A política ante a sentenza de Angrois, do "sentido común" á "vergoña"

Mariano Rajoy, Alberto Núñez Feijóo e outros cargos do Goberno de España, da Xunta, do Concello de Santiago e do PP, en Angrois o 25 de xullo de 2013 ante restos do Alvia accidentado © Pool Moncloa

Feijóo, que como presidente da Xunta xa sinalara o maquinista como único culpable apoiándose no "sentir maioritario da sociedade", encadra agora a sentenza no "sentido común"

O accidente do Alvia en Angrois que, o 24 de xullo de 2013, supuxo a morte de 79 persoas e feridas de diversa gravidade a outras 143 tivo unha derivada política dende escasas horas despois de acontecer. Foi daquela cando, entre o shock e o loito, comezou a emerxer unha verdade oficial centrada unicamente na responsabilidade do maquinista por despistarse a causa dunha chamada do interventor do tren que tiña a obriga de atender e non frear de 200 a 80 quilómetros por hora no punto debido.

A sentenza da Audiencia da Coruña que vén de corrixir o primeiro ditame sobre a causa apoia, polas consideración de dúas maxistradas fronte a unha terceira, esa tese do maquinista como único culpable, da que previamente diferiran tamén nove xuíces e xuízas máis. Ese sinalamento único ao condutor condiciona tamén as respostas políticas ao respecto.

Feijóo, intervindo ante a prensa nun dos días seguintes ao accidente de Angrois, flanqueado polos daquela ministros do Interior e de Fomento, Jorge Fernández Díaz e Ana Pastor, e xunto a mandos policiais © Xunta

Nun contexto no que todos os niveis institucionais afectados estaban dirixidos polo PP con maioría absoluta, dende o Goberno de España ata o Concello de Santiago, o daquela presidente da Xunta secundara o foco único no maquinista. Alberto Núñez Feijóo mesmo suxerira a existencia de "intereses económicos" contra a alta velocidade española en quen apuntase outras causas, como a desconexión do sistema de control constante da velocidade ERTMS nas vías e a bordo dos Alvia.

O Goberno de España opta polo perfil baixo nun contexto marcado polo accidente de Adamuz tras evitar pronunciarse sobre a anterior sentenza, que tamén condenaba o ex-cargo do Adif

Nesa liña, cando en 2015 o xuíz instrutor do caso decidiu pechar a investigación co maquinista como único imputado -a Audiencia da Coruña revogou despois o peche e instou a ir máis alá-, Feijóo saudou a decisión por "coincidir" co "sentir maioritario da sociedade". Agora, na súa calidade de líder estatal do PP, coida que a sentenza que exculpa o ex-xefe de Seguridade do Adif e condena só o maquinista "concorda co sentido común", expresou horas despois da publicación do ditame e ademais cadra co que el mesmo "viu" e "estudou" en 2013. 

Nos meses seguintes á primeira sentenza, que condenaba o maquinista e o ex-cargo do Adif en igualdade de condicións, pola contra, a dirección estatal do PP optara polo silencio ao respecto. Fontes da dirección estatal do partido especificaran que tiñan "outras prioridades" no eido ferroviario, centradas nas críticas ao actual Goberno español e en Pedro Sánchez.

Referencias á Fiscalía e á Avogacía do Estado nos carteis da Plataforma Víctimas Alvia 04155 nunha mobilización CC-BY-NC-SA Praza.gal / Cedida

No Goberno de España, precisamente, a reacción política a esta última palabra xudicial sobre o accidente de Angrois está a ter un perfil baixo e, sobre todo, condicionado por outro accidente ferroviario, o acontecido a pasada semana en Andalucía con máis de corenta persoas falecidas. Nunha das comparecencias sobre ese sinistro o actual ministro de Transportes, Óscar Puente, sinalou a imposibilidade de pronunciarse sobre unha sentenza emitida horas antes e que aínda non puidera ler. O Adif, pola súa banda, limitouse a expresar "respecto absoluto" pola decisión do tribunal. Sobre a primeira sentenza o Ministerio elixira tamén non responder.

O BNG ve "instaurada a impunidade"

Pontón ve a sentenza "tremendamente perigosa" e lamenta que a Xustiza "inflixa máis dor ás vítimas"

As voces políticas máis críticas coa nova sentenza chegaron dende o BNG. "Vergoñenta", resume a súa portavoz nacional, Ana Pontón, que ante o Consello Nacional da formación lamentaba a pasada fin de semana que, alén de "inflixir máis dor ás vítimas, que xa pasaron bastante calvario", a sentenza resulta "tremendamente perigosa"" por "instaurar a impunidade" en tanto que "exculpa os responsables de non ter as medidas de seguridade que eran necesarias".

Despois de que, neste tempo, actuacións do Bloque ante a Comisión Europea e no Parlamento Europeo acabasen propiciando avances nas investigacións alén do maquinista, Pontón asegura que a súa intención é "seguir ao carón das vítimas, estar ata o final con elas". "Para que haxa xustiza, para que haxa verdade e para que haxa reparación", resalta.

Ana Pontón e Ana Miranda, en Bruxelas acompañando as vítimas de Angrois nunha xuntanza coa daquela comisaria europea de transportes CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.