Os investigadores de accidentes de tren: criticados pola UE en Angrois e á espera dun ente único con barcos e avións

Fragmentos dunha auditoría de 2018 da Axencia Ferroviaria Europea sobre o mal funcionamento da CIAF sobre unha imaxe da curva na que ocorreu o accidente de Angrois en 2013 CC-BY-NC-SA Praza.gal | Foto: CIAF

O Ministerio de Transportes está a impulsar un novo organismo de análises de sinistros máis independente. En Angrois os investigadores puxeron o foco só no maquinista e a xustiza acabou condenando tamén a un cargo de Adif.

O accidente de dous trens de alta velocidade en Córdoba ocorrido este domingo vai ser investigado penalmente pola xustiza, como corresponde nun sinistro con ducias de mortos e feridos. Unhas pescudas que poden durar anos, como ocorreu co accidente de Angrois de 2013, no que a primeira sentenza penal chegou once anos despois. Pero tamén vai ser analizado tecnicamente pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Transportes. Un organismo cuxa actuación en Angrois -puxo o foco só no maquinista e a xustiza acabou condenando tamén a un director de Seguridade na Circulación de Adif- foi moi criticada pola Unión Europea. Para mellorar o seu funcionamento e independencia, o Ministerio de Transportes está a impulsar un novo organismo de análise de sinistros conxunto para os sectores ferroviario, aéreo e marítimo.

Conclusións da comisión de investigación de Fomento sobre o accidente de Angrois e críticas que lle fixo a Axencia Ferroviaria Europea en 2016 CC-BY-SA Praza Pública

No caso do accidente de Santiago de 2013 a investigación técnica que no seu momento fixo a CIAF apuntando en exclusiva ao maquinista, que se despistou ao recibir unha chamada telefónica do interventor do tren e non freou a tempo antes da curva de Angrois, foi desmontada en 2016 pola Axencia Ferroviaria Europea. O ente europeo criticou que a CIAF non analizara outras cuestións que finalmente acabaron condenando ao director de Seguridade de Adif e que a súa propia composición non era independente xa que era designada polo Ministerio de Fomento. A Comisión Europea mesmo abriu un procedemento de infracción contra España por esa falta de independencia, pero pechouno cando o Goberno central reformou a CIAF e fixo que os seus membros, que antes nomeaba directamente o ministerio, pasasen a ser propostos polo ministerio pero nomeados polo Congreso.

A Comisión Europea puxo en cuestión durante unha década a independencia e os procedementos da CIAF, que agora o ministerio está a integrar nunha nova autoridade única ferroviaria, aérea e marítima con máis independencia

Logo desa reforma da CIAF hai unha década, Bruxelas aínda seguiu mantendo dúbidas sobre posibles "deficiencias na forma en que o organismo nacional de investigación analiza e investiga os accidentes", cuestión, entre outras, que analizou nun novo procedemento de infracción contra España aberto en 2019 e pechado en 2024.

Tras pecharse ese procedemento, a Plataforma de Vítimas de Angrois tivo acceso a unha auditoría realizada pola Axencia Ferroviaria Europea na que, tras desmontar en 2016 a investigación concreta de Angrois, estendía as eivas ao funcionamento en xeral da CIAF.

Peritos xudiciais inspeccionando as vías en Angrois Dominio Público Sumario xudicial

Mentres, o Ministerio de Transportes comezou a impulsar en 2021 unha nova Autoridade Administrativa Independente para a Investigación Técnica de Accidentes e Incidentes ferroviarios, marítimos e de aviación civil. Un ente que traballará cos seus propios orzamentos á marxe dos do ministerio para así darlle máis independencia pero cuxa posta en funcionamento efectiva vén demorándose. Proposta en 2021, a lei de creación formal aprobouse en 2024, pero está pendente de desenvolverse, co proxecto de decreto do seu estatuto e funcionamento exposto ao público aínda en 2025 e á espera da súa aprobación.

Á espera desa nova entidade única de investigación máis independente, a CIAF xa é tan independente como reclamaba Bruxelas. Pero segue sen cumprir unha esixencia comunitaria. 

Tras desmontar a investigación de Angrois en 2016, a Comisión Europea leva unha década advertindo de que España segue sen facer a investigación técnica independente daquel sinistro que esixe a normativa comunitaria. Así o reiteraron tres comisarios europeos consecutivos de Transportes, o último Apostolos Tzitzikostas o pasado maio

Resposta da CIAF á Plataforma de Vítimas de Angrois rexeitando unha investigación técnica do accidente conforme coa normativa europea CC-BY-SA Praza Pública

Pero a actual CIAF négase a realizar unha nova investigación conforme á normativa europea porque insiste en que a anterior, descualificada pola UE, segue sendo válida e non e non ve motivos para refacela. E o Goberno de España, tanto co PP como co PSOE, di que agora eses investigadores son independentes e non pode darlle ordes. Ante esta situación, a Plataforma de Vítimas de Angrois pediu á xustiza que se pronunciase e o Supremo concluíu en decembro de 2023 que a actual CIAF é independente para decidir o que proceda sobre a apertura ou non dunha nova investigación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.