O Consello de Ministros denega o indulto que pediu un funcionario condenado por suborno no caso Retablo

A casa reitoral de Paraños e a súa finca en 2003, antes de que o técnico da Xunta despois condenado comezase a utilizala CC-BY-SA Praza Pública

A Audiencia da Coruña e a Fiscalía opuxéranse ao perdón porque non devolveu o seu “obsceno enriquecemento” e polo “perigo que para a sociedade representa”

O indulto é unha medida de graza que pode outorgar ou non discrecionalmente o Consello de Ministros. E o que vén de decidir o Goberno de España na súa reunión do pasado 4 de outubro é non conceder o indulto que solicitou un dos dous funcionarios condenados por suborno no caso Retablo de corrupción con arte sacra, sentenciado en 2017 tras unha década de investigacións. 

Carlos Gómez-Gil Aizpurúa, que nos últimos anos mudou oficialmente de orde os seus apelidos, pedira que se lle perdoara o último ano da súa condena de inhabilitación para cargo público para así poder traballar nun museo estatal fóra de Galicia. A Audiencia da Coruña e a Fiscalía emitiran senllos informes rexeitando a concesión do indulto, e agora o Goberno de Pedro Sánchez vén de denegar o perdón, en liña coa progresiva redución dos indultos de delitos de corrupción que veñen concedendo os últimos gobernos centrais.

Comunicación do Ministerio de Xustiza á Audiencia da Coruña da denegacion do indulto pedido polo condenado no caso Retablo CC-BY-SA Praza Pública

O caso Retablo destapouse en 2009, despois de que veciños de Paraños, en Covelo, descubrisen que Gómez-Gil tentaba vender en internet a que fora a casa reitoral da parroquia, que eles mantiveran durante anos, por 680.000 euros tras mercarlla á Igrexa por só 60.000 euros. A investigación revelou como Gómez-Gil, funcionario de carreira do Ministerio de Cultura que traballou para a Xunta entre 2004 e 2009, e José Manuel Pichel, arquitecto que tamén traballaba para a Administración galega, facilitaban contratos a empresas implicadas na trama e decidían que obras de restauración de bens eclesiásticos se executaban a cambio de diversas compensacións persoais.

O condenado pedira o indulto para poder traballar nun museo pero Audiencia da Coruña e Fiscalía salientaron a súa "perigosidade" ao exercer como funcionario e a "burla" que suporía que volvese ocupar un emprego público

O caso saldouse en xuño de 2017 cunha condena por acordo de todas as partes na que os acusados admitiron os delitos a cambio de rebaixa nas penas. Gómez-Gil foi sentenciado pola Audiencia da Coruña a dous anos de cadea, inhabilitación para emprego público por seis anos, o comiso de 103.000 euros e unha multa de pouco máis de 2.000 euros. O condenado non entrou en prisión a cambio de non volver delinquir, pero segue tendo vixente a inhabilitación para emprego público, da que xa cumpriu cinco anos e réstalle outro

Como desvelou Praza.gal o pasado xuño, Gómez-Gil pediu o indulto para volver traballar nun museo estatal fóra de Galicia. Fíxoo nun escrito no que se queixaba da "pena de banquillo" que sufriu e de que as informacións sobre el impídenlle atopar outro traballo.

Detalle da reitoral de Paraños que destapou o caso Retablo antes da súa restauració CC-BY-SA Xosé Manuel Sendín

Tras a petición do indulto, Audiencia da Coruña e Fiscalía emitiron as súas respectivas opinións ao respecto, que o Goberno de España podía ou non ter en conta. A Fiscalía dixo que “non existe razón ningunha para concederlle o indulto” xa que “o delito polo que resultou condenado é un delito grave, que supón o ataque a bens xurídicos tan importantes como a boa marcha da administración, sendo neste caso a conduta merecedora de maior reproche dada a súa condición de funcionario". “Demostrou coa súa comisión a perigosidade que para a sociedade representa ao exercer como funcionario público sen atender os seus deberes de lealdade coa administración”, engadiu o ministerio fiscal. 

Audiencia e Fiscalía destacaron que o condenado "non fixo fronte á responsabilidade civil" e "non fixo efectivo en absoluto o comiso imposto", cifrado na sentenza condenatoria en 103.350 euros

Por outra banda, no escrito da Fiscalía, e malia que a defensa do condenado asegurara que ademais de pagar a multa á que fora condenado tamén asumira as responsabilidades civís, o ministerio público amosou a súa oposición á medida de graza entre outras cuestións porque “non fixo fronte á responsabilidade civil derivada destes feitos” e “non reparou o dano causado”. 

E nesa mesma liña pronunciouse tamén a Audiencia da Coruña, que no seu escrito tamén de rexeitamento do indulto constatou que “consultada a peza correspondente non se fixo efectivo en absoluto o comiso imposto, que permitiría retornar ás arcas públicas o obsceno enriquecemento obtido polo solicitante”. Comiso cifrado na sentenza condenatoria en 103.350 euros, a cantidade que se puido probar que o condenado ingresara nas súas contas procedentes das empresas da trama entre 2004 e 2009. Porén, outros subornos obtidos non puideron ser cuantificados, como as melloras que as empresas realizaron na casa reitoral que destapou o caso mentres estivo no seu poder, antes de devolverlla á Igrexa cando estourou o caso.

Informe da Audiencia da Coruña en contra do indulto a un dos dous funcionarios condenados no caso Retablo CC-BY-SA Praza Pública

Para a Audiencia “o delito cometido é un paradigma do abuso do posto na administración pública que o solicitante desempeñaba e reviste especial gravidade dado que non se tratou dun acto puntual senón dunha conduta sostida no tempo, levada a cabo de forma coordinada con terceiros e que desencadeou o enriquecemento que nos feitos probados da sentenza se reflicte”. Por iso, engadía, “permitir que o condenado volva exercer calquera cargo ou emprego público sería unha burla das finalidades da pena”. 

Ao perdón tamén se opuxo a representación da veciñanza de Paramos, que advertiu da mensaxe que lanzaría á sociedade un indulto dun condenado por corrupción

Ademais da Audiencia da Coruña e da Fiscalía, en contra do indulto tamén se manifestou a representación da veciñanza de Paraños, cun escrito no que que argumentou que “se a institución do indulto, en xeral, é cuestionable doutrinalmente, aqueles concedidos aos reos por corrupción son directamente improcedentes, polos desgraciados efectos que producen tanto na sociedade coma nos potencialmente corruptos, que se decatan de que a xurisdición penal é un obstáculo vencible e que a cadea non é lugar para persoas de certo estatus económico, político ou social, senón para os cidadáns marxinalizados”.

Escrito da Fiscalía de oposición ao indulto solicitado por un dos funcionarios condenados no caso Retablo CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.