Todas as veces que Europa dixo o mal que o fixo España en Angrois

Sedes do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, a Comisión Europea e o Parlamento Europeo CC-BY-SA Imaxes das respectivas institucións, montaxe de Praza Pública

Tras reiteradas críticas da Comisión, a Eurocámara ou a Axencia Ferroviaria Europea, agora será o Tribunal de Dereitos Humanos o que se pronuncie sobre a actuación do Estado no accidente de Santiago

Hai só sete meses que unha sentenza penal di que no accidente de Angrois non só fallou o maquinista senón tamén a seguridade de Adif. Pero hai moitos máis anos que Europa vén dicindo que España o fixo mal non só no sinistro senón tamén na súa reacción ao mesmo. Agora será o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos o que analizará a reiterada negativa do Estado a unha investigación técnica independente do ocorrido -se a penal pescuda as culpabilidades, a técnica estuda as causas para que non se volvan repetir-. Pero son varias as instancias comunitarias que se veñen pronunciando desde hai anos de xeito crítico sobre distintas actuacións das autoridades españolas arredor do ocorrido o 24 de xullo de 2013 en Santiago.

A Plataforma Víctimas Alvia 04155, intervindo no Parlamento Europeo da man da eurodeputada do BNG Ana Miranda CC-BY-NC-SA BNG

Xa antes do accidente a Comisión Europea viña mantendo contactos co Goberno de España sobre a correcta aplicación da normativa europea sobre o sector ferroviario de 2004, pero en setembro de 2013, dous meses despois do sinistro, abriu un procedemento de infracción ao respecto. Un dos elementos que cuestionaba era o grao de independencia da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), nomeada polo Ministerio de Fomento, que un ano despois do accidente concluíu que este se debera exclusivamente ao despiste do maquinista do Alvia. 

No marco do procedemento de infracción contra España a Axencia Ferroviaria Europea elaborou un informe específico sobre a actuación da CIAF en Angrois, documento que censurou non só a súa falta de independencia senón que non analizara todas as posibles causas do sinistro, centrándose só no maquinista. Ese informe crítico da Axencia Ferroviaria Europea non foi coñecido ata despois das eleccións xerais de xuño de 2016 polas manobras do Goberno de Mariano Rajoy para evitar a súa divulgación.

A UE certificou en dous procedementos de infracción que España non facía ben as análises de riscos ferroviarios nin as investigacións dos accidentes, e só considerou corrixidas as eivas en 2016 e 2024, moito despois de Angrois

A UE pechara o seu procedemento de infracción en maio de 2016, ao considerar que España xa resolvera as eivas sinaladas, entre elas a reforma da CIAF para que a nomease o Congreso e non o ministerio e darlle así a independencia que requiría Europa. Pero cando a Plataforma de Vítimas do accidente e a eurodeputada do BNG Ana Miranda pediron acceso ao informe sobre a actuación da CIAF en Angrois, a ministra de Fomento, Ana Pastor, e o de Exteriores, José Manuel García-Margallo, chegaron a escribir ao presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, para pedirlle que o mantivese oculto.

A UE acabou facendo público o documento en xullo, tras as eleccións xerais, e esas críticas da Axencia Ferroviaria Europea ao ocorrido en Angrois acabaron influíndo na investigación penal do sinistro. O autor do informe comunitario, Christopher Carr, xefe do departamento de seguridade da axencia europea, foi citado a declarar tanto na instrución en 2017 como no xuízo penal en 2022, e o mesmo fixo en 2018 na investigación política aberta no Congreso e aínda non pechada. En todos eses foros insistiu en que Adif non cumprira coa súa obriga de garantir a seguridade na curva de Angrois.

Conclusións da comisión de investigación de Fomento sobre o accidente de Angrois e críticas que lle fixo a Axencia Ferroviaria Europea en 2016 CC-BY-SA Praza Pública

Pero pechado aquel primeiro procedemento de infracción contra España porque a CIAF xa fora reformada, quedaban aínda flocos. Porque a CIAF segue considerando válido o seu informe sobre Angrois e vense negando a repetilo, malia que a UE teime en que España aínda non fixo unha avaliación técnica do accidente conforme á normativa europea. 

Así o reiteraron sempre a petición do BNG xa dúas comisarias europeas sucesivas de Transporte: Violeta Bulc, no cargo entre 2014 e 2019, e Adina Vălean, desde 2019 ata hai unhas semanas. Elas e outros altos cargos da Comisión deixaron constancia do incumprimento reiterado de España cando menos en xullo de 2017, marzo e novembro de 2020, agosto de 2022 ou xuño de 2024. E así o reitera a propia Axencia Ferroviaria Europea, varios de cuxos máximos responsables participaron en xullo de 2023 nun foro organizado novamente polo BNG en Bruxelas con vítimas de Angrois no que insistiron en que segue sen haber unha investigación técnica correcta do sinistro.

Ante a negativa da nova CIAF a reabrir esa investigación, sucesivos gobernos de España, tanto de PP como de PSOE, veñen argumentando que como agora xa é independente non lle poden dar esa orde, eludindo unha solución política á cuestión. Iso é o que levou á Plataforma de Vítimas a recorrer á xustiza, onde tampouco lograron que ningún tribunal español resolva o bloqueo, co que veñen de acabar ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

Pero mentres se desenvolvían estes feitos arredor da investigación técnica sobre Angrois a Comisión Europea abría en xaneiro de 2019 un segundo procedemento de infracción contra España con Angrois como contexto. Agora o que pasou a estudar a UE foi o xeito en que o sistema ferroviario español analizaba os riscos para a seguridade, cuestión clave no proceso xudicial penal que acabou coa condena do cargo de Adif. 

Sinalización e sistemas de seguridade na curva de Angrois © Adif

Ese segundo procedemento de infracción foi pechado aínda o pasado ano, logo de que España tardase unha década en corrixir as eivas que presentaban os seus procedementos de avaliación de riscos, como se comprobou en Angrois.

A UE constatou que durante anos os sistemas de xestión da seguridade das empresas ferroviarias españolas existían "sobre o papel" pero "o persoal non comprende en que consisten nin os aplica correctamente"

Tras pecharse ese segundo procedemento, novamente as vítimas volveron ter acceso á documentación do mesmo, como fixeran en 2016 co primeiro e o informe crítico coa investigación oficial de Angrois. Así lograron divulgar o pasado novembro unha auditoría da UE que constatou que durante anos os sistemas de xestión da seguridade das empresas ferroviarias españolas existían "sobre o papel" pero "o persoal non comprende en que consisten nin os aplica correctamente", subestimando os riscos e sen controlar se eran establecidas "realmente medidas de mitigación".

Durante todos estes anos tamén o Parlamento Europeo recibiu e apoiou as vítimas do accidente. E agora será o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos o que analice desde Estrasburgo a negativa de España a unha investigación técnica de Angrois como esixe a normativa comunitaria. En outubro de 2018 o máximo responsable da CIAF cando se fixo o informe incorrecto sobre Angrois asegurou no Congreso que a daquela ministra Ana Pastor impedira refacer a investigación, pero horas despois rectificou en medio de críticas e ameazas do PP, incluído Alberto Núñez Feijóo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.