos. Se o escoitan máis adiante, que se asocien, que cando lles pregunten os xornalistas respondan o que eles queren, non o que lles preguntan os xornalistas. Porque moitas veces depende dos medios, vanlles preguntar pola lágrima, pola sensibilidade, e eles o que quere é verdade e o que teñen que facer é esixir unha investigación independente. E sobre todo non deixarse manexar polos partidos políticos, porque claramente vano tentar, e eles teñen que ir a buscar a súa verdade, a súa xustiza e a súa reparación. E crear unha asociación e unirse. A unión fai a forza e iso é o máis importante. 

Grazas por atendernos.

Moitas grazas a Praza porque é dos poucos medios que fai un seguimento rigoroso e obxectivo da traxedia e dá moita tristura ver como os grandes medios publican bulos e falsidades, e o fan incluso medios que se queixan dos bulos e das falsidades. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.