A medida de graza, cada vez menos frecuente, vénse outorgando nos últimos anos a condenados por lesións ou roubos tras ser as drogas ou insubmisións ao servizo militar as protagonistas en décadas anteriores
O maquinista do tren Alvia que en 2013 descarrilou en Angrois deixando 79 persoas falecidas e 144 feridas, único condenado polo sinistro tras a absolución en xaneiro dun cargo de Adif, pediu hai uns días formalmente o seu indulto ao Goberno de España. Condenado a dous anos e medio de cadea por homicidios e lesións por imprudencia grave profesional, un indulto parcial de só medio ano, como o que xa recibiron en 2009 outros dous maquinistas por outro accidente con 18 mortes en Navarra en 1997, permitiríalle evitar a entrada en prisión ao carecer de antecedentes penais previos.
A medida de graza é unha potestade discrecional polo Consello de Ministros, que vén reducindo progresivamente as que outorga, con 13 na última década en Galicia, fundamentalmente a condenados por lesións ou roubos tras ser as drogas ou insubmisións ao servizo militar as protagonistas en décadas anteriores.
Os indultos publícanse no Boletín Oficial del Estado (BOE) indicando o tribunal que pronunciou a condena que se perdoa total ou parcialmente, o que permite coñecer se esta tivo orixe nalgún xulgado das catro provincias galegas. Unha pescuda directa nos indultos publicados, ratificada por un buscador que Civio mantén desde hai uns anos, permite comprobar que tanto en Galicia como no resto do Estado as medidas de grazas caeron notablemente no que vai de século.
Os perdóns de condenas por insubmisión ao servizo militar obrigatorio que rematou no 2000 foron seguidas nos primeiros anos deste século por numerosos indultos de casos menores de tráfico de drogas ou doutros delitos vinculados co consumo das mesmas, e nos últimos anos por delitos de lesións ou roubo. Pero en progresivo descenso. Se no que vai de século se outorgaron 335 indultos de penas emitidas por tribunais galegos, o groso, 253, correspóndense coa primeira década, mentres que nos últimos dez anos só se outorgaron 13 medidas de graza.
O indulto de maior relevancia dos outorgados no que vai de século en Galicia foi en 2005 o dunha muller condenada a dous anos e medio de cadea por cada un dos tres homicidios imprudentes de tres bebés de que foi considerada culpable no incendio dunha escola infantil en Vigo en 1997. As penas fóronlle conmutadas parcialmente por unha única de dous anos de cadea.
En 2009 tamén foi indultado parcialmente un home condenado por tentativa de homicidio tras unha discusión de tráfico. Sentenciado a dous anos e medio, foille igualmente rebaixada a pena a dous anos.
En Galicia en 2005 foi indultada parcialmente unha condenada por homicidio imprudente de tres bebés, en 2009 o autor dunha tentativa de homicidio e en 2019 dous sindicalistas sentenciados a tres anos de cadea por un piquete
Na última década, con 13 indultos, seis foron a persoas condenadas por delitos de roubo ou furto, un deles con violencia e intimidación; catro por delitos de lesión, un deles con deformidade; dous por delitos contra os dereitos dos traballadores; e un por deslealdade militar.
As penas orixinais máis altas eran en tres deses casos de tres anos de cadea. No caso dos dous indultos por delitos contra os dereitos dos traballadores, foran dous sindicalistas condenados a tres anos de cadea por participar nun piquete nunha folga en 2008 que viron en 2019 conmutada a pena de prisión por outra de multa. Tamén a tres anos fora condenado en 2017 o autor dun delito de lesións con deformidade que en 2021 foi indultado parcialmente rebaixándolle a pena a dous anos a condición de que pagase a indemnización establecida. O que non se atopa en Galicia nas últimas décadas son indultos por delitos relacionados coa corrupción ou a liberdade sexual.
Fóra de Galicia os indultos con máis sona dos últimos anos foron os outorgados en 2021 aos nove líderes independentistas cataláns encarcerados desde 2017, aos que se lles perdoaron as penas que aínda tiñan pendentes de cumprir, en varios casos con condenas a máis dez anos de cadea.
No Estado os indultos máis sonados dos últimos anos foron en 2021 os dos nove líderes independentistas cataláns, e no eido ferroviario en 2009 os dos dous maquinistas condenados polas 18 mortes do accidente de Uharte Arakil de 1997
Pero o indulto con máis similitudes co que agora se solicita para o maquinista de Angrois foi o que outorgou en 2009 o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero a dous maquinistas condenados igualmente a dous anos e medio de cadea por 18 homicidios por imprudencia grave nun accidente ocorrido en 1997 en Navarra. Os dous maquinistas daquel sinistro de Uharte Arakil foran sentenciados por entrar con exceso de velocidade nesa estación segundo eles porque un sinal erróneo así o permitía, cuestión que a xustiza non considerou acreditada. O Goberno perdooulles en 2009 medio ano de cadea a cada un "a condición de que non volva cometer delito doloso no prazo de catro anos".
Ese matiz, o de que o delito polo que foi condenado o maquinista de Angrois non foi doloso ou a mantenta -despistouse e non freou a tempo antes da curva ao recibir unha chamada do interventor do tren-, é un dos argumentos esgrimidos na súa solicitude de indulto, xunto con outros como o perdón reiterado que pediu ás vítimas, que está integrado e non é un perigo para a sociedade ou que está enfermo e é o único coidador da súa nai de 93 anos.
O debate das vítimas
Ante a posibilidade dun indulto parcial ao maquinista de Angrois, o presidente da Plataforma de Vítimas, Jesús Domínguez, xa declarara días despois da condena da Audiencia da Coruña que esa sería unha valoración que debería facer unha asemblea das vítimas e non el como presidente. A título persoal Domínguez dicía que para el "non ten ningún sentido que o maquinista entre na cadea", pero salientaba que a Plataforma analizaría a cuestión nunha vindeira reunión.
Praza.gal preguntou polo posible indulto a dez persoas feridas ou familiares de falecidas no accidente, con opinións dispares que van desde o apoio ata o rexeitamento pasando pola indiferenza.
Esa reunión xa se produciu e o resultado do debate nela desenvolvido foi que a Plataforma como tal segue considerando máis culpable do accidente ao cargo de Adif agora absolto, e nesa liña segue a actuar ante a xustiza, pero que non ten unha postura a respecto do indulto do maquinista senón que esa é unha cuestión persoal de cada persoa afectada ou familia. Praza.gal puido constatar, falando cunha decena de persoas feridas ou familiares de falecidas, que cada persoa consultada ofrece argumentos distintos que van desde o apoio ao indulto ata o rexeitamento pasando pola indiferenza.