Rueda, Pontón, Besteiro ou a Plataforma de Vítimas de Angrois póñense a disposición dos afectados polo accidente de Adamuz
Doce anos e medio despois de que en Angrois morresen 79 persoas e 143 resultasen feridas o accidente ferroviario deste domingo en Adamuz, Córdoba, levou novamente á sociedade galega a amosar a súa solidariedade coas vítimas do sinistro. Concellos e Xunta acolleron minutos de silencio e os principais representantes políticos se están a pronunciar en apoio do pobo andaluz.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pronunciouse no mediodía deste luns "con Angrois na lembranza" e transmitindo aos familiares das vítimas o "pesar" e "apoio" de "todo o pobo galego". "Loxicamente os galegos temos que botar a vista atrás e recordar o accidente de Angrois do ano 2013, naquel momento recibimos a solidariedade e axuda de moitísimas persoas, sentimos o seu cariño, e polo tanto agora queremos facer o mesmo coas persoas afectadas polo accidente de onte", dixo Rueda. O presidente tamén asegurou que "se fora necesario, por suposto que Galicia aportaría medios, igual que recibimos ofrecementos de axuda no accidente de Angrois no seu momento".
Uns medios que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, deu por suposto que a Xunta porá en caso de seren necesarios e aos que engadiu "toda a disposición do BNG para axudar neste momento en todo o que sexa posible". "En Galicia sabemos moi ben o que significa vivir unha traxedia deste tipo", dixo Pontón, que pediu estar "coas familias e coas vítimas".
Similares verbas pronunciou o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que tamén dixo que Galicia "coñece ben" o que se sente nestes momentos e ofreceu "toda a nosa solidariedade coas vítimas, coas súas familias e cos seus achegados".
A Plataforma de Vítimas de Angrois ponse a disposición dos afectados "desde o máximo respecto e compromiso coa dignidade, a verdade e a xustiza"
Este luns tamén se pronunciou a Plataforma de Vítimas de Angrois, que trasladou o seu "máis sentido pésame e solidariedade a todas as persoas afectadas pola traxedia ferroviaria de Adamuz". A plataforma ponse a disposición das vítimas "desde o máximo respecto e compromiso coa dignidade, a verdade e a xustiza" e confía "en que se lles preste toda a atención e apoio que necesitan".