O alto tribunal rexeita a vía contencioso-administrativa aberta polas vítimas á espera da sentenza penal e di que a CIAF actual é independente, sen entrar en se o era cando culpou en exclusiva ao maquinista
O Tribunal Supremo vén de emitir unha sentenza coa que pecha a vía contencioso-administrativa aberta pola plataforma de vítimas de Angrois para lograr a investigación técnica independente do accidente aínda non realizada máis de dez anos despois. De xeito paralelo ao proceso penal, no que o xuízo rematou o pasado xullo e está pendente de coñecerse a sentenza nos próximos meses, as vítimas iniciaran un proceso contencioso-administrativo contra a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Transportes por negarse a analizar o sinistro como esixe a Unión Europea. Porén, o Supremo considera que a comisión é independente para dar a resposta que considere ao respecto.
No xuízo penal polo accidente foron xulgados tanto o maquinista do tren Alvia descarrilado en Angrois o 24 de xullo de 2013 provocando 80 mortes como un ex-alto cargo de Adif, ao que se atribúe non habilitar as medidas de seguridade necesarias. Porén, a investigación realizada hai unha década pola CIAF sinalara só a responsabilidade do maquinista. Esa investigación foi invalidada pola Axencia Ferroviaria Europea tanto por non analizar todas as posibles causas do accidente máis alá do despiste que tivo o maquinista como pola falta de independencia da CIAF cando a realizou.
Desde 2016 a UE vén reiterando que España aínda non fixo a investigación independente que esixe a normativa europea, pero agora o Supremo di que a actual CIAF é libre para negarse
Tras desmontar aquela investigación, a Comisión Europea leva anos pedindo e constatando que España aínda non realizou unha análise técnica independente do accidente de acordo coa normativa europea. Pero os sucesivos gobernos tanto de PP como de PSOE argumentan que agora a CIAF xa si é independente e polo tanto non lle poden dar ordes. E a propia CIAF négase a realizar esa nova investigación porque mantén, en contra do que a UE, que a feita en 2013 foi correcta.
Ante este bloqueo a plataforma de vítimas recorreu á vía contencioso-administrativa para que a xustiza obrigase á CIAF a facer a nova investigación. En xuño do pasado ano o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid estableceu que a CIAF debía responder expresamente á petición das vítimas dunha nova investigación, pero non ía máis alá e permitía que esa resposta seguise sendo negativa. Así que as vítimas recorreron ao Supremo e agora o alto tribunal rexeita as súas peticións.
O Supremo si considerou relevante analizar o recurso das vítimas polo súa posible influencia en futuros accidentes catastróficos. De feito, na súa sentenza establece que as investigacións técnicas deben ter en conta ás vímas. Pero a súa conclusión é que actual composición da CIAF é correcta, que foi nomeada garantindo os criterios de independencia que esixe a UE e que o feito de que os seus membros traballasen antes en empresas do sector implicadas no accidente de Angrois "non evidencia a súa incompatibilidade cun criterio técnico e independente unha vez nomeados membros da comisión".
Así que o Supremo, "constatada a independencia" da actual CIAF, rexeita a petición das vítimas de que fose cesada e nomeada unha nova que fixese a investigación reclamada pola UE. "Ha de ser necesariamente a Comisión coa súa actual composición a que deberá decidir [...] sobre a admisión e, no seu caso, sobre o fundamento da petición de realizar unha nova investigación técnica do accidente", conclúe o alto tribunal.
Porén, a sentenza do Supremo non entra a analizar se a composición da CIAF cando fixo a súa anterior investigación do accidente era ou non independente. Cuestión sobre a que segue prevalecendo a consideración da UE de que daquela a CIAF non era independente e de que o seu informe foi incorrecto. En todo caso, segundo agora sentencia o Supremo, a actual CIAF poderá seguir negándose a cumprir coa UE.