Vítimas de Angrois, indignadas polas chanzas de Rajoy co tren: "Hai que ter pouca vergoña"

Rajoy, Feijóo, a daquela ministra Ana Pastor e outros cargos, visitando Angrois tras o accidente en xullo de 2013 © Goberno de España

O 24 de xullo de 2013 descarrilou na compostelá curva de Angrois un tren Alvia procedente de Madrid. No accidente morreron 79 persoas e outras 143 resultaron feridas, como consta nos feitos probados da primeira sentenza xudicial sobre o sinistro, ditada hai un ano con condenas en igualdade de condicións por homicidio e lesións por imprudencia para o maquinista do convoi e o daquela xefe de Seguridade do Adif.

Cando sucedeu o sinistro, Mariano Rajoy era o presidente do Goberno de España. "Connosco os trens funcionaban", chanceou Rajoy esta pasada fin semana no congreso do PP, propiciando a indignación das vítimas daquel accidente organizadas na Plataforma Víctimas Alvia 04155. "Hai que ter pouca vergoña", sintetizan.

Chanzas de Rajoy sobre o tren no congreso do PP, o pasado 4 de xullo CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal realizado PP

Rajoy tamén era presidente cando, en xuño de 2012, o Adif autorizou a desconexión a bordo dos Alvia do sistema de control constante da velocidade ERTMS porque en ocasións fallaba noutros puntos da liña, provocando demoras como as que actualmente o PP considera intolerables. Ese sistema estaba previsto tamén nas vías en todo o trazado da liña de alta velocidade Ourense-Santiago, pero o proxecto foi modificado e o ERTMS, suprimido nese punto aludindo a razóns técnicas. A modificación, clave na condena do ex-cargo de ADIF por "omitir a avalación do risco" de autorizala, sucedeu aínda co PSOE no Executivo central, pero o gabinete de Rajoy non tomou decisión ningunha para revertela.

"Connosco os trens funcionaban", gabouse quen era presidente do Goberno de España cando aconteceu o accidente do Alvia, cuxo goberno manobrou en múltiplas instancias na defensa da verdade oficial desmontada pola primeira sentenza xudicial do caso

Dende escasas horas despois da traxedia o Goberno de Rajoy lanzouse a defender con intensidade unha verdade oficial sobre o acontecido en Angrois: o sucedido tivera como única causa un despiste do maquinista. Esa defensa incluíu declaracións políticas de ton diverso, pero foi moito máis alá. Incluíu unha pescuda técnica da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), órgano técnico daquela dependente do Ministerio de Fomento que, tamén apuntou en exclusiva contra o condutor.

As conclusións da CIAF foron desmontadas en 2016 nun duro informe da Axencia Ferroviaria Europea grazas á cal a dependencia gobernamental da comisión foi reformulada. O informe viu a luz malia ás acreditadas manobras do Goberno de Rajoy ante a Comisión Europea para tentar frear ou, cando menos, dilatar a difusión e amortecer o seu impacto político.

Autorización para desconectar os ERTMS nos Alvia, asinada polo daquela xefe de Seguridade do Adif en xuño de 2012 Dominio Público Sumario da causa de Angrois

Con todo este pano de fondo, Rajoy aproveitou o seu discurso no conclave que reelixiu a Alberto Núñez Feijóo como líder do PP para ironizar sobre o sistema ferroviario aproveitando atrasos e avarías dos últimos meses. "Connosco os trens funcionaban e chagaban en hora", afirmou, mentres que agora "unha viaxe en tren é unha aventura, unha rifa; podes quedar tirado sen saír da estación ou no medio do traxecto", sinalou entre risos do público.

"Durante o seu goberno ocorreu o accidente de tren máis grave da historia da democracia" e "trece meses antes, Adif desconectou o sistema de seguridade que o evitaría", lamenta a Plataforma Víctimas Alvia 04155. "Non teñen vergoña nin corazón", afea Ana Pontón sobre as palabras do ex-líder do PP

"O único asegurado é que ninguén se vai preocupar de ti, ninguén che vai dar unha solución e ninguén che vai dar unha desculpa", continuou mentres o auditorio celebraba unha intervención respondida pouco despois a través das redes sociais por parte da principal plataforma de vítimas de Angrois. "Durante o seu goberno ocorreu o accidente de tren máis grave da historia da democracia" e "trece meses antes, Adif desconectou o sistema de seguridade que o evitaría", censuraron antes de lembrar que "Rajoy ascendeu a todos os responsables".

Por parte daquel Goberno, agregan, non obtiveron "ningunha desculpa", pero si "mentiras, ocultacións e presións". Os populares con Rajoy á fronte, asemade, bloquearon sistematicamente a comisión de investigación sobre o accidente no Congreso dos Deputados, que despois de múltiplos intentos acabara abrindo cando, tras as primarias de 2017 que supuxeron o retorno de Pedro Sánchez ao liderado, o PSOE cambiou de criterio e pasou de bloquear a comisión a apoiar a súa celebración.

Escritos dos ministros de Exteriores e Fomento do Goberno de Rajoy á Comisión Europea sobre a investigación de Angrois e resposta da UE

As consideracións de Rajoy e o ton no que as fixo tamén xeraron reproches por parte do BNG. "Non teñen vergoña nin corazón", lamentou a súa portavoz nacional, Ana Pontón. "Rajoy, Pastor e Feijoo tiveron un comportamento vergoñento coas vítimas de Angrois, empatía cero. Aínda lembro cando Feijoo mandou a policia á concentración de familiares das vítimas", resaltou a eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, que no Parlamento Europeo canalizou múltiplas iniciativas e reclamacións da Plataforma Víctimas Alvia 04155. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.