Traxedia ferroviaria en Andalucía no peor accidente da alta velocidade dende o de Angrois

Imaxe divulgada polo presidente de Renfe do tren Alvia accidentado © Presidente de Renfe

O peor accidente da alta velocidade dende o que, en xullo de 2013, custou a vida a 79 persoas e deixou feridas outras 143 no barrio compostelán de Angrois. Segundo os datos actualizados na tarde deste luns, aínda provisionais, cando menos 40 persoas morreron e máis dun cento sufriron danos de diversa consideración na traxedia ferroviaria acontecida no serán deste domingo na localidade andaluza de Adamuz, na provincia de Córdoba.

Cando menos 40 persoas morreron e máis dun cento sufriron danos ao descarrilar un tren de Iryo en Adamuz (Córdoba) e bater contra un Alvia de Renfe que circulaba pola vía contigua

Segundo a información fornecida polas compañías implicadas, o sinistro aconteceu ás 19h45 do domingo, cando un tren da empresa Iryo que circulaba entre Málaga e a estación madrileña de Atocha descarrilou nun dos desvíos que dan acceso á vía número 1 ao seu paso por Adamuz. Ao descarrilar bateu contra un Alvia de Renfe que nese momento circulaba pola vía contigua cubrindo a ruta entre Madrid e Huelva.

O Alvia sinistrado tras o descarrilamento do tren de Iryo, en imaxes divulgadas pola Garda Civil este 19 de xaneiro

O descarrilamento produciuse cando no convoi da compañía privada viaxaban 317 persoas. Afectou aos dous vagóns finais do tren de Iryo e os máis afectados do Alvia foron os primeiros da composición. Nese sentido, xa foi confirmado que unha das persoas mortas foi o maquinista do tren de Renfe. 

A primeiras horas do luns permanecían ingresadas 48 persoas feridas, entre elas cinco menores de idade

Os últimos balances actualizados polo 112 Andalucía contra as oito e media da mañá deste luns apuntan a 122 persoas atendidas por feridas de diversa consideración. Un total de 48 están ingresadas, 12 delas en unidades de coidados intensivos. Entre as hospitalizadas hai cinco menores de idade, unha delas na UCI, segundo a mesma fonte oficial. Mentres, "ata 74 afectados foron xa dados de alta", especificaron as autoridades andaluzas nas primeiras horas deste luns.

Investigación das causas

A respecto das causas do sinistro, o Ministerio de Transportes apela á prudencia no que, nunha primeira impresión, observa como un accidente "raro e difícil de explicar", en palabras do ministro. Óscar Puente apunta que o tren Iryo ten escasa antigüidade, que o treito do descarrilamento é recto e, ademais, pertence a unha infraestrutura renovada hai escasos meses.

As forzas de seguridade toman xa sobre o terreo mostras e realizan pescudas sobre uns feitos que van ser investigados penalmente pola Xustiza e tecnicamente, pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Transportes.  Trátase dun organismo cuxa actuación sobre o sucedido en Angrois, onde puxo só o foco sobre o maqunista, foi duramente criticada pola Unión Europea, que sentenciou que daquela non era un ente independente. Tras unha primeira reforma hai unha década, o actual Ministerio de Transportes está a modificala máis amplamente, impulsando un novo organismo que realice as pescudas de accidentes ferroviarios, aéreos e marítimos. [Os investigadores de accidentes de tren: criticados pola UE en Angrois e á espera dun ente único con barcos e avións]

Solidariedade de vítimas de Angrois

Dende pouco despois de transcender o sinistro foron múltiplas as mostras de solidariedade coas persoas afectadas. Foron expresadas pola práctica totalidade de institucións e forzas políticas e tamén dende o principal colectivo de vítimas do accidente de Angrois, a Plataforma Víctimas Alvia 04155.

"Queremos trasladar o noso máis sentido pésame e solidariedade a todas as persoas afectadas pola traxedia ferroviaria de Adamuz", sinala a plataforma, que manifesta a súa vontade de "acompañar a vítimas e familiares neste momento de profunda dor" e sinala que están á súa "disposición". A Plataforma Víctimas Alvia 04155 confía en que as persoas afectadas reciban "toda a atención e apoio que necesitan" e tamén "dignidade, verdade e xustiza".

Atención a persoas feridas no accidente ferroviario de Adamuz (Córdoba) © 112 Andalucía

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.