Máis cartos a máis afectados: así mellora a Audiencia indemnizacións ás 500 vítimas de Angrois tras absolver a Adif

Vítimas de Angrois no Obradoiro e lista coas 79 persoas falecidas e os familiares aos que se recoñece unha indemnización CC-BY-SA Praza Pública

A nova sentenza aumenta as contías a recibir para 71 das 144 persoas feridas e para as familias de 41 dos 79 falecidos, e recoñece 13 familiares máis con dereito a indemnización

A sentenza coa que a Audiencia Provincial da Coruña vén de absolver o cargo de Adif condenado inicialmente polo accidente de Angrois de 2013 mellora boa parte das indemnizacións que deben recibir as persoas feridas ou os familiares das falecidas. Unhas indemnizacións que agora deberán ser pagadas exclusivamente pola aseguradora de Renfe, QBE, como responsable civil do único condenado polo sinistro, o maquinista. 

Se no accidente a xustiza considera que houbo 79 falecidos e 144 feridos, agora a Audiencia mellora as indemnizacións por 41 falecementos e 71 lesionados. Na sentenza orixinal o total das indemnizacións ascendía, segundo cifras facilitadas polo Poder Xudicial, a uns 25 millóns de euros, mentres que a nova limítase a identificar as partidas concretas corrixidas de só 112 casos, o que por si só xa suma uns 22 millóns. Así, o monto total das indemnizacións polas 223 persoas afectadas directamente pode superar amplamente os 30 millóns de euros.

Pero a xustiza non só recoñece indemnizacións ás 223 persoas que ían no tren senón tamén a familiares de falecidos, o que eleva a cifra de persoas concretas que recibirán unha indemnización a arredor de 500 tras recoñecer agora a Audiencia a 13 familiares máis que a sentenza de primeira instancia. En concreto, a nova sentenza engade como indemnizables a cinco sobriños, tres netas, tres irmáns e dous avós.

Xa na sentenza previa a xustiza recoñecera dobremente o dereito a indemnización a unha vintena de vítimas por perder varios familiares ou resultaren elas mesmas feridas no sinistro

Por outra banda, xa na sentenza previa a xustiza recoñecera dobremente o dereito a indemnización a unha vintena de vítimas por perder varios familiares ou resultaren elas mesmas feridas no sinistro

Cada caso é un mundo, pero algunhas pautas repítense. Por exemplo, hai varios casos de persoas falecidas con vinte e poucos anos. Na primeira sentenza os pais deses casos recibían entre arredor de 170.000 ou 190.000 euros, mentres que na nova pasan a máis de 210.000 euros, mentres que os irmáns que recibían uns 30.000 euros pasan agora a seren indemnizados cuns 38.000 euros.

Noutros casos, polo falecemento dun pai de familia a viúva que ía cobrar 180.000 euros pasa a ser indemnizada con 280.000, e os dous fillos que ían recibir 15.000 euros cada un pasan agora 110.000 e 75.000 euros segundo a súa idade e dependencia económica da familia.

Unha ducia de persoas feridas precisaron ou seguen precisando de por vida asistencia de terceiras persoas

No que respecta ás persoas feridas, xa a sentenza previa relataba os casos dunha ducia de persoas feridas que precisaron ou seguen precisando de por vida da asistencia de terceiras persoas, concepto que elevou as indemnizacións. 

O caso máis grave foi o dun home que tiña 37 anos cando o accidente que quedou con incapacidade permanente absoluta necesitada de axuda de terceiras persoas de por vida e cunhas secuelas que "supoñen unha alteración substancial da vida dos seus familiares máis próximos". A sentenza inicial recoñecíalle unha indemnización de 2,1 millóns de euros e agora a Audiencia elévalla a 2,7 millóns.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.